Estrutura
Estrutura do paquete SCORM
Cada un dos apartados comeza cun texto relacionado cos contidos que sirve como introdución destes e tamén de diversos textos de divulgación ou novelas relacionadas co mar. É importante lembrar a enorme importancia da lectura na formación dos nosos alumnos e, neste sentido, a presentación de novos títulos e xéneros facilitará a relación dos rapaces coa literatura permitindo formar novos lectores. A presenza do libro físico cando comecemos a unidade, así como a lectura en grupo destes textos, pode ser unha forma interesante de afondar neste obxectivo.
Todos os apartados poden ser traballados en paralelo xa que son independentes uns doutros. Esta forma de traballar facilita a motivación dos alumnos xa que fai as clases máis dinámicas e variadas.
Os apartados dos que consta o recurso son:
1. A biodiversidade mariña. Estudo da biodiversidade mariña. Este primeiro bloque inclúe a maior parte dos contidos teóricos incluídos na unidade. A proposta de secuencia é a seguinte:
- Descubrindo a biodiversidade. As expedicións científicas. Introdución sobre as grandes expedicións científicas aos océanos. Neste apartado traballamos as ideas previas dos alumnos respecto ao tema a estudar así como a motivación.Tamén permite comezar a mellorar na busca de información en Internet. (No apartado “Os científicos do mar” tamén se traballa esta cuestión fundamental para evitar que os nosos alumnos sexan náufragos no océano da información)
- Organizando a biodiversidade. Criterios de organización dos seres vivos e introdución ás claves dicotómicas. Introdución á clasificación dos seres vivos.
- Pictionome. Introdución á nomenclatura científica. Regras básica de nomenclatura traballadas a partir dun xogo, o Pictionome, que dá nome ao apartado.
- Mundo microscópico. Estudo de virus, bacterias, protozoos e fungos.Inclúense dúas actividades de laboratorio: Observación de bacterias de iogur e observación de microorganismos nunha gota de auga.
- Algas. Estudo das algas, con especial atención as algas de Galicia. Inclúe unha actividade de laboratorio: cromatografía en papel de pigmentos fotosintéticos.
- Invertebrados. Estudo dos principais grupos de invertebrados: esponxas, celentéreos, platelmintos, moluscos, anélidos, artrópodos e equinodermos. É con diferenza o máis longo de todos os apartados e tamén o con maior número de actividades.Inclúe unha actividade de laboratorio: estudo das espículas das esponxas.
- Vexetais. Estudo do reino vexetal: musgos, fentos, ximnospermas e anxiospermas. Inclúe unha investigación sobre o crecemento das lentellas coa que se practica o método científico. Tamén se propón unha actividade de campo para fotografar vexetais en forma dun safari fotográfico e unha actividade de laboratorio para estudar a flor.
- Vertebrados. Estudo dos vertebrados: peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Comeza cunha introducións aos cordados: salpas e ascidias.Inclúe unha actividade de campo para estudar as aves.
- Ecosistemas. Introdución aos biomas acuáticos. Inclúe unha experiencia de laboratorio sobre salinidade e temperatura.
- Interactuando no ecosistema. Introdución á dinámica dos ecosistemas: relacións tróficas, redes e cadeas tróficas, relacións intraespecíficas e interespecíficas.
- Caderno de mergullo. Instrucións para realizar o caderno de mergullo, un dos compoñentes da aplicación final. Trátase dunha serie de fichas, un mínimo de vinte e cinco, de organismos diferentes: Mundo microscópico, algas, fentos, musgos, ximnospermas, anxiospermas, esponxas, cnidarios, platelmintos, moluscos, anélidos, crustáceos, insectos, arácnidos, equinodermos, peixes, anfibios, réptiles e mamíferos. As fichas irán facéndose a medida que se estudan os distintos grupos.Inclúe enlaces ao modelo en docx e PDF.
2. A última fronteira da natureza. Estudo das dificultades no estudo do medio mariño a partir do mergullo deportivo: adaptacións ao medio mariño, temperatura, luz e presión. Este apartado compleméntase co de ecosistemas en biodiversidade. Ambos analizan as características dos biomas mariños.
Inclúe unha experiencia de laboratorio sobre a lei de Boyle.
3. Os científicos do mar. Proposta de investigación sobre algúns dos científicos máis relevantes na investigación dos océanos. Os científicos serven de escusa para analizar tamén as relacións entre o científico e a sociedade na que lle tocou vivir: desenvolvemento tecnolóxico, xeopolítica...
Este apartado forma parte da aplicación que realizarán os alumnos e da avaliación final do seu traballo.
A estrutura do traballo é idéntica independentemente do científico e consta dos seguintes apartados: Breve descrición do mundo que lle tocou vivir, biografía, principais achegas, bibliografía e webgrafía e selección de lugares na rede. En todos os casos preséntase un PDF con indicacións sobre o traballo a realizar e as principais achegas do científico concreto sobre o que decidiran investigar. Este documento tamén incorpora unha guía sobre a organización do traballo e o tratamento dos dereitos de autor.
