A literatura polo camiño dos cantares
4.4- Guía didáctica e suxerencias metodolóxicas
Beneficios do teatro na aula
Escenificar (e presenciar como espectadores) a representación de pequenas pezas teatrais:
- Favorece unha aprendizaxe significativa e, asemade, o desenvolvemento da competencia comunicativa na lingua na que se desenvolva.
- Como exercicio de traballo colaborativo ofrece a vantaxe de que a negociación non se produce só sobre a trama, senón sobre as decisións precisas para levar a bo termo a representación.
- Require do alumnado un papel activo na creación do texto, lectura, aprendizaxe, montaxe…
- Os alumnos son os “donos” e responsables do seu produto, o que adoita aumentar a súa motivación.
- O teatro axuda a mellorar a pronuncia, a sintaxe, a comprensión dos termos empregados e a seguridade e confianza na propia expresión oral.
- Oservan a importancia dos recursos extralingüísticos e da atención ao interlocutor (distancia adecuada, mirarlle á cara, observar os seus xestos…).
Bibliografía: Hidalgo Martín, V., El teatro en clase de ELE.
Contidos literarios
Coa representación teatral os alumnos traballan os seguintes contidos literarios:
- O guión na obra de teatro.
- As principais características do teatro.
- Identificación de textos narrativos, descritivos e dialogados.
- Clasificación dos personaxes segundo a súa función e importancia.
- Diferenciación do estilo directo e indirecto nunha narración teatral.
Obxectivos
Organizar actividades teatrais na aula é ofrecer ao alumnado contextos lúdicos nos que poida desenvolver:
- A autonomía.
- A imaxinación e o espírito creativo.
- O espírito crítico.
- A expresividade corporal.
- A fluidez comunicativa.
- O manexo da linguaxe xestual (non verbal).
- Os vencellos coa lingua galega.
- A conexión cos compañeiros/as
Criterios de avaliación:
A posta en escena dun texto implica a interiorización dos conceptos teatrais básicos; en consecuencia, tanto como avaliar a competencia teatral adquirida, interesa valorar a competencia na resolución dos problemas, a implicación no proxecto e a interacción co grupo. O que importa é a culminación do proceso, non o produto.
Os criterios de avaliación elaboráronse tendo en conta os seguintes ítems?
- A implicación na creación dos textos dramáticos.
- A implicación na posta en escena dos textos.
- A cooperación e respecto polos compañeiros/as.
Os criterios de avaliación son a presentación, os recursos literarios, o traballo e cooperación na aula, e a creatividade e orixinalidade:
-Valorar o resultado do esforzo e do traballo persoal e colectivo.
- Ponderar a aportación de cada un ao grupo.
- Contribuir á creación dun clima de cordialidade, sinceridade e afecto.
- Valorar as actuacións e os acertos propios e do grupo.
Suxerencias didácticas para a actividade teatral.
(É decisión do docente facer uso destas propostas)
Para que sexa satisfactorio o resultado das actividades propostas no apartado do teatro precísase, por unha banda, que o alumnado estea motivado e predisposto para interpretar diante dun público e, por outra, que a marxe temporal sexa ampla, pois ademais de memorizar e ensaiar os textos (que non necesariamente se ha de facer todo na aula) os rapaces e rapazas precisan tempo para confeccionar/localizar os obxectos, vestiario e decorado que precisen. Coidamos que o momento idóneo para presentar e explicar as actividades teatrais que se van levar a cabo na aula é despois de finalizar o apartado 1. A esa altura, o alumnado debería entender o papel incentivador dos textos populares e sentirse máis cómodo para actuar perante os seus compañeiros e compañeiras.
A nosa suxerencia é que, despois de finalizar o apartado 1, se inicie o 4. Unha vez que cada alumno/a teña decidido as dúas actividades que vai facer (a peza teatral en grupo e a individual ou en parella) o docente pode planificar o tempo de traballo que se precisa na aula para crear os textos (tres ou catro sesións máximo deberían abondar) e como se organizan as interpretacións na aula. Deste xeito, pódense secuenciar as “estreas” ao longo do curso (respectando así os diferentes ritmos dos alumnos/as) e compaxinalas co seguimento na aula dos apartados 2 e 3.
O docente debe corrixir os erros lingüísticos que detecte e suxerir opción léxicas para mellorar os textos, sen que o alumnado entenda que ese é o propósito da actividade; con ela perséguese que os rapaces esquezan a súa condición de alumnos/as para sentírense membros dun grupo que está sacando adiante un proxecto teatral.