Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3- A narración. 1. O conto popular

 

neno consultando un libro nunha librería subido a unha escada.

1- O conto popular

O conto popular dise que é tan antigo coma a humanidade. Ten algunha característica común coa lenda, aínda que esta última atópase máis ben relacionada cunha persoa ou unha comunidade determinada, cun monumento, un lugar ou un acontecemento cuxa orixe pretende explicar (lendas etimolóxicas). O conto popular caracterízase polo anonimato do autor e pola súa transmisión oral; esta ocasiona que o conto sufra modificacións, razón pola que se coñecen moitas versións diferentes dun mesmo relato.

Os contos populares veñen sendo recollidos desde a antigüidade e célebres autores como Apuleio ou Giovanni Boccaccio incluíronos nas súas obras. O primeiro gran compilador de contos tradicionais foi Charles Perrault a finais do século XVII, mais el adaptounos para a lectura dos nenos da súa época. Os irmáns Grimm recolleron contos alemáns en 1812 por motivos etnográficos. En Galicia comezaron a recollerse no século XIX e estímase que hai recollidos uns 1000 contos populares.

O conto tradicional pode clasificarse, segundo a clasificación máis común, en:

Contos marabillosos, con elementos sobrenaturais.

Contos realistas.

Contos relixiosos.

Ademais podemos incluír como outras categorías os contos de burlas e os contos mnemotécnicos, coma este de Pedro Piñol:

Pedro Miñol tiña unha col,

veu a cabra e comeu a col,

veu o pau e pegoulle á cabra,

veu o lume e queimou o pau,

veu a auga e apagou o lume,

veu a vaca e bebeu a auga,

veu a corda e atou a vaca,

veu o rato e rilou a corda,

veu o gato e comeu o rato,

veu o can e comeu gato.

Exemplo de conto popular

OS COMPADRES E OS GALOS

      Ían dous compadres xuntos para unha feira e, no camiño, atoparon a dous galos liándose e foron eles e colleron cada un seu galo, cortándolle-lo gañote e coméronos nunha taberna.
     Chegou o tempo de cumplir co prefeuto e foron os dous compadres confesarse e, ao vir de confesarse un, díxolle ao outro:
     Has de saber que temos que pagá-los galos que comemos ese día na feira; pois díxome o confesor que se non daba palabra de restituir non me podía dar a absolución.
     O outro compadre contestoulle:
     - ¡Ti non sabes confesarte! Xa verás como a min non me di tal.
     Tocoulle o turno ao outro compadre e díxolle ao confesor:
     -Ía eu e máis un compadre por un camiño e atopamos a dous líandose, collemo-los dous, levámolos xuntos e comimos con eles nunha taberna. ¿E esto pecado?
     E contestoulle o confesor:
     - Moi lonxe deso, ¡eso é unha virtude! Reconciliar a dous enemigos e comer con eles é cousa de moito mérito!

Conto popular

Título

Clasificación

Tema

Personaxes

Consultado en:

Anónimo

Os compadres e os galos

Realista

A confesión dun acto cuestionable

2 compadres

2 galos

1 crego

 Arquivo web da páxina http://avelainha.cjb.net

Actividade 1

Le e selecciona un conto popular que sexa do teu agrado. Emprega para iso, entre outra, a seguinte bibliografía (ou os contos que ofrecemos no punto 3.1.1):

Arguindey H., Barrio M.: Antoloxía popular galega, Galaxia, 2008.

Galicia encantada. Enciclopedia de Fantasía Popular de Galicia. Contos da tradición oral de Galicia

Contos populares,selección

Unha vez que o selecciones, Cubre este cadro/ficha para enviáreslla ao teu profesor/a.

Conto popular

Título

Clasificación

Tema

Personaxes

Consultado en:

Anónimo

                                       Opinión persoal sobre o conto:

Os contacontos

Até que se comezaron a recoller por escrito, os contos populares eran narracións orais contadas ante un público arredor do lume, por exemplo, ou nas tabernas, en fiadeiros, velorios, etc. A chegada da televisión aos fogares mudou este fermoso costume e hoxe en día non abondan os bos contadores de contos entre a xente nova. Malia iso, hai unha marxe de esperanza: contamos cunha fornada de “contacontos” de grande calidade, como Vero Rilo, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Carlos Blanco, María Souto, Oswaldo Digón, Anxo Moure, Róber Bodegas…

Un dos que mellor reproduce o “estilo” do contador de contos tradicional é Celso Fernández Sanmartín (Celsiño): recolle as súas historias do entorno, introduce o conto con moito detalle, pausadamente, con bo dominio das técnicas narrativas orais. Velaquí tes un exemplo: Celso Fernández Sanmartín no Luar

Se queres ser ti tamén bo contador/a, podes aprender dos mestres, procurando en youtube algunhas das súas actuacións; e non perdas a oportunidade de escoitalos en directo en canto teñas ocasión...

