Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

2.1.1-Figuras fónicas (2)

 

pentagrama de sol; cada nota é un paxaro negro

Nesta páxina imos ver as seguintes: fonosimbolismo, paronomasia e sinestesia.

Fonosimbolismo

Evocación por medio de sons de diferentes sensacións ( visuais, olfativas, táctiles…) é a capacidade de evocar un movemento, suxerir unha idea, unha sensación…

Observa as sensacións que coidamos que transmiten os seguintes versos do poeta do Courel, Uxío Novoneyra:

"algo ruxíu

Do meu corpo saíu

de bríu

a cobra do calafríu."

(arrepío)

O ruxir do carrozo

o ceo do fondo do pozo.

Todo sabe e deixa ver

que vai chover.

(escuridade, fondura).

 

Paronomasia

Reunión de palabras fonicamente semellantes con significados distintos.

 “Para min o muxe sempre foi monxe, na vida monástica do río”

G. Placer.

Sinestesia

Figura retórica que consiste na asociación de dúas palabras relativas a dominios sensoriais distintos.

A campía aterecida 

sobre os olliños mollados, 

no dondo berce do abrente 

con tenro mimo dourado. 

Luis Amado Carballo: "Abrente", Proel, 1924.

Sabías que...?

As persoas con sinestesia son normais no que se refire ao funcionamento do seu sistema nervioso, e presentan coeficientes de intelixencia medios, ou até elevados. Iso si, son capaces de ver o mundo de forma diferente ao resto.

Entre eles hai algúns famosos artistas, que expresaron dalgún xeito as súas experiencias na súa obra: Vasily Kandinsky, o compositor Rimsky Korsakov ou o escritor Vladimir Nabokov.

Cuestionario para detectar a sinestesia: http:/www.ugr.es/neurocog/Sinestesia.htm

 

Soneto das vogais

A negro, E branco, I vermello, U verde, O azul: vogais,

algún día direi a vosa orixe secreta;

A, negro corpiño velludo de moscas relucentes

que se axitan en torno de fetideces crueis,

golfos de sombra; E, candores de néboas e de tendas,

lanzas de glaciares de feros, reis brancos, calafríos de umbelas;

I, púrpuras, sangue esputada, rir de beizos belos

en cóleras terribles ou embriagueces sensuais;

U, ciclos, vibracións divinas dos mares verduscos,

paz de campos sementados de animais, paz de engurras que a alquimia imprime nas grandes frontes estudosas;

O, supremo clarín de estridencias estrañas,

silencios atravesados de Mundos e de Anxos;

O, a Omega, ¡o reflexo violeta dos seus ollos!

Arthur Rimbaud