Antes de comezar é interesante que traballemos cos alumnos a busca de información na internet (a aplicación enlaza neste apartado a unha páxina que trata o problema dunha forma moi sinxela e práctica)
Os científicos elixidos son: Ángeles Alvariño, Jaques Cousteau, Odón de Buen, Capitán Fitzroy, Robert Ballard, Robert Hessler, Fernando de Magallanes, Alessandro Malaspina, Narciso Monturiol, Pedro Sarmiento de Gamboa, Henry Stommel e Marie Tharp.
4. Agresións ao medio mariño. Estudo do concepto de biodiversidade, da súa importancia e das causas da súa destrución.
Tamén se realiza unha introdución aos principais problemas dos océanos:
- Sobreexplotación. Analízase a pesca, cunha breve introdución as artes de pesca e ao etiquetado das capturas, o problema da sobrepesca e as posibles solucións.
- Contaminación. Visión xeral do problema de contaminación dos océanos con especial atención aos problemas de bioacumulación de contaminantes e das mareas negras. Introdúcense o problema do branqueamento dos corais e a súa relación coa contaminación atmosférica.
- Destrución do litoral. Visión xeral do problema e introdución á amplificación de riscos consecuencia da destrución do litoral (tsunamis e inundacións)
5. Lendo o mar. Lecturas sobre o mar: divulgación, novela...
A lectura comprensiva é un soporte fundamental da aprendizaxe polo que todas as materias deben colaborar na formación de lectores competentes. Neste sentido o labor fundamental do docente debe ser o de servir de guía aos alumnos coa presentación de títulos adecuados á súa idade e incluso personalizados na medida das posibilidades de cada rapaz. Este esforzo non debe limitarse á novela senón que, no nivel educativo que nos atopamos, tamén debe incluír a divulgación científica como unha magnífica forma de atender á diversidade de intereses e motivacións dos alumnos.
As recomendacións acertadas son fundamentais para a formación de futuros lectores, unha vez gañamos a confianza do alumno acudirá a nós á hora de buscar novos libros. É fundamental, por tanto, procurar personalizar as recomendacións de acordo cos intereses e capacidades dos distintos alumnos, especialmente cando pretendemos introducir un novo xénero como é o ensaio. Por ese motivo é importante coñecer perfectamente aos alumnos e ás lecturas que recomendemos.
- A chave da Atlántida. Libro de moi fácil lectura, moi adecuado para todo tipo de lectores.
- A expedición do Pacífico. A protagonista do libro participa nunha das expedicións científicas comentadas na aplicación. Para alumnos lectores. Sería interesante proporlles realizar un mapa para explicar aos compañeiros a expedición: lugares que visita, actividades que realizan...
- As viaxes fantásticas de Jules Verne. Adaptación de cinco libros de Jules verne:
- 5 semanas en globo.
- A volta ao mundo en 80 días.
- Viaxe á Lúa
- Viaxe ao centro da Terra.
- 20.000 leguas de viaxe submarino.
A estrutura do libro, en capítulos independentes, facilita a lectura e a motivación.
- Recoméndase unha lectura comentada en clase.
- Volverás, golfiño. Ambientado na Costa da morte, o libro emprega algúns dos naufraxios máis coñecidos das nosas costas para analizar a relación do home co mar. Válido para todo tipo de lectores.
- A evolución de Calpurnia Tate. Un libro que anima a observar a natureza dende unha perspectiva científica. Para lectores curiosos.
- A illa do tesouro. Un clásico de aventuras adaptado. Válido para rapaces con dificultades lectoras.
- O home que plantaba árbores. Non hai mellor lección de ecoloxía e da importancia das interaccións nos ecosistemas. Recoméndase unha lectura en clase que remate coa elaboración dun mural para expoñer no instituto.
- Robinson Crusoe. Adaptación do clásico. Válido para rapaces con dificultades lectoras.
- Venres ou a vida salvaxe. Non apto para todos os públicos. Para lectores avezados.
- Historia da costa galega e dos seus naufraxios.Século XX. Un libro coas características dun ensaio científico. Non se recomenda a súa lectura continuada. É un interesante libro de consulta grazas aos mapas que presenta ao final.
- Buceando en la historia. Os grandes naufraxios ao longo da historia. Permite unha lectura descontinua xa que os capítulos son independentes. Pode servir como libro de consulta. Sería interesante recomendar capítulos a alumnos concretos para realizar un traballo con posterior de exposición pública sobre os naufraxios estudados.
- Agua salada y sangre caliente. Historias de mamíferos marinos. Para alumnos lectores. Todo sobre os mamíferos mariños.
- A mariña en baixamar. Libro de consulta para alumnos curiosos. As fotos permiten determinar facilmente moitas especies da baixamar.
- El libro de los animales misteriosos. Para alumnos curiosos. No libro fai un percorrido polos mitos da criptozooloxía. Permite unha lectura descontinua xa que os capítulos son independentes. Pode servir como libro de consulta. Sería interesante recomendar capítulos a alumnos concretos para realizar un traballo con posterior de exposición pública sobre os misterios estudados.