Actividade de lectura

catro músicos de Bremen

CATRO AMIGOS

Daquela, inda os animais falaban.

Foi un día en que ao can vello corrérano a paus do palleiro. Estarrecíalle o corpo de cavilar como a Tía Marica, brincando con el a fungueirazos, berraba coma unha condenada:

-Larchán, lambón, sempre a durmir, sempre a durmir e os nenos a levar a froita. ¡Larchán, lambón, que non ganas nin o caldo que comes!

E mandáballe cada fungueirazo que tocaba ao bater cal se bouraran nunha táboa.

O can vello inda camiñaba raposeiro, abaixado o lombo, o rabo entre as pernas, as orellas cabanas e a pousiño, a pousiño, non fose o demo que o diaño da vella voltara co fungueiro a lle mallar o lombo por mor de lle crebar as costelas se é que algunha lle quedaba enteira. Tiña moitas ganas de se deitar, non podía máis co corpo e as pernas non lle termaban, pero tanto era o medo que pillara, vira tan chegada a morte, que decidiu non parar en canto saíra do rueiro. Coas poucas forzas que tiña, nunha arroutada matinou salvar o derradeiro curral para chegar a unha chousa que o levaba ao monte e principiou a correr e, ao cruzar pola porta, brincou riba del algo que de primeiras non soubo o que era pero púxolle moito medo. Mirando de esguello reparou noutra vella cun coitelo na man que viña co anceio de o pillar. O can meteuse por unha silveira para esconderse e pareceulle que a vella tamén o seguía mais, despois, decatouse de que era o galo o que ía tras del.

-¡E logo, compadre galo! ¿Como foi que fuxiches da casa do amo? -preguntoulle o can.

-Éravos moita hora, compadre can, o demo da vella seica agardaba un amigo para unha encherolada e fixo mentes de se dar unha farta cos meus pelellos, asegún falabanas pitas, e eu, daquela, fun e lisquei. E ti, compadre can, ¿como é que foxes tamén?, ¿foi por mor de teres rapinado na cociña ou trabaches á vella?

-Nin roubei cousa endexamais nin trabei o cu da vella. ¡Mellor fora! Botáronme a paus porque vou vello. Cando novo fun fero e predéronme nas cepas do hórreo, gardeilles a casa, tornei o raposo no curral e os rapaces na horta, e agora, de vello, móenme a paus e din que son un larchán porque xa non me acae outra cousa que ir durmir no palleiro.

-¿E agora que vas facer? ¿Tornas á casa? -dixo o galo.

-¿Á casa? ¡Ca! ¡Calquera volve! ¿Para que me mallen o lombo? ¿E ti?

-¿Vou ir eu? ¿Para me facer degolar? ¡Non che é por aí! Eu bótome ao monte se ti vés para me gardares do raposo, e faceralo, ¿non si, compadre?

-Facerei se ti o queres, mais estou tan vello para cazar que non sei de que hei vivir.

-¡Deixa que xa arranxaremos! ¡Facemos unha irmandade e ti verás que ben nos ha ir!

-¡Fagámola, daquela!

Coa mesma puxéronse en camiño, cando, do máis alto daa árbore que os asombraba, caeu unha cousa entre eles. Era o señor gato que andaba fuxindo por mor duns trancazos que apañou por roubar un raxo na cociña. Logo contou a súa historia e pediu que o deixaran formar na compaña: de contado marcharon todos xuntos a andar.

Levaban xa moito camiño e, ao pasar por un mato, oíron ornear un burro e o galo propuxo de ir ondaa el, e ao chegar, díxolle:

-¡E logo, compadre burro! ¿Seica está contento, que canta moito?

-¡Estou, abofé!

-¡E como pode ser eso vivindo na compaña do home?

- ¡É porque me botei fóra daa súa casa! - dixo o burro.

-¿E logo?

