Entrevistador: Benvidos a “Sabores de Galicia”. Hoxe entrevistamos a Helena, unha influencer do ámbito da cociña. Para comezar, poderías presentarte brevemente para os nosos espectadores e as nosas espectadoras?
Entrevistada: Boas tardes. Son Helena, pero nas redes sociais fágome chamar “Cociñando con produtos de tempada”, e estou moi contenta de estar hoxe aquí no voso programa.
Entrevistador: Fantástico! Para saber máis sobre ti, poderías contarnos un pouco sobre a túa experiencia como creadora de contido? Como foron os teus comezos?
Entrevistada: Dende logo! A miña paixón dende pequena sempre foi a cociña. Cociñaba na casa e invitaba a comer as miñas amigas xa dende moi cativas. Elas foron as que me animaron a publicar algunha receita. Así que comecei compartindo as miñas receitas e trucos primeiro nun blogu e posteriormente a través das redes sociais. Quen me ía dicir a min que acabaría compartindo as miñas receitas con tanta xente!
Entrevistador: Cales dirías que foron os maiores desafíos que tiveches que superar para ser unha persoa coñecida nas redes sociais?
Entrevistada: Foron basicamente dous. O primeiro desafío foi aprender a falar en público sen atrapallarme, pois fago moitos vídeos en directo, iso sempre me puxo moi nerviosa; e o segundo desafío, o máis difícil, foi aprender a usar ingredientes novos para facer receitas innovadoras.
Entrevistador: Moi interesante. Agora, vouche preguntar pola túa comunidade de seguidores e seguidoras, como interactúas con eles e con elas?
Entrevistada: Pois preciso moito da súa retroalimentación. Intento ser clara e usar ingredientes para as miñas receitas que sexan de proximidade e se poidan mercar no comercio local. Por suposto preciso que me transmitan as súas inquedanzas para darlles resposta e que as miñas canles sexan interesantes para as persoas que me seguen. É moi necesario escoitalas para saber que cousas lles interesan.
Entrevistador: Grazas polas túas respostas, Helena. Para rematar, poderías compartir algún consello para aquelas persoas que queiran ser influencer coma ti?
Entrevistada: Claro que si. O meu consello é que sexan auténticos e auténticas e que estean sempre innovando porque é o que xera sempre novos seguidores e seguidoras e fideliza a aquelas persoas que xa tes. Moitas grazas por esta entrevista!