Partindo do modelo de análise do apartado anterior, buscamos un nome e creamos un logo para a nosa emisora de radio. Lembra que debe cumprir cos requisitos que se describen na escala da actividade anterior e que os teus mestres e as túas mestras valorarán o voso traballo con esa mesma escala.
Logo imos elaborar un documento base que conteña ese nome e ese logo. Empregarémolo para todos os nosos escritos.
Lectura facilitada
Imos buscar un nome para a nosa radio.
Tamén imos crear un logo.
Lembrade que o nome e o logo deben cumprir uns requisitos.
Os nosos mestres valorarán o noso traballo con eses requisitos.
Despois, imos facer un documento.
Nese documento estará o nome e o logo.
Usaremos ese documento para todos os nosos escritos.
Audio
Cheda di Cadaquén asume o seu rol
Agora é o momento de repartir traballo entre todas as persoas do grupo. Lembramos que na radio traballan redactores e redactoras, xornalistas, técnicos e técnicas de son e locutores e locutoras.
Partindo desa idea imos facer un primeiro repartimento de tarefas tendo en conta que nas sucesivas partes do reto debemos ir cambiando de rol.
Que fará cada quen?
Xornalistas: investigan sobre os datos importantes da celebración que imos traballar.
Redactores e redactoras: redactan o guión a partir das informacións dos e das xornalistas. Se precisamos entrevistar a alguén, farán tamén as preguntas.
Locutores e locutoras: son os encargados e as encargadas de ler os textos elaborados. Se hai que facer unha entrevista serán tamén as persoas encargadas.
Técnicos e técnicas de son: encárganse de toda a parte técnica do equipo de gravación.
Lectura facilitada
Agora imos repartir o traballo no grupo.
Lembramos que na radio hai redactores, xornalistas, técnicos de son e locutores.
Imos facer un primeiro reparto de tarefas.
Nas seguintes partes, cambiaremos os roles.
Que vai facer cada persoa?
Os xornalistas van buscar datos importantes da celebración.
Os redactores van escribir o guión coa información dos xornalistas.
Se hai que entrevistar a alguén, os redactores farán as preguntas.
Os locutores van ler os textos escritos.
Se hai unha entrevista, os locutores tamén a farán.
Os técnicos de son encárganse de todo o equipo de gravación.
Investigamos
O seguinte paso vai ser decidir cales van ser as dúas celebracións sobre as que imos traballar. É unha decisión que tomaremos de maneira conxunta despois dun debate onde argumentaremos as nosas preferencias.
Unha vez decidido elaboraremos un documento co nome e co logo do noso equipo para recoller a información.
Os nosos podcasts avaliaranse seguindo esta rúbrica. Fíxate no que se che vai pedir.
Rúbrica para avaliar un podcast
Excelente
Satisfactorio
Mellorable
Insuficiente
Pronunciación
O ou a estudante articula perfectamente as palabras e o texto enténdese con claridade. (4)
O ou a estudante articula as palabras con certa claridade e o texto pode entenderse na súa maioría. (3)
O ou a estudante algunhas veces articula ben as palabras, pero o texto frecuentemente non se entende. (2)
O ou a estudante de cando en cando articula as palabras e o texto non se entende. (1)
Entoación
Non hai erros. O ton é moi atractivo. (4)
Algún erro illado, pero na súa maioría o ton é preciso e seguro. (3)
Algunhas veces o ton é preciso, pero hai erros frecuentes ou repetitivos. (2)
Hai moi poucas veces en que o ton sexa preciso ou seguro. (1)
Contidos
Os textos están ben redactados e reflexan claramente o acontecido na celebración proposta. (4)
Os textos están ben redactados aínda que non sempre se entende ben o que aconteceu na celebración proposta. (3)
Os textos teñen algúns erros de redacción que puntualmente dificultan a comprensión. (2)
Os textos teñen moitos erros de redacción e non se entende ben o que se pretende narrar. (1)
Incorpora opinións importantes
Pediuse a opinión a persoas de interese para completar a información e o que achegaron é moi interesante. (4)
Pediuse a opinión a persoas de interese para completar a información pero o que achegaron non ten moito interese (3)
Pediuse a opinión a persoas que non tiñan moita información que achegar polo que non enriqueceron o podcast coas súas opinións. (2)
Non se incluíu a opinión de persoas que participaron na celebración. (1)
Calidade técnica
As gravacións de audio son correctas. Mestúrase voz e base musical correctamente e aplícanse efectos que facilitan a comprensión. (4)
As gravación de audio son correctas. A mestura de voz e base musical é correcta pero non se empregan efectos ou estes non contribúen a mellorar a comprensión (3)
Algunhas gravacións de audio teñen erros de montaxe. Non se empregan efectos e a mestura de voz e música non está ben realizada (2)
As gravacións de audio teñen moitos erros e non se empregan efectos nin música de fondo (1)
Proceso de elaboración
Todas as persoas do equipo participaron activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudando as demais persoas. (4)
A maior parte das persoas do equipo participaron activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudando as demais persoas. (3)
A metade das persoas do equipo participou activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudándose entre si. (2)
Só unha persoa do equipo (ou ningunha) participou de forma activa nas tarefas propostas e non houbo colaboración nin axuda entre eles e elas. (1)
Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica para avaliar un podcast(CC BY-NC-SA)