O traballo era moito e moi negra a fame. No lombo xa non tiña onde levar un pau que non me esfolara. Matinei de facer o mrto e, caando o amo foi contarlle a un veciño para me arrincar a pelella, fun, e aos catro pés, deixei o curral.

- Fixeches ben, abofé! -dixo o galo.

E así foi como o compadre burro fixo compaña co caan vello, co compadre galo e co señor gato. Unhas veces camiñando e outras deténdose para pacer ou rebuldar chegou o serán. Os animais fixeron concello e decidiron buscar o mellor sitio para pasaren a noite. O galo empoleirouse nunha póla baixa dun carballo, foi aos brincos ate chegar ao pindirico, dende alí axexou aos catro ventos e viu unha casa illada entremedias da arboreda e boa herba. Baixou a escpae e chamou aos seus amigos.

O gato achegouse correndo á casa para mirar se é que habá xente e, de cehgado a ela, foi de arrastras para que non o visen e pasou da porta para adentro. Non había ninguén e, por eso, víase cinza na lareira, tiñan palla os cochos da cociña e recendía aos ovos. O gato, sen gran traballo, descubriu onde estaban agachados os ovos e sentiu pasadas no andamio: era o can vello que viña na súa procura.

-Imos chamar aos compañeiros -propuxo o can vello. Ao pouco chegaron os outros. Fartáronse todos, pois para todos atoparon mantenza ao seu xeito, e cada un deles tomou o mellor acomodo: o can vello, sen forzas, botouse ao canto da porta, o galo, sempre medoñento, empoleirouse no alto dunha trabe, o señor gato deitouse na lariza e o compadre burro acubillouse nun curruncho do andamio.

Pola meda noite chegou pola eira un fato de homes baralla que baralla. Viñan caangados con envurullos e desfeitos de cansazo: eran ldróns que traían o froito dos seus roubos. Cando ían entrar na casa, un deles oíu alentar o burro e cavilou se non sería a xustiza que os agardaba, e todos pillaron a escape a se achegaren nunha fraga don fondal da horta. Chegados alí, sen azos, ao iren acougando, foi un e propuxo de botaren sortes para ver a quen lle tocaba de ir en descuberto, e tocoulle ao máis novo que era tamén o máis espelido e arriscado.

Marchou o ladrón e, de chegando á casa, escoitou. Todo era silencio. Entrou para dentro. O recendo dos ovos aformigoulle na gorxa, chegouse á lareira ás apalpadelas e fixomentes de pillar un tizón e, como o que quixo pillar non era outra cousa que os ollos do gato a lucir na escuridade, enrabechouse o animal e brincou fero rabuñándolle a cara. Dolorido o home berrou cheo de medo, mais, daquela o compadre burro, que espertara, ceiboulle cando pasou polo andamio un par de couces que o fixeron caer de fociños riba do can vello que acordou espaventado chantándolle os dentes onde puido e, co rebumbio, o galo, empoleirado na súa trabe, ergueu a cabeza e, batendo as ás, non deixaba de cantar:"¡Quiquiriqui! ¡Quiquiriqui!"

Cando o pobre do ladrón máis morto caa vivo chegou a pé dos compañeiros, contoulles a tremer:

-¡Somos peridos! ¡Agora si que estamos perdidiños! ¡Temos que fuxir de contado se non queremos vernos na cadea!

E contoulle aos da compaña:

-Cando entrei na cociña, un demo cunha meiga brincou en min e rabuñoume como vedes, quixen saír para fóra e un doume un trancazo nos cadrís e caín de fociños. Ao querer pasar pola porta, un soldado que non me puido botar man foise e feriume coa súa navalla e, co balbordo que entre todos armaron, acordou o xuíz, e o condenado, dende o alto da casa, doente porque eu fuxía, deu en berrar: "¡Traédemo aquí!" ¡Xa volo dixen, temos que fuxir, estamos perdidiños!

E disque fuxiron e que a compaña dos catro amigos viviu na casa moi regalada e moitos anos sen que ninguén os anoxara.

***

Como xa dixemos, por toda Europa hai diferentes versións dalgúns contos. Este conto titulado "catro amigos", recollido por Henrique Harguindey  e Maruxa Barrio na súa Antoloxía do conto popular galego ten moitas semellanzas con outro popularizado polos irmáns Grimm.

Lembras o título co que se coñece a versión dos irmáns Grimm?