Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

2.2- Figuras sintácticas (1)

As figuras retóricas sintácticas

escultura de cores tipo puzzle

A maioría de figuras retóricas sintácticas baséanse na repetición de elementos: repetición de palabras ao inicio dos versos, ao final, terminacións repetidas, etc.

Estas repeticións contribúen a crear ritmos marcados. Lembra que a rima é tamén unha repetición dun elemento anterior nunha posición concreta do verso.

Malia que teñen uns nomes cos que é posíbel que non esteas familiarizado, os sistemas de repetición que empregan son moi doados de entender.  

Nesta páxina imos ver as seguintes: anadiplose, anáfora, asíndeto, epanadiplose, epanalepse, paralelismo e polisíndeto.

Anadiplose

Recurso literario que consiste na repetición da mesma palabra ou grupo de palabras ao final dun verso e ao comezo do seguinte. O uso continuado de anadiplose coñécese como “concatenación”.

Para os ebrios pes que nos soteñen

esta hora de viaxes aniñadas,

aniñadas até que sexa a hora

de fuxirmos de nós mesmos.

Anáfora

Consistente en repetir unha ou varias palabras ó inicio de varios versos, co que se subliña enfaticamente o elemento iterado.

¡Pastora que fías e cantas

á tardiña baixa!

¡Pastora que cantas e fías (inversión do 1º verso)

á alta seriña!

(U. Novoneyra) 

(Cantar popular)

Rabeache pola pineira

rabeache por pineirar

rabeache por ter amores

rabeache por te casar.


Asíndeto

Figura retórica que consiste en omitir as conxuncións para dar viveza ou enerxía ao concepto.

Con, de, contra,

deica, agás,

dúas follas

cara atrás.

(García Teijeiro)

Epanadiplose

Un verso ou frase empezan e rematan do mesmo xeito:

                   Esta tarde o aire é meu amigo

Sumindo, voume sumindo.

Se o aire quer

chegarein a non ser ninguén.

(U. Novoneyra)

Epanalepse ou repetición

Repeticións de series de términos: pode repetirse unha palabra ou un mesmo tipo de construción sintáctica, normalmente para dar maior intensidade ao que se expresa.:

Que a noite alento no degaro

que no degaro é noite de laído

mirra que mirra

mais para cair cair

falou, falou, falou.

O mar era verdade,

o monte era verdade,

o sol era verdade.

Estas repeticións contribúen a crear ritmos marcados. A rima é tamén unha repetición dun elemento anterior nunha posición concreta do verso.

Paralelismo

En poesía, cando en dous ou máis versos sucesivos se repite o mesmo esquema:

¿Como me hei de ir si te quero?

¿Como me hei de ir e deixarte,

si ca lingua me desbotas

e co corasón me atraes?

(R. de Castro)

Cantar popular 

Vai vai que te leve o demo

Vai vai que te vai levar

Vai vai que te leve o demo

o martes de carnaval.

Polisíndeto

Repetición de conxuncións. Moi frecuente na lírica popular

Eu non vexo.

Ti non ves

unha folla

con dous pés

que caera

dunha ponla

e falaba

cun inglés

e voaba

coas nubes

e bailaba

cun cempés

e chiaba

cos paxaros

en galego

e en francés

e brincaba

rebuldeira

ó dereito,

e ó revés.

Antonio García Teijeiro, Cando caen as follas (2016).