Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

 

1.9- Actividades creativas. Eu tamén son poeta.

libreta branca aberta

 

Observa o doado que é crear un cantar novo efectuando algúns cambios:

A vida dos arrieiros (a)

éche unha vida pesada, (b)

de día non oien misa, (c)

de noite non dormen nada. (b)

* Arrieiro: Persoa que transportaba ou arreaba mercancías duns lugares a outros en animais de carga.

A vida dos camioneiros (a)

non é unha vida cansada (b)

de noite non cantan blues (c)

de día bailan lambada (b)

 

Agora ti

Actividade 1, Compoño un cantar

Crea novas cantigas e novas mensaxes utilizando as técnicas transmitidas pola tradición oral. Primeiro, transforma o seguinte cantar noutro diferente mediante a utilización de contrarios e antíteses das palabras en cores, adapta tamén os verbos ou o que precises (por exemplo: mañá serás ti...). Por último, compón unha segunda estrofa para o  teu cantar e colócaas na táboa de actividades (exercicio nº 2).

Nalgún tempo era eu

do teu prato a mellor sopa

e agora son un veleno

dos beizos da túa boca.

Se o prefires, podes facelo con estoutro cantar:

Chamácheme larpeiriña

á vista de tanta xente,

e agora vaime quedar

larpeiriña para sempre.

Ou con estoutro, cambiando as localidades por outras máis próximas a ti e adaptando os Obxectos Directos.

A Coruña dá sardiñas,

Pontevedra dá canteiros,

e Lugo dá rico nabo,

Ourense paragüeiros.

Actividade 2, Póñolle ritmo

Ponlle música ao resultado do cantar creado por ti no poema anterior. Recítao varias veces en alto até que consigas adaptalo á musicalidade que sexa máis do teu gusto: tradicional, rap, etc.

O remate perfecto desta actividade é poñelas en común, interpretando todos cadanseu cantar, pero iso farémolo máis adiante.

Actividade 3

Ao final deste poema fala un merlo. Inventa ti outros dous versos, cambiando o que di o merlo polo que ti cres que podería dicir.(Exercicio nº 3 da táboa de actividades)

Son as voltas do mundo...

¿que lle vas facer?

A vida é sempre só:

¡tecer e destecer!

A tarde era un encanto.

Iban voces no vento,

choutaba o sol nas veigas,

cantaban os regueiros.

Imaxe dun merlo adulto

Nunha ponla de espiño

asubiaba un merlo

e escoitei que decía,

burlón e retranqueiro:

¡Xa sei que vas a vela!

¡Non corras que inda é cedo!

Ramón Cabanillas, A Rosa de cen follas, 1927.

Actividade 4

campo outonal xeado

 XEA

Fai un frío que queima.

Pouco a pouco

érguese a terra en trempos.

O tourón os trousos os carambelos!

Cruza un lobo...

Roxe a folla nos carreiros

aló no fondo dos cousos.

"Tourón": sinónimo do mamífero coñecido tamén como "teixugo". "Carambelo": xeo que queda colgado nalgún sitio ao conxelarse a auga que cae. "Trousos": moreas de neve que amontoou o vento. "Couso": buraco a modo de trampa, que se prepara no monte para cazar animais, sobre todo lobos. "Trempos": terra conxelada.

Agora ti. Modifica o poema describindo un día de calor. Procura utilizar antónimos das palabras empregadas polo poeta Uxío Novoneyra. (Exercicio nº 4 da táboa de actividades).

Actividade 5

Actividade por parellas: un alumno/a describe en tres versos o que sente cando ten medo e outro fai o mesmo, pero describindo cando ten un ataque de risa. Unha vez que a composición estea ao voso gusto, recitade o terceto ao voso compañeiro/a. Procurade que o voso corpo e os xestos acompañen as palabras. 

Incluíde unha onomatopea no poema. (Exercicio nº 5 da táboa de actividades)

Actividade 6

Observa como Uxío Novoneyra describe neste poema os efectos do vento e o sol sobre os montes do Courel.

ZOA o vento e relumbra polas uces.

Sai o sol e súmese nas nebras.

Polos montes baixan e ruben

sombras longas resgadas e negras...

Agora ti. Propostas:

- Pinta a paisaxe que describe o poema.

- Describe o que sentes en días así.

- Compón outro poema imitando este; podes cambiar o que precises (que faga calor, que chova...).

- Se tocas algún instrumento, interpreta con el ese momento que describe Novoneyra.

(Exercicio nº 6 da táboa de actividades)

Se o prefires, basea o teu exercicio nestoutro poema:

A pega aboia no aire

cos seus abanos brancos.

Abanos de sol e sombra,

cometa de longa pluma.

Nos roibéns da tarda tarde.

Actividade 7

TROUSOS do Fedo

i a Lamelalonga!

Tesos

da uz i a queiruga

ó sol marelo!

Vocabulario:

Trouso: Morea de neve que amontoou o vento

Teso: monte de cume alongado

Uz: Arbusto da familia das ericáceas do que existen varias especies moi comúns nos montes de Galicia de follas moi pequenas flores brancas ou malvas tamén miúdas e que alcanza ata os tres metros de altura segundo a variedade de que se trate.

