Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.3- Escribimos o noso propio conto

Horacio Quiroga “Decálogo do contista”

varios libros

Antesde comezar a crear o teu conto, le os consellos do gran mestre do conto latinoamericano, Horacio Quiroga (Uruguai-1878, Bos Aires-1937).

-Non empeces a escribir até que non saibas onde vas. No conto, as tres primeiras liñas son tan importantes coma as tres últimas.

-Non desvíes aos personaxes do seu camiño.

-Non penses nin nos teus amigos nin no que dirán da túa historia, escribe coma se só che interesase a ti e aos teus personaxes.

-A historia ha de ser interesante e o suficientemente breve como para atrapa-lo lector.

-Cun comezo intrigante ou con frases intrigantes intercaladas enxéndrase o interese do lector.

-Debe ser breve, ir ao grao, conciso.

-A temporalidade soe ser cronolóxica, convencional, con estrutura lineal.

-O desenlace debe ser sorprendente, inesperado.

Obradoiro de escritura

libreta branca con raias

Rele e borra o innecesario.

Non abuses dos adverbios en mente.

Non poñas adxectivos innecesarios. É mellor buscar un substantivo forte que engadir adxectivos sen consistencia. Como podes estar seguro da pertinencia do adxectivo? Se ao suprimir o adxectivo a frase perde o seu sentido, é importante mantelo.

Non abuses tampouco dos xerundios, e menos aínda se están próximos no texto.

Non poñas os verbos sempre no mesmo tempo; así evitarás rimas machaconas.

Intenta que as palabras non terminen da mesma maneira.

Ao correxires, asegúrate de que non hai palabras iguais ou coa mesma raíz moi próximas; substitúeas por sinónimos.

Asegúrate de que o texto estea ben acentuado e ben puntuado; a ausencia dun til pode facer incomprensible unha oración.

Os personaxes

grafiti no que se ve a cara dun neno imaxinario

Debes diferenciar entre personaxes principais ou protagonistas e secundarios ou axentes ocasionais da acción. Cando imaxines e describas os teus personaxes, ten en conta que a descrición de personaxes ou "retrato" pode ser:

a) A descrición física, externa da persoa (prosografía)

b) A descrición do carácter e psicoloxía dos personaxes (etopeia)

Para efectuar ambos, primeiro debes centrar a atención na selección daqueles trazos relevantes do personaxe. Despois debes darlle forma literaria, recorrendo a recursos como:

-poñer en relación simétrica ou asimétrica as características físicas coas morais.

-axudarte de metáforas que poidan poñer en relación a persoa con obxectos, animais…

(Fotografía: graffiti dun almacén en Cambre)