Saltar navegación

Descubrindo a biodiversidade

Audioguía Descubrindo a biodiversidade

“Houbo unha sacudida e o barco comezou a moverse. Sentín o siseo das caldeiras de vapor que a goleta empregaba para saír do porto e chegar a mar aberto onde o vento permitiría navegar a vela. Sentín ou imaxinei, porque o lugar onde me agochaba non deixaba ver nada do que sucedía no exterior e, a duras penas, respirar. Era este escondedoiro un gran caixón destinado ás mantas, Illa do Índicona parte inferior do camarote de Andrés, o meu irmán; Andrés debía compartilo con Claudio Fernández, o outro zoólogo da Expedición, especialista en invertebrados, pero Claudio, debido a unhas inoportunas febres terzás, non comparecera á mañá no peirao de Cádiz, e foi esa ausencia providencial a que me fixo concibir a idea de esconderme no camarote, de converterme no oitavo integrante da Expedición Científica do Pacífico...” A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre.

 

1.   Le o texto atentamente.

2.   Busca e incorpora ao teu glosario as palabras que non entendas.

3.   Resume o texto nun máximo de tres liñas.

4.   Que son as febres terzás das que fala o texto? Debuxa o organismo que as produce. é un animal, unha planta...? Por que non é unha bacteria? Como se transmite?

5.   Observa o mapa e responde ás seguintes preguntas. Cantas persoas morreron desa enfermidade en España no 2006? En que continente son máis numerosas as mortes? Investiga as causas da distribución desa enfermidade.

 

6.   Pincha sobre o mapa e anota os países con máis mortes no ano 2006.

7.   Esta enfermidade forma parte das coñecidas como enfermidades esquecidas. Lede o artigo enlazado aquí e discutide as causas e solucións deste problema.

8.   A partir fundamentalmente do século XVI, sucédense unha serie de viaxes transoceánicos nos que se mesturan os obxectivos políticos e científicos; son as expedicións científicas das que fala o noso texto. Viaxes de descubrimento e aventura sobre as que hoxe imos investigar. Escollede a vosa e analizade: o percorrido, duración, obxectivos, e logros.

  • Real Expedición Española da Vacina.
  • Expedición do HMS Endeavour.
  • Expedición da Boudeuse e L'Étoile.
  • Resolution Adventure
  • Expedición do Albatross
  • Expedición antártica belga
  • DSV Alvin
  • Expedición Malaspina 2010-2011

 Pero antes de empezar o traballo practiquemos a busca de información na internet.

 Imos facer un concurso de velocidade, a ver quen é o primeiro que atopa a seguinte información: (antes de empezar dedicade un segundo a pensar como se busca información de forma rápida e segura. Pincha no enlace)

1.   Busca unha imaxe dunha explotación de acuicultura en Galicia baixo licenza CC-BY-SA (Aquí tes información sobre licenzas e como buscar a licenza que queres. Lembra que rematarás máis rápido se sabes como buscar. Pincha no enlace).

2.   Durante a segunda metade do século VII, e durante o reinado dun rei visigodo, publícase o primeiro documento sobre acuicultura en España. Como se chama ese documento?

3.   Cal foi o principal produtor mundial de produtos de acuicultura no ano 2010?

 

Chega o momento de demostrar as túas habilidades. Deseña outras tres preguntas para que os teus compañeiros busquen na Internet.

Non llo poñas fácil pero tampouco imposible!