Queiroga: Arbusto da familia das ericáceas do que existen varias especies, que pode chegar a alcanzar un metro de altura, de follas perennes e lanceoladas, con flores pequenas en acio de cor púrpura, rosada ou branca.

Fedo, Lamelalonga: topónimos do Courel.

O autor do poema, Uxío Novoneyra, describe a paisaxe que ve.

Agora tócache a ti. Respectando o número de versos e a disposición estrófica, substitúe os elementos da natureza que ve o poeta Novoneyra polos que ves ti desde a túa fiestra (da aula, do teu dormitorio) e cambia tamén os topónimos. (Exercicio nº 7 da táboa de actividades)

Actividade 8

Neste poema, o poeta Eduardo Pondal, natural de Ponteceso (A Coruña), rememora o camiño que percorría antes de chegar a Nemiña, onde recibía clase. Nese traxecto pasaba ao carón do famoso Dolmen de Dombate. O exercicio que propoñemos consiste en adaptar ás túas lembranzas ese poema. Pensa nalgún lugar, monumento, casa... perto do que pasabas camiño do teu colexio de Primaria. Despois fai os cambios que precises para faceres teu o poema. (Exercicio nº 8 da táboa de actividades)

dolmen

 

O dolmen de Dombate

Aínda recordo, aínda cand´eu era estudiante
Garrido rapacete que ben rexerse sabe,
Cand´iba pr´a Nemiña a estudiar o arte
Do erudito Nebrija e do boo Villafañe,
E iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.

Pasado Vilaseco, lugar batido do aire,
No alto da costa d´Ures,
da montesía canle;
Pasado Vilaseco,
indo p´la gandra adiante,
Xa vía desde lonxe O dolmen de Dombate.

Deixando Fonte-Fría cara o lado de Laxe,
E levando o camiño
de San Simón de Nande,
Polo chan do Borneiro
de cativo pinales,
Cuase pasaba a rentes
do Dolmen de Dombate.

Quedaba o misterioso fillo doutras edades
C´a súa antiga mesa, c´as súas antigas antes,
No seu monte de terra, non alto e ben roldante,
Poboado en redondo de montesío estrame,
De pequenas queiroas e de toxos non grandes,
Como calada esfinxe que, sublime, non fale,
Como náufrago leño de soberbio cruzamen,
Lanzado sobr´a praia por potente oleaxe,
Que de pasada rota mostre rudas señales,
E mostre aberto o flanco por glorioso combate,
E con linguaxe mudo das súas glorias fale.
¡Canto, ai, mudar pode longa e vetusta edade!

"Gandra": =gándara: terreo baixo, areento, húmido e improdutivo, onde só medra a maleza.

"Antes": anta: pedra grande chantada no chan.

Exercicio 9: de prosa a verso

Emprega o conto popular que che ofrecemos embaixo ("Carafio co enciño") para transformalo nun poema. Tamén podes escoller outro do teu gusto ou unha noticia do xornal (lembra que moitos xornais ofrecen versión dixital). Despois transforma o seu contido nun poema, coa disposición estrófica que prefiras. (Exercicio nº 9 da táboa de actividades).

Velaquí un exemplo que che pode servir de inspiración: Pepiño Sisto, o trasgo protagonista do conto de Xoán Babarro González titulado “Sonsonetiño”, resumiu así o conto dos tres porquiños neste soneto: 

Dous ranchiños contentos fan a casa

nun lugar moi fermoso e aparente,

con madeira e con palla refulxente,

sen cemento eficaz, barro nin masa.

 

Ergue o terceiro casiña resistente,

e acende lar con lume que fai brasa.

Chega do monte un berro que os traspasa,

atroz-feroz-voraz fociño ardente.

 

-¡Que nos come…, socorro…, irmanciño!

- berrou logo o primeiro bacoriño.

O lobón…, fauces tremendas amosando…

 

E a palla… e a madeira…van voando.

Na casiña de pedra…, os tres seguros,

Endexamais temerán ós dentes duros.

García A., Babarro X., Sánchez G., Dolores M.: Para cantar e contar, Xunta de Galicia, 2003.

Carafio co enciño

foto engazo

Manecho era un «americano» que botara nas Américas e máis nos viaxes polo menos dez meses e xa levaba na casa dende que voltara seica dous ou tres, por eso seguía sen botar unha man ao traballo.

Un día que o pai escollía na louza na eira, Manecho, cabo del, recollido no alpendre para que non lle tomara o sol, movía unha ferramenta coa punta do pé e preguntou-lle ao vello:

—Mi padre! Diga vosté, mi padre, como llamas vos por acá a esta herramienta?

O pai mirou para el e non deu fala.

—Es que vos no me oís, padre?—insistiu el.

—Oín, home, oín! E logo e que ti non o sabes? Esqueceuche?

Manecho nun descuido, fixo máis forza co pé, e o mango da ferramente foille bater nos fuciños.

—Carafio co enciño!—dixo.

—Ai, recorcio! Logo lembráchelo de contado!—dixo o vello.

E disque dende aquela nunca máis Manecho voltou esquecer cousa da súa terra.

Maruxa Barrio; Enrique Harquindey: Contos populares, Galaxia, Vigo, 1988.