Saltar navegación

1. Que se escoite a nosa voz!

 

Glosario

Canle

Emisora de TV

Definición:

Emisora de radio ou televisión. Espazo propio dunha persoa ou unha institución en YouTube.

Exemplo:

Voume subscribir á canle de YouTube do meu curmán.

Evolución

Evolución

Definición:

Cambio lento e progresivo de algo ou de alguén.

Exemplo:

Non hai evolución no estado do enfermo. 

Medios de comunicación

medios de comunicación

Definición:

Sistema empregado para transmitir e recibir información.

Exemplo:

A prensa escrita, a radio e a televisión son os medios de comunicación máis importantes.

Modular

cantar

Definición:

Variar as cualidades da voz para adaptalas a diferentes situacións.

Exemplo:

O cantante modulou a súa voz para interpretar unha canción moi difícil.

Podcast

audio descrición web

Definición:

Ficheiro de audio aloxado na Rede que podemos descargar para escoitar.

Exemplo:

Na Rede podemos atopar moitos podcasts dedicados a receitas de cociña.

Radionovelas

radio 3

Definición:

Novela que se difunde pola radio en capítulos pequenos.

Exemplo:

O meu avó escoitaba a radionovela todas as tardes.

Reporteiros

Fotógrafo

Definición:

Xornalistas que fan reportaxes sobre algún tema.

Exemplo:

Os reporteiros gráficos son os encargados de levar as fotografías aos xornais.

Xornalista

periodista

Definición:

Persoa dedicada á recollida e redacción de noticias para diferentes tipos de medios de comunicación.

Exemplo:

Ao lugar do accidente viñeron xornalistas para informar do acontecido.

De onte a hoxe

Medios de comunicación. De onte a hoxe.

Hai anos, as familias, os veciños e as veciñas xuntábanse arredor da radio para escoitar os informativos ou mesmo as radionovelas. Máis tarde, a chegada da televisión aos fogares espertou moito interese, a pesar de que... só había dúas canles! Imaxinas?

Actualmente o xeito no que compartimos a información é moi variado grazas á aparición dos novos medios de comunicación que nos ofrece Internet. Aínda así, a radio e a televisión seguen formando parte indiscutible das nosas vidas.

Coñecer e facer un uso crítico e responsable dos medios de comunicación é fundamental para nós e para a nosa sociedade. Só as persoas ben informadas poden tomar decisións respectuosas coa súa contorna evitando todo tipo de discriminacións. Con ese coñecemento e ese uso crítico estaremos contribuíndo tamén cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible),  concretamente cos números 3, 4, 5, 7, 10, 11, 12 e 16. 

Lectura facilitada

Hai anos, as familias escoitaban a radio.

Escoitaban noticias e historias.

Despois, chegou a televisión.

Só tiña dúas canles.

Hoxe, usamos Internet para informarnos.

A radio e a televisión seguen sendo importantes. 

Usar os Medios con Coidado

É clave coñecer e usar ben os medios.

Así podemos tomar boas decisións.

Evitamos prexudicar aos demais.

Isto tamén axuda aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Axuda aos obxectivos 3, 4, 5, 7, 10, 11, 12 e 16.

Clavis di Que son os ODS?

Os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) son 17 metas que fixeron países de todo o mundo para coidar o planeta e facer que todas as persoas vivan mellor. Queren rematar coa pobreza, coidar da natureza e que todos teñamos saúde, educación e paz. Son como unha lista de cousas importantes para construír un futuro mellor para todos.

Cadro dos obxectivos de desenvolvemento sostible

Que imos aprender nesta aventura?

Ao longo deste recurso educativo aberto vas aprender:

  • A valorar importancia dos medios de comunicación, así como a súa evolución histórica.
  • Como traballan as persoas reporteiras e xornalistas na radio e na televisión. 
  • Que pautas debes seguir para redactar un texto informativo eficaz e atractivo. 
  • Como gravar un ficheiro de audio para crear un podcast.
  • Como mellorar a túa expresión oral e modular a voz á hora de transmitir información. 

Lectura facilitada

Neste recurso vas aprender:

  • Por que son importantes os medios de comunicación.
  • Como cambiaron co paso do tempo.
  • Que fan os xornalistas na radio e na televisión.
  • Como escribir unha noticia clara e interesante.
  • Como gravar un audio para facer un podcast.
  • Como falar mellor.
  • Como usar ben a voz ao dar información.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)