Avaliación
Unha proposta didáctica como a presente esixe unha metodoloxía didáctica e unha avaliación adecuadas.
- Ao longo da unidade propóñense múltiples actividades de clase que poderán ser avaliadas mediante listas de cotexo. (Non se realizan propostas de peso para os distintos apartados da avaliación xs que é unha cuestión moi persoal e dependerá do programado por cada docente).
- As lecturas tamén poderán incluírse na avaliación mediante un anecdotario ou presentacións públicas.
- glosario será fundamental na avaliación xa que é un instrumento de aprendizaxe de enorme importancia.
- A aplicación final desenvolvida polo alumno vainos permitir avaliar:
- O seu caderno de mergullo.
- O traballo de investigación.
- O estudo dos científicos do mar.
Os alumnos deberán incluír unha aplicación que incorpore como mínimo catro pantallas: (Na aplicación inclúese un titorial para os rapaces que tamén pode ser práctico para o profesor)
- Inicio.
- Científico estudado polo alumno. Enlace ao PDF. (Necesitamos publicalo previamente. Hai varias formas de publicar e compartir un PDF: Google Drive, scribd, issue... As páxinas web dos centros tamén permiten subir arquivos, esta opción ten que facelo o profesor con todos os arquivos dos alumnos.)
- Biodiversidade. Neste apartado enlazarán o traballo final sobre a clasificación dos seres vivos (Caderno de mergullo). Proponse que este consista na elaboración dun arquivo en PDF no que se inclúan as características de cada un dos seis grupos propostos xunto co caderno de mergullo elaborado por cada alumno (fichas de exemplos de cada grupo). Os grupos non se corresponden coa clasificación de Whittaker dos cinco reinos nin cos dominios pero tampouco parece necesario neste nivel profundar demasiado na clasificación dos seres vivos. A actividade está especificada con máis detalle no apartado correspondente da aplicación xeral.
- Traballo de investigación. Enlace ao traballo de investigación en PDF. Como sucedía no caso anterior temos que publicalo previamente.
No modelo que se inclúe na proposta didáctica aparece unha opción de presentación, o mínimo esixido, pero seguro que os alumnos melloran o deseño.
A avaliación debe considerarse en todo caso como un proceso aberto susceptible de retroalimentación. Para realizar un seguimento do proceso de avaliación poden empregarse medidas como:
- Análise das dificultades atopadas no desenvolvemento das unidades.
- Discusión na clase cos alumnos sobre cada un dos bloques traballados.
- Elaboración de cuestionarios de retroalimentación.
Evidentemente esta necesidade de retroalimentación tamén é imprescindible no actual deseño polo que se agradece o envío das conclusións da retroacción para valorar a posibilidade de realizar cambios no presente proxecto. (bacharelato2009@gmail.com)