Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

4.1- Outras propostas de representación

 

pequenascaretas

Proposta 1

No poema que vén a seguir, a autora é Rosalía de Castro, mais as voces líricas corresponden a dous namorados (rapaz e rapaza) que se teñen que despedir á alba, nome que recibe este tipo de composicións cando o tema é a despedida dos namorados ao facerse de día, despois de pasaren a noite xuntos. 

dúas figuras da man no semáforo

Actividade en parella

Propoñémosvos a seguinte actividade. Consiste na lectura dramatizada en voz alta do poema de Rosalía. Para que resulte máis doado poñemos "ela" e "el" segundo correspondan as palabras ao mozo ou á moza. 

Alba de Rosalía de Castro (1863)

(Ela) Cantan os galos pró día;

érguete, meu ben, e vaite.

(El) ¿Cómo me hei de ir, queridiña;

cómo me hei de ir e deixarte?

(El)-Deses teus olliños negros

como doas relumbrantes,

hastra as nosas maus unidas

as bágoas ardentes caen.

¿Cómo me hei de ir si te quero?

¿Cómo me hei de ir e deixarte,

si ca lengua me desbotas

e co corasón me atraes?

Nun curruncho do teu leito

cariñosa me abrigaches;

co teu manso caloriño

os fríos pes me quentastes;

e de aquí xuntos miramos

por antre o verde ramaxe

cál iba correndo a lúa

por enriba dos pinares.

¿Cómo queres que te deixe?

¿Cómo, que de ti me aparte

si máis que a mel eres dulce

e máis que as froles soave?

(Ela) Meiguiño, meiguiño, meigo,

meigo que me namoraste,

vaite de onda min, meiguiño,

antes que o sol se levante.

 

(El) Aínda dorme, queridiña,

antre as ondiñas do mare;

dorme porque me acariñes

e porque amante me chames,

que sólo onda a ti, meniña,

podo contento folgare.

(Ela) Xa cantan os paxariños.

Érguete, meu ben, que é tarde.

(El) Deixa que canten, Marica*;

Marica, deixa que canten…

Si ti sintes que me vaia,

Eu relouco por quedarme.

 

(Ela) -Conmigo, meu queridiño,

mitá da noite pasaches.

Mais en tanto ti dormías,

contentéime con mirarte,

que así, sorrindo entre soños

coidaba que eras un ánxel,

e non con tanta pureza

ó pe dun ánxel velase.

 Así te quero, meu ben,

como un santo dos altares;

mais fuxe…, que o sol dourado

por riba dos montes saie.

 

(El) Iréi; mais dame un biquiño

antes de que de ti me aparte,

que eses labiños de rosa

inda non sei cómo saben.

 

(Ela) Con mil amores cho dera;

mais teño que confesarme,

e moita vergonza fora

ter un pecado tan grande.

 

(El) -Pois confésate, Marica,

que, cando casar nos casen,

non che han valer, meniña,

nin confesores nin frades.

¡Adiós, cariña de rosa!

(Ela) -Raparigo, Dios te garde!

*Mª Carme

Proposta 2: dramatización do seguinte monólogo:

Era Xoán Lamas un home

que traballando ganaba

dous reás inda de xustos

do xornal de cada semana.

Se falo coas mozas, moceiro,

soberbio se non lle falo,

se bebo un vaso, borracho,

covarde se non o bebo.

Se vou á misa, beato

se non vou, ateo me chaman.

 

Este mundo é un rodicio

que mal raio me non parta

non hai mecánico no mundo

que entenda esta maquinaria.

Farei o que me conveña

e o que a conciencia me manda

porque ó fin e ó cabo

a esta xente non lle debo nunca nada.

(Transmitido oralmente por Julia Corzo, de Alberguería) 

Proposta 3

Algúns cantares poden servir de incentivo para organizar unha actividade de teatro foro (Augusto Boal). 

Partindo dun cantar que teña un tema conflitivo de interese para o alumnado (convivencia, malos tratos, violencia, alcol...) un primeiro grupo (de entre dous a catro alumnos/as) representa a escena que preparen previamente. Ao finalizaren a súa representación, son substituídos por outros alumnos/as espectadores que queiran repetir a escena cambiando as palabras e/ou o comportamento dalgúns dos personaxes da escena inicial. 

O obxectivo é promover a reflexión e favorecer un debate sobre o tema cuestionado.

Proposta 4

parella nun semáforo Dous alumnos/as poden levar a cabo unha regueifa partindo dalgunha cantiga coma, por exemplo, esta:

Non poñas a vista torta,

mira para min dereito,

que che quero perguntar

o mal que che teño feito.

regueifa ou desafío é unha disputa dialéctica improvisada na que dúas ou máis persoas, baixo un ton irónico ou burlesco, tentan demostrar o seu enxeño.

Dos regueifeiros tradicionais quedan poucos en activo, mais estase a xestar unha nova fornada da que ti tamén podes formar parte. Velaquí tes algúns vídeos para te iniciares no arte da regueifa.

Regueifeiras no Luar: https://www.youtube.com/watch?v=lulfGAlbyRI

Alba María e Luís o Caruncho a regueifar: https://www.youtube.com/watch?v=JD2UXDoq7WU

Regueifa na solaina de Piloño: https://www.youtube.com/watch?v=Y_bqbcTbRjI

Pinto d’Herbón e Xairo regueifando: https://www.youtube.com/watch?v=OBUsy4a7sAA

Explicación da regueifa de Josiño de Texeira: https://www.youtube.com/watch?v=Vz0vGEFxh1A

Regueifa en Cabana de Bergantiños: https://www.youtube.com/watch?v=16s6AIRmXeo

Proposta 5

O entroido e as representacións de Nadal forman parte tamén de fórmulas parateatrais populares. Por exemplo, poderíades representar os Cantares de Reis. Constan de varias partes:

-         A licencia: pídese permiso para cantar:

De lonxe chegamos

os que aquí estamos,

se nos dan licencia

os reises cantamos


.

 -         Relato central: ten moitas variantes; nel cóntase a historia da chegada a Belén, nacemento, chegada dos Reis Magos…

- Pídese o aguinaldo:

Aos señores desta casa

vímoslle cantar os reis

Non nos dea muto muto

nin tampouco pouco pouco

deanos un touciño e a metai do outro.


-         Despedida:

Quédense con Deus, señores,

ata o ano que volvamos;

se pró ano non volvemos

que no Ceo nos vexamos.

-Por último, enlazando coa despedida, gábase ou satirízase a xenerosidade da casa:

Moitos anos viva a ama da casa,

para o aguinaldo nunca foi escasa.

---

Cántoche os reis, 

cornechos de cabra

cántoche os reis

e non me dás nada.

--

Esta casa é de ferro, nela vive un “caballero”.

Esta casa é de barro, nela vive un agarrado.

Proposta 6

Escribir un guión literario radiofónico e lelo na aula perante os compañeiros/as.

Neste enlace podedes asesorarvos sobre as características dos guións radiofónicos:

Os guións radiofónicos

Exemplos de teatro radiofónico podedes escoitalos na páxina da crtvg:

Teatro radiofónico na Radio Galega