Vexetais
Audioguía Vexetais
Lemos o mar
“- Plantaron unha nova árbore na fraga.
E a noticia, divulgada polas follas do eucalipto que rozaban o piñeiro, e polas do castiñeiro que rozaban o
eucalipto, e polas do carballo que tocaban as do castiñeiro, e as do bidueiro que se mesturaban coas do carballo, espallouse por toda a espesura. Os toros máis elevados miraban por riba das copas, e cando o vento separaba a fronde, os máis afastados asomábanse para mirar.
- Como é? Como é?
- Pois é -dixo o piñeiro- dunha especie moi rara. Ten o toro negro ata máis dunha vara por riba da terra, e despois semella dun branco cincento. Resulta moi refinado.
- É moi refinado, moi refinado! –transmitiron unhas follas a outras.
- Os seus froitos –continuou o piñeiro reparando nos illadores- son brancos coma pedras de seixo e máis lisos e brillantes cás follas do acivro.
Deixou que a nova chegase aos confíns da fraga e seguiu:
- As súas polas son delgadísimas e tan longas que non podo ver onde remata. Oito esténdense cara onde o sol nace e oito cara onde o sol morre. Nin se torcen nin se pingan, e é imposible distinguir nelas un nó, nin unha folla nin un gromo. Penso que quizais non sexa esta a súa época de agromar, pero non o sei. Nunca vin unha árbore semellante.” O bosque animado. W Fernández Flórez
Le o texto con atención e contesta ás seguintes preguntas:
- Resume o texto nun máximo de tres liñas.
- Engade no teu glosario as palabras que tiveches que buscar no dicionario.
- Por que cres que o texto vén acompañado dunha imaxe dun poste de teléfono?
- O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez, comeza con esta curiosa conversación entre os vexetais que viven nunha fraga. Que é unha fraga? Localiza unha fraga próxima á túa localidade.
As fragas son lugares dunha enorme calidade ecolóxica que é importante protexer.
Imos ao laboratorio
Evidentemente as plantas non falan pero, son capaces de comunicarse entre elas? Poden responder aos cambios na luz, humidade...? Probemos, colle unhas lentellas e a túa capacidade de observación e analicemos ata que punto unha planta pode notar un cambio e responder ante el.
Que material necesitas?
- Unhas lentellas
- Dous botes anchos do mesmo tamaño e forma aproximadamente.
- Algodón
- Auga
- Cal é o procedemento?
- Empeza como si foras a cociñar as lentellas poñéndoas en remollo durante unhas doce horas.
- Enche con algodón os dous botes e coloca varias lentellas dentro. Procura que queden desordenadas (unhas arriba, outras nun lado...) e non moi cerca unhas doutras.
- Molla o algodón e deixa os botes cerca da luz varios días. (Vixía que non seque o algodón)
- Vai anotando o que sucede. Procura tomar anotacións sempre ás mesmas horas do día, por exemplo, ás oito da mañá e ás oito da noite)
- Unha vez que as plantas crezan uns dous centímetros tumba un dos botes e continúa observando e anotando varios días. Que sucede? Crecen igual as plantas dos dous botes?
- Busca unha explicación científica para o sucedido.
No reino vexetal diferenciamos: musgos, fentos, ximnospermas e anxiospermas. Todos estes grupos de organismos son: autótrofos, pluricelulares e están formados por células eucariotas vexetais que se organizan formando tecidos.