Caderno de mergullo de organismos mariños

Audioguía Caderno mergullo
Lemos o mar
“ En 1975, un australiano experto en testemuños presenciais, Donald Thompson, apareceu nun debate
televisado en directo no que se poñía en dúbida a fiabilidade dos recordos que tiñan as testemuñas oculares dun suceso. Máis tarde Thompson foi detido pola policía e sometido a unha rolda de recoñecemento no que unha muller confirmou que se trataba do home que a violara. As autoridades presentaron cargos contra el, aínda que a violación sucedera mentres Thompson estaba no programa de televisión. El alegou como coartada que todo o mundo puido velo a esa hora en directo pero a súa alegación foi denegada. Finalmente, os investigadores descubriron que o violador atacou á muller mentres esta vía a televisión xusto no momento no que se emitía o programa no que Thompson aparecera. A vítima confundiu o rostro do violador co do home que viu no televisor.” Os enganos da mente. Macknik e Martínez-Conde.
Le o texto atentamente e contesta as seguintes cuestións:
- Engade ao teu glosario as palabras que non entendas.
- Cal sería o titular dunha posible noticia sobre esta lectura.
Como moi ben explican no texto, a memoria humana ten serias limitacións. Os magos, os protagonistas do libro Os enganos da mente, usan continuamente os erros da memoria para enganarnos.
A memoria está condicionada por moitos factores:
- Durmir é fundamental para asentar a memoria. Ten en conta este detalle cando estudes o próximo exame.
- Lembramos mellor as cousas que nos producen emocións: goce, medo...
- Os sentidos como o gusto ou o olfacto poden axudar a fixar recordos pero tamén a modificalos.
Estes factores tamén afectan á memoria dos naturalistas. Seguramente no caso de sufrir o ataque dun animal mariño, como unha raia ou un congro, a nosa memoria gardará cada detalle do animal e incluso será capaz de aumentar o seu tamaño e ferocidade. Pero na maioría dos casos só lembraremos algún detalle dos organismos que vexamos nunha inmersión.
Os mergulladores empregamos un procedemento moi sinxelo para asegurar a nosa memoria, o caderno de mergullo. Trátase dun lugar no que se escriben os detalles da inmersión: canto fondo acadamos, a que temperatura estaba a auga, canto tempo estivemos, que cousas vimos, onde...
Ao longo de todo o tema imos facer un caderno de mergullo algo modificado, un caderno que nos axude a lembrar os organismos que máis nos chamaron a atención dentro dos distintos grupos de seres vivos. Posteriormente compartirémolo co resto do mundo incluíndoo nunha aplicación para móbiles.
Podes descargar o modelo do caderno de mergullo no seguinte enlace ( caderno en docx) (caderno en pdf) . Lembra que debe incluír no caderno un mínimo de vinte e cinco organismos diferentes: Mundo microscópico, algas, fentos, musgos, ximnospermas, anxiospermas, esponxas, cnidarios, platelmintos, moluscos, anélidos, crustáceos, insectos, arácnidos, equinodermos, peixes, anfibios, réptiles e mamíferos. O máis práctico é que vaias facendo o teu caderno a medida que estudamos os distintos grupos.