Saltar navegación

4.3. Reto 2

Reto número 2

Xa nos falta pouco para ter rematado o noso programa de radio. Ímolo completar cunha entrevista. Xa vimos que unha entrevista é unha forma de facer máis entretido un programa de radio porque lle damos voz a outras persoas que nos ofrecerán o seu punto de vista sobre o tema que estamos tratando. Ao mesmo tempo permítenos buscar e atopar información de interese que vai completar o que nós xa sabíamos.

Ao longo deste REA vimos como debemos preparar unha entrevista. Podedes lembralo no seguinte apartado. Agora imos poñelo en práctica para completar e acadar o reto final.

Lectura facilitada

Xa case temos listo o noso programa de radio.

Imos engadir unha entrevista para completalo.

Unha entrevista fai o programa máis divertido.

Damos voz a outras persoas.

Elas dan a súa opinión sobre o tema.

Tamén podemos atopar información interesante.

Esa información completa o que xa sabemos.

Xa aprendemos como preparar unha entrevista.

Agora imos facer unha para o reto final.

Bado di Pasos para preparar unha entrevista

Lembra o que vimos sobre os pasos que debemos dar para preparar unha entrevista.

Investiga previamente a persoa entrevistada

Busca información sobre a persoa a entrevistar. Aprende sobre a súa experiencia, logros ou calquera outra información relevante que che axude a formular preguntas. 

Define obxectivos

Establece obxectivos claros que queres alcanzar. É dicir, que queres saber realmente. 

Crea unha lista de preguntas

Baseándote na túa investigación e nos obxectivos da entrevista, elabora unha lista de preguntas. 

Fai preguntas lóxicas e dinámicas, é boa idea resaltar positivamente os seus logros, para que a persoa entrevistada se sinta a gusto e poida responder comodamente.

Obtense moita información facendo preguntas usando: que, para que, como e cando.

Practica 

Repasa as túas preguntas e practica a entrevista previamente, xa sexa en voz alta ou cun ou cunha colega. Isto axudará a familiarizarte co fluxo da conversación e a asegurarte de que estás preparado ou preparada para calquera dirección que poida tomar a entrevista.

Prepara o equipo técnico

Asegúrate de que todo o equipo técnico estea listo e funcionando correctamente. Se podes, ten material de reposto e revísao antes de comezar: gravadora de audio, cámaras, micrófonos e calquera outro equipo necesario.

Lectura facilitada

Primeiro, debemos investigar sobre a persoa que imos entrevistar.

Despois, temos que pensar que queremos conseguir coa entrevista.

Logo, creamos unha lista de preguntas.

As preguntas que empezan por que, para que, como e cando dan moita información.

Podemos repasar as preguntas en voz alta.

Por último, debemos preparar o equipo para gravar.

Debemos revisar a gravadora, as cámaras e os micrófonos antes de empezar.

Preparámonos

Continuamos organizados en grupos con roles definidos que debemos intercambiar para participar todos e todas de todo o proceso.

Precisamos:

  • Xornalistas: deben seleccionar os temas sobre os que lle van preguntar á persoa entrevistada.
  • Redactores e redactoras: a partir do traballo dos e das xornalistas redactan as preguntas de maneira clara que faciliten as respostas.
  • Técnicos e técnicas de son: organizan o equipo para a gravación. 
  • Entrevistadores e entrevistadoras: encárganse de facer as preguntas. Ademais de adaptarse ao guión deben estar pendentes de novas preguntas que xurdan ao longo da entrevista.

Lectura facilitada

Seguimos traballando en grupo e cambiando os roles.

Agora necesitamos:

Os xornalistas escollerán os temas para a entrevista.

Os redactores escribirán as preguntas de forma clara co traballo dos xornalistas.

Os técnicos de son prepararán o equipo para gravar.

Os entrevistadores farán as preguntas.

Ademais de seguir o guión, pensarán en novas preguntas durante a entrevista.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)