Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.3.1- Propostas para crear o teu conto

Proposta de actividade 1

Inventa un conto seguindo cada unha das etapas deste esquema de Vladimir Propp:

-     Describe o heroe ou heroína (pode ser unha persoa, mais tamén un animal ou ser imaxinario).

-     O personaxe desexa acadar algunha cousa: un obxecto máxico, algo que lle roubaron ou perdeu, un poder…

-     Sae da súa casa ou país. Describe a marcha: vai só, acompáñao alguén…

-     Prodúcese un encontro cun amigo. Quen?, animal, fada, mago…

-     Chega ao lugar desexado. Pero antes, debe superar unha ou máis probas: adiviña, dragón, monte enfeitizado…

-     Cómo é o sitio do destino? Castelo, cova…

-     Encontro co inimigo. Descríbeo.

-     Loita co inimigo (a loita tamén pode ser dialéctica). Descríbeo.

-     Consegue o obxectivo.

-     Volve ao fogar. Á volta, novos obstáculos.

-     Final da historia.

-    Nalgún momento da historia debes incluír, polo menos, un cantar popular (creado por tí ou selecconado entre os moitos que existen). 

Proposta de actividade 2

Se o prefires, podes escribir a historia que puido dar lugar a este cantar que, coma nas Cantigas de amigo medievais, fai da fonte o lugar de encontro dos namorados.

Miña mai mandoume á fonte á punta da Salgueiriña.

Mandoume fregar a xarra e coa flor do romeiriño.

E eu fregueilla cunha area e rompínlle un boqueliño.

Dime tu perra traidora onde tíñalo sentido.

Nin o tiña na roca nin tampouco no sarillo.

Tíñacho naquel galán que anda de amores comigo.

Proposta de actividade 3

Podes escoller un dos seguintes cantares que sexa do teu gusto e compór con el unha pequena historia na que teña sentido o cantar.

A túa color se volva

da cinta do meu sombreiro,

que tan pronto me esqueciche

por ser teu amor primeiro.

Xa non teño pai nin nai

nin nesta terra parentes,

son filla das herbas tristes,

neta das augas correntes. 

Máis quero ter sete febres

e ser picada da cobra

que ter a mala veciña

axexando á miña porta.

Os ollos con que me miras

non son os  acostumados;

na túa cara coñezo

que andan os tempos mudados.

Teño de ir a Vendilló

por un ramiño de toxo,

para llo dar aos enoxados

que se lles pase o enoxo.

Voume indo, voume indo,

voume indo pouco a pouco.

Anda o trasno no quinteiro,

Teño de ir un pé tras outro.

Non poñas a vista torta,

mira para min dereito,

que che quero perguntar

o mal que che teño feito.

Canta, rula, canta, rula,

canta, rula, naquel souto;

coitadiño do que espera

polo que está na man doutro.

A un tempo non pode ser

o ter e mais o gastar,

nin que luza o sol na eira

e que chova no nabal.

Mociño tan fachendeiro

que me chamache delgada,

has de saber que non teño

falta de ti para nada.

Unha vella revisvella,

vella como o meu chapeu,

tratáronlle o casamento

levantou as mans ao ceu.

Miña sogra ao me casar

prometeume bois e vacas,

cando me foi dálo dote

doume unha cunca de papas. 

Chamácheme pito cairo

porque nacín no xaneiro,

si me non come o raposo

hei cantar no teu poleiro.

Non me casés miña nai

con home que viudou,

non quero criar os pitos

que outra galiña deitou. 

Dios che me deia pacencia

con esta miña muller;

nin ela fai o que eu digo,

nin eu fago o que ela quer.

Ser solteiro é boa cousa

e ser casado tamén,

deixarei para cando morra

pensar o que me convén. 

Fun ó muiño do meu compadre,

fun polo vento e vin polo aire.

Estas son cousas de encantamento

ir polo vento e vir polo aire.

Véndeme os bois e véndeme as vacas 

e non me vendas a cunca das papas 

véndeme a cunca e o cunqueiro

non me vénda-la paz do gaiteiro 

Ademais...

Xa que a actividade proposta é a creación dun conto, será bo que repases na páxina seguinte os elementos que conforman unha narración literaria.