Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.4.1- Exemplo de ilustración dun poema

 

Velaquí che ofrecemos un exemplo de interpretación gráfica dun poema. Trátase do poema "Soldado", do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro (Loga noite de pedra, Ed. Salnés, 1962).

1

debuxo a man

Xorxe, meu vello amigo,

¿como fuches parar á tropa?

  W.H. AUDEN

Tiña os ollos azuis poboados de preguntas

sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba

cos segadores cantando na serán, ao comenzo

do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.

Non comprendía os termos honorábeles,

nin as palabras encheitas de solemne soberbia,

nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia

que se coidaban importantes

porque os seus devanceiros chegaron a señores

a forza de prostituírse, axionllarse e podrecerse.

Ouvía falar dos deberes co estado soberano,

das sacras instituciós, do orde, da groria

e lembrábase axiña do carballo que había

na porta do seu casal, alá na outa montaña,

perto dun río que fungaba un laio monocorde

de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo

do traxe esfarrapado do escolante loiro

que un día fora á guerra e non voltara;

e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes

e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.

Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas

coma cativas patrias ou pulsos latexantes.

Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques

e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.

Decía con dozura as súas verbas antigas

e dempois calaba pra escoitar o silencio

do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira.



 
debuxo a man

Abría as maus labregas,

que agora empuñaban un fusil,

e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.


2

debuxo a man

2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte

fitou o resprandor dunha cidá en chamas

semellante a un remoto mencer amarelo.

De enriba baixou un rumor e treboada,

un xordo bruído de río enrabexado,

coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.

Oubeou un can nos arrabaldos,

E comezaron os lóstregos.

O fume,

coma unha palmeira xigantesca

abriu os seus brazos ardentes

i esparexeu pola bóveda celeste

un escuro anuncio de morte.

Asubíos e lóstregos.

Os paxaros da tarde

caíron mortos cal follas de outono.

A sireia da fábrica ergueu o seu chifro

Fendendo en dous anacos de día tépedo,

O día húmido e íntimo con sabor de beixo.

Lóstregos.

             (Alcendeuse a bombilla)

Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos

no aire estremecido

e un retablo de caras esmaceladas,

mirando para o cumio, increparon aos dioses,

Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...

Un touro axexante, coma un Minotauro perdido

nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,

muxía longamente.


 

debuxo a man

  (Apagouse a bombilla)

Un cincel roto

procrama a súa protesta.

Un cabalo

dislocado, desbocado, agallapou frenético

sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.

Lóstregos.

Fedía a cortello misturado con cloaca e xofre.

             (Alcendeuse, apagouse a bombilla)

Viuse e non se viu unha paisaxe

de brazos, rostros, pernas, dedos,

tellas, seos, portas, aramios...

Lóstregos e os derradeiros estoupidos.

Dempois, nada. Silencio. Un mesto silencio

de noite nevada ou de terra erma.

Xorxe, meu vello amigo:

Ti que estás cos que sofren a historia

i en contra dos que a escriben.

¿Como fuches parar á tropa?


debuxo a man

 

Chegaron ás aforas da cidade

cubertos de borralla e cansancio.

O teniente berrou “alto ¿quen vive”?;

Na inmensa soedá nasceron nardos.

O silencio da noite estrelecida

era un longuísimo camiño branco.

As cartucheiras ían tintintín,

decían tintintín, maracnado o paso.

Un bisoño decúbito supino

Miraba para o ceo despiadado,

no fusil unha mau,

na outra mau un saco.

O fillo da súa nai estaba morto,

groriosamentes morto sobre un charco.

Tiña nos ollos vento. Preguntaba

cunha ollada azul de animal manso.

Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,

dime no que estás pensando.