Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

2.3.1- Figuras da palabra e do pensamento (2)

 

Nesta páxina imos ver as seguintes: antífrase, antonomasia, alegoría, calembur, diloxía, ironía, lítote, oxímoron, paradoxo, sarcasmo, símbolo e suspensión.

Antífrase

Atribucións a un elemento de características contrarias ás súas; emprego de palabras nun enunciado que significan o contrario. Normalmente vai acompañada de entoación irónica.

Demostra moita intelixencia

perder a paciencia.

Antonomasia

Consiste en substituír un nome común por outro (común ou propio), o cal posúe algunha relación co inicial nome común.

Á morte de Eduardo Pondal, o bardo por antonomasia da literatura galega, Cabanillas compuxo un poema titulado ¡Pondal! que comeza con estes versos:

Dou o queixume derradeiro o inxente
bardo doutras edás, forte e varudo
cantor dun pobo lexendario e rudo
asoballado de estranxeira xente.

Alegoría

É unha composición literaria que ten sentido simbólico.

Camiño, camiño longo,

camiño da miña vida,

escuro e triste de noite,

triste e escuro de día...

                ¡camiño longo

                da miña vida!

 

Verea, verea torta

en duras laxes aberta,

arrodeada de toxos,

crebada polas lameiras...

                ¡verea torta,

                ti onde me levas!

 

Camiño, camiño longo.

A choiva, a neve e as silvas

enchéronme de friaxe,

cubríronme de feridas...

                ¡camiño longo

                da miña vida!

 

Verea, verea fonda

de fontes tristes, sen auga;

sen carballos que dean sombra,

nin chozas que dean pousada...

                ¡verea fonda,

                ti cando acabas!

 

Cabanillas, R.: Vento mareiro, 1916

Calembur

Fenómeno que se produce cando as sílabas dunha ou máis palabras, agrupadas doutro xeito, producen ou suxiren un sentido radicalmente distinto:

Diamantes que foron antes

De amantes da súa muller

Diloxía

Uso de palabras homónimas ou polisémicas explotando os seus diferentes significados ou acepcións:

“¡Pasa, uva pasa! ¡pasa!

(colectivo Ronseltz)

Ironía

Consiste en dicir o contrario do que pensamos. A situación e a entoación son as que garanten que a mensaxe sexa ben entendida:

Un rapaz pídelle ó pai unha moto e a resposta irónica é: Mellor un coche, ¿non che parece?.

Lítote

Consiste en afirmar unha idea negándoa. Dise menos do que se pensa, ou atenúase lingüísticamente o que se quere dicir, ben para non molestar ó interlocutor (ex. Non é precisamente claridade o que sobra no teu exame), ben para dar máis relieve ó contido.

Preséntase normalmente como unha negación: Non está mal ¿eh?, pero tamén doutros xeitos: No teu lugar, eu pensaríao dúas veces.

A lítote pode ser un instrumento agresivo, debe empregarse con prudencia; moitas veces obedece, máis que a un ataque, a un desexo de defensa propia.

 “E o fin do meu traballo

 certo, é non remoto”

 (E. Pondal)

Oxímoron

Unión de conceptos incompatibles: "Silencio enxordecedor".

Paradoxo

É unha contradición aparente:

Ó avaro as riquezas fano máis pobre.

Sarcasmo

Ironía cruel ou mordaz.

Símbolo

Consiste en substituír un substantivo que se refire a un elemento ou sentimento por outro substantivo co que aparentemente non ten relación. O elemento, polo que se substitúe trata de representar unha realidade espiritual.

¡Sin niño!

Por montes e campías,

camiños e espranadas,

ven unha pomba soia,

soia de rama en rama.

Síguena as probes crías,

sedentas e cansadas,

sin que alimento atope

pra darlles a bicada.

Trai manchádelas prumas

que eran un tempo brancas,

trai murchas e rastreiras

i abatídalas alas.

¡Ai, probe pomba, un tempo

tan querida e tan branca!

¿onde vai o teu brilo?

O teu amor, ¿ónde anda?

Rosalía de Castro, Follas Novas, 1880

Suspensión

Consiste en interromper o curso do que se di ou escribe, para reanudalo ou concluílo tras unha breve pausa. Inténtase manter con iso en suspenso a atención do interlocutor ou lector e de telo pendente do que imos dicir.

Unha variedade da suspensión é a reticencia: interrómpese o discurso para dar a entender o que non se di e que normalmente é grave: ó principio portouse ben, pero logo