Pardas
Con outro pigmento maioritario, inclúen algunhas das algas máis rechamantes do noso litoral.
Entre as algas pardas das nosas costas destacan:
- Laminaria. A alga que envolve o polbo na imaxe. Forma bosques con exemplares de varios metros de alto.

-
Fucus. Moi frecuente e recoñecible. O exemplar da esquerda, da especie Fucus vesiculosus, mostra unha especialización peculiar destas algas. Trátase de vesículas de ar que lle permiten flotar e, desa forma, alcanzar a luz solar.
. Fucus vesiculosus Dominio público
As algas poden reproducirse sexual e asexualmente. Na imaxe da dereita podes ver como cos temporais do inverno as laminarias rompen,
rematando como argazo nas praias. Pero a alga non morre senón que volve a crecer a partir dun anaco que quedou firmemente agarrado á rocha. É unha forma de reprodución asexual.
As algas empregáronse en Galicia como abono dende tempo inmemorial, era o argazo que se apañaba na costa para despois distribuílo sobre a terra de cultivo. A este uso sumouse recentemente unha florecente industria de recolección e transformación de algas para consumo humano e para a elaboración de moitos tipos distintos de produtos.

Entre as algas máis frecuentes nas costas galegas hai unha especie invasora, Sargassum muticum.
Bioinvasións
Busca información sobre o Sargassum muticum.
- De onde é orixinaria?
- Como chegou ás costas de Galicia?
- En que costas galegas podemos atopalas?
- Que problemas está provocando esta alga?
- Busca cinco exemplos máis de bioinvasións que esteamos sufrindo en Galicia.