Moluscos
Animais de corpo brando e dividido en tres partes:
- Cabeza cos órganos dos sentidos
- Pé musculoso que empregan para a locomoción ou para pechar as cunchas.
- Masa visceral na que se sitúan o dixestivo, circulatorio...
Practicamente todos os moluscos teñen cuncha. Unha estrutura protectora que presenta unha enorme variedade de formas e tamaños. Entre os moluscos mariños de Galicia destacan tres grupos moi diferentes:
1. Os moluscos bivalvos como mexillóns ou berberechos. Chámanse bivalvos porque a súa cuncha está formada por dúas partes
chamadas valvas que se pechan para protexer ao animal.
Os bivalvos filtran a auga para obter o seu alimento.
2. Os gasterópodos como os caracois que teñen o pé en posición ventral. As cunchas dalgúns gasterópodos teñen fermosas formas pero non todos os gasterópodos teñen cuncha, é o caso dos nudibranquios. Nestes fermosos animais vemos claramente os dous rinóforos na cabeza e as branquias espidas que dan nome ao grupo.
Os gasterópodos obteñen o seu alimento raspando a superficie cunha estrutura moi curiosa chamada rádula.
3. Os cefalópodos como sepias e polbos. Son cazadores cunha magnífica vista e un sistema nervioso que lles permite comportamentos complexos, imprescindibles para un gran depredador. (Neste vídeo dos Museos Científicos Coruñeses podes ver unha proba da súa intelixencia). Os cefalópodos son mestres da camuflaxe
xa que poden modificar as súas cores de acordo co fondo polo que circulan. Na imaxe da esquerda unha femia de polbo está asomada a ventá do seu niño, podes vela? Fíxate nas pedras que ten na porta para evitar a entrada dos depredadores, podes vela agora?
Investigamos
Buscando o Kraken. As historias de grandes animais asasinos percorren os mares, que hai de certo na lenda do Kraken, o cefalópodo xigante? Este documental farache reflexionar a próxima vez que saias pescar.
Os moluscos só presentan reprodución sexual. Sempre presentan fecundación cruzada, aínda que algúns sexan hermafroditas. Na imaxe da esquerda podes ver como dous nudibranquios, hermafroditas, sitúan os seus corpos de forma que poida producir a fecundación cruzada. É frecuente atopar grupos de tres ou catro nudibranquios da
mesma especie cruzándose uns con outros ao mesmo tempo. Na imaxe da dereita podedes ver o aspecto da posta dun dos nudibranquios máis espectaculares, a bailarina española (spanish dancer en inglés)
Profundamos
Os nudibranquios como profesión. Fala unha española traballando en EEUU. Observa atentamente o vídeo e responde as seguintes cuestións: De onde sacan os nudis as súas rechamantes cores? Que función teñen?
Repasamos
Xoga cos teus compañeiros e repasa o aprendido. Acerta rápido a resposta e obterás a mellor puntuación pero lembra que, para saber a que grupo pertence cada organismo, debemos lembrar as súas características: (enlace para xogar na casa)