- A arca de Noe. Libro de consulta. Introduce moitos temas diferentes dende Xeoloxía a Física. Para alumnos con especiais capacidades.
- La vuelta al mundo de un forro polar. Historia sobre a globalización e as súas consecuencias. Pode estruturase para traballalo en grupos: orixe e viaxe dos materiais, confección do forro polar, viaxe ao primeiro mundo e vida final no terceiro mundo. Cada grupo ilustraría a súa etapa cun debuxo e un titular e explicaría ao resto a súa lectura.
- Expedición microscopio. Un libro de fácil lectura. Comenta moitas experiencias diferentes para observar ao microscopio.
6. Proxecto de investigación. Proposta de diversos proxectos de investigación sobre os ecosistemas mariños de litoral. Control de variables, recollida de información, elaboración de informes e conclusións... Inclúe os seguintes apartados que enlazan a documentos en PDF:
- A investigación científica. Introdución ao método científico mediante a elaboración dunha columna de densidades no laboratorio. Os alumnos deberán producir un artigo científico sobre o seu proxecto de investigación polo que neste apartado tamén se explica como facelo.
- Propostas de investigación. Cada proposta realízase mediante un PDF no que se explica a proposta de investigación. Cada grupo, ou alumno, deberá desenvolver un proxecto diferente facendo un artigo que publicarán na súa aplicación. Tamén se propón a exposición pública dos resultados na clase aínda que tamén pode contemplarse a posibilidade de expoñer algún dos traballos nalgún dos congresos ou feiras de investigación que se convocan ao longo do curso.
Os temas propostos son: etiquetado de produtos do mar, egagrópilas, escamas dos peixes, furacáns (información en inglés), variacións no cultivo de organismos na auga, rutas dos barcos de baixura, histórico de ondaxe, as mareas vermellas, plásticos na costa, plásticos na costa, histórico de temperatura e salinidade nunha ría, comparación das variacións de temperatura e salinidade entre dúas rías e variacións de turbidez.
A maioría das propostas poden realizarse tanto en zonas costeiras como de interior. Evitáronse os proxectos que obriguen a recolectar organismos como algas ou animais xa que parece contraproducente o obxectivo de coidar o medio con calquera investigación na que separemos os organismos do seu medio.
No apartado “Distintas miradas ao mar” enlázanse varias propostas de ciencia cidadá. Non se inclúen estas propostas no proxecto xa que é importante que produzan e publiquen resultados propios.
7. Distintas miradas aos ecosistemas mariños. Materias para atender a diversidade na aula. Este apartado está estruturado en tres seccións:
- Para grumetes. Material para alumnos con dificultades de aprendizaxe que precisan de apoio educativo.
O punto de partida é unha lectura da adaptación de 20.000 Leguas de viaxe submarino realizada pola editorial Baía (As viaxes fantásticas de Jules Verne). A lectura completa deste texto pode ser unha boa idea para continuar traballando a comprensión lectora e a expresión escrita. Ao longo do recurso a lectura será sempre fundamental.
Propóñense actividades de exposición fronte ao grupo-clase que permitan traballar a integración neste xunto coa expresión oral, a busca de información e a organización do traballo: Reservas mariñas, pecios e tsunamis.
Neste apartado os contidos trátanse dunha forma máis continua para que resulte máis ordenado. Da mesma forma as actividades foron seleccionadas para favorecer a motivación cara á aprendizaxe dos alumnos. Por este motivo comezamos polo estudo dos vertebrados e das adaptacións ao medio mariño (A última fronteira), continuamos co resto das unidades.
A estrutura deste apartado permite tratar os contidos de forma independente ao resto do grupo-clase pero tamén enlazar con eles grazas a enlaces co material xeral dos bloques de Biodiversidade, ... (No documento os enlaces aos apartados aparecen co nome de cada un deles: Agresións ao medio mariño, Interactuando, Invertebrados...) Desta forma a adaptación resulta flexible e pode adecuarse ás necesidades dos alumnos.
A estrutura do apartado permite manter os instrumentos de avaliación xa que os alumnos tamén realizan: glosario, investigación sobre os científicos do mar, caderno de mergullo, proxecto de investigación e, por suposto, a aplicación final. Así conséguese a integración de todos os alumnos no traballo da clase, aumentando a motivación dos rapaces con dificultades que se ven traballando cos compañeiros.
- Para pasaxeiros. Colección de xogos relacionados co mar. Unha forma de motivar aos alumnos cara á aprendizaxe.
- Para oceanógrafos. Materiais para os alumnos que queiran profundar no coñecemento dos océanos. Préstase especial atención a proxectos de ciencia cidadá nos que se podan implicar os rapaces atendendo deste modo aos alumnos con especiais capacidades. Neste apartado introdúcense cuestións de física que se traballarán no próximo curso como a dispersión da luz ou a transmisión do son. Estas cuestións poden encomendarse a rapaces con curiosidade e capacidade para que investiguen e expoñan na clase os resultados.