Intercambio de ideas
O debate é unha boa forma de intercambiar ideas entre dúas ou máis persoas e sobre calquera tema. Pode facerse un debate sobre: deportes, política, educación..., e poden facerse cunha linguaxe máis ou menos formal dependendo da situación na que se faga.
Na escola debemos debater moitas veces para tomar decisións que afectan ao alumnado. Por exemplo, un caso concreto, podería ser a decisión de a onde ir na excursión de fin de curso. Teríamos que ter varias propostas e que cada un e cada unha de nós busque argumentos para defender de maneira ordenada aquela opción que máis nos guste. Nos debates empregamos textos argumentativos.
A esencia do debate é a exposición de argumentos, onde unha persoa propón razóns a favor dun tema e outra persoa, a opoñente, os refuta. Si si, liches ben, refutar é a palabra correcta para contestar de forma argumentada. Cada participante ten a responsabilidade de presentar argumentos sólidos. Non se pode contestar ao chou e débense apoiar as afirmacións con evidencias.
Cando se leva a cabo de maneira respectuosa e construtiva, o debate pode fomentar o pensamento crítico que fai a unha persoa brillar intelectualmente!
A continuación descubrirás o que facer antes, durante e despois dun debate:
Lectura facilitada
Un debate é cando dúas ou máis persoas falan.
Comparten as súas ideas sobre un tema.
Pode ser máis ou menos serio, segundo a situación.
Na escola, úsanse os textos de debate.
Con eles, os alumnos aprenden a dicir as súas ideas.
E despois, a responder ás ideas dos outros.
É bo que haxa unha persoa que dirixa o debate.
Chámase moderador ou moderadora.
Axuda a que a conversa sexa sempre respectuosa.
Audio
Antes do debate

1. Infórmate sobre o tema que se vai debater.
2. Reflexiona sobre a túa opinión.
3. Redacta un pequeno texto argumentativo xustificando a túa resposta.
Durante o debate
1. Escoita de maneira respectuosa as opinións dos teus compañeiros e das túas compañeiras aínda que non coincidan co teu punto de vista.
2. Se hai unha persoa moderando o debate, segue as súas indicacións.
3. Para intervir, pide a palabra levantando a man.
4. Explica o teu punto de vista de maneira respectuosa e ordenada cunha linguaxe sinxela e clara.
Despois do debate
1. Reflexiona sobre o teu papel durante o debate:
- As túas ideas achegaron algo?
- A túa exposición foi respectuosa?
- Argumentaches as túas opinións?
2. Pensa nos argumentos dos compañeiros e das compañeiras que pensaban de maneira diferente. Seguro que coas súas opinións contribuíron positivamente ao debate.