Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

2.3- Figuras da palabra e do pensamento (1)

Definición

paisaxe con fios de cores

As figuras da palabra están baseadas nos cambios de significado que poden ocorrer nas palabras.

As do pensamento consisten nun desaxuste entre o que se pensa e como se formula ese pensamento. Aparecen non só na literatura, senón na conversa ordinaria e na argumentación científica e técnica.

Nesta páxina imos ver as seguintes: antítese, hipérbole, personificación, comparación ou símil, metáfora e metonimia.

Antítese ou contraste

Unha palabra ponse en relación, máis ou menos sorprendente, con outra contraria:

Aquel sorriso producía tristeza.

Non levei nunca peso máis lixeiro nas mans.

Hipérbole

Ponderación esaxerada. Pode facer o texto moi expresivo, sobre todo en descricións.

Ex: Ten serrín na cabeza.

Personificación ou prosopopea

Consiste en atribuír propiedades humanas aos animais e ás cousas. É moi empregada, e non só en fábulas:

O ceio agasalla con diamantes as noites que orballa (Noriega Varela)

A campía aterecida abre os olliños mollados (Luis Amado Carballo)

O vento susurra unha canción monótona.

Comparación ou símil

Comparamos dous elementos (A e B) sen que cada un perda o seu significado orixinal (ao contrario do que ocorre na metáfora). É o que facemos, por exemplo, cando comparamos o percorrido vital do ser humano co dunha árbore, ou o final dunha vida coa posta do sol.

Recorremos á comparación para representarmos máis plásticamente o que queremos dicir, e, moitas veces, para concretarmos un pensamento abstracto:

Compostela é unha rúa longa/ na memoria/ onde vogan os nomes/ e as horas/ que cada quen recorda…/ Tempo de eternidade nas sombras/ case vougas/ a cair polos días/ e as cousas/ maino como unha choiva (…)

En toda comparación hai un térmo real (A) que se compara cun término imaxinario ou imaxe (B).

O sol cae coma o son do órgano por toda a paisaxe.

O signo máis frecuente da comparación é a conxunción coma, tamén tan…coma, máis … que, menos…que.

As comparacións non son exclusivas da linguaxe poética. Cando nós empreguemos unha comparación na fala non debe ser extravagante, nin inoportuna. Tampouco debe abusarse dela nin recorrer ás comparacións mecánicas, estereotipadas, do tipo: branco coma a neve, manso coma un cordeiro, fíxoo en menos que canta un galo, etc. Procuraremos ser orixinais, sen caer na extravagancia: “In media virtus”.

Metáfora

Palabra de orixe grega coa que se aplica o nome dun obxecto (B) a outro (A) co que se observa algunha analoxía. Interiormente realízase unha comparanza e desígnase a un elemento co nome doutro, suprimindo calquera rasgo gramatical da comparación.

Así, son en orixe metáforas “pata” (de cadeira, mesa, etc.) por similitude coas dos animais. “Cabeza” (de agulla, allo, etc.) pola semellanza coa dunha persoa. “Rede” de estradas, “ollo” da agulla, etc. Estas metáforas incorporadas ao uso xeral xa non se consideran figuras literarias, porque xa non producen ninguna “sorpresa” no lector.

As metáforas literarias poden consistir en “nomes”, “adxectivos”, “verbos” e “adverbios”. A insólita combinación coa que poden aparecer estas palabras fórzanos a darlles un sentido, interpretando algún dos términos como metáfora, é dicir, como palabra que en realidade funciona con outro significado:

Teño para vostede unha montaña de preguntas.

A fórmula gramatical máis sinxela da metáfora é "A é B": A moto (A) é ruído (B) en dúas rodas”, mais tamén hai outras:

A, B: A Praza Maior (A), carrusel (B) a esas horas da tarde.

B de A: Había alí un formigueiro (B) de xente (A).

A máis complexa é a metáfora pura: na que B está no lugar de A, como se pode ver neste verso do poeta Antón Noriega Varela; nel describe as pingas do orballo nas chorimas dos toxos como diamantes:

pingas de orballo

As pingas do orballo (A) son como diamantes (B)

A metáfora que constrúe é pura: B está no lugar de A

Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamántes (A) as noites que orballa.

¡As metáforas son un recurso fabuloso para animar o estilo dun texto (literario ou non)!

Metonimia ou sinécdoque

O cambio de significado prodúcese porque entre as cousas designadas existe unha contigüidade, non unha semellanza; por exemplo, os pés da cama reciben este nome porque é alí onde os poñemos. Se dicimos que unha persoa é o violín da orquestra é porque nela toca o violín. Poden ser de varios tipos:

 Símbolo por cousa simbolizada: O nº 11 tirou o penalti.

Continente por contido: Fumei unha pipa.

Lugar, polo que nel se produce: Probamos un ribeiro excelente.

O autor pola obra: O museo de Pontevedra mercou un Lugrís.

O emprego da metonimia como sinónimo é habitual para non repetir unha palabra á que temos que facer constante referencia, ex.: no xornalismo deportivo: "esférico" e "trallazo" por balón. "Individuo", "criatura", "semellante", "alguén" por home,

Lembras?

Completa:

Personificación ou

Comparación ou

Antítese ou

Metonimia ou

Habilitar JavaScript