Primeiro podcast
Lembra que o primeiro reto consiste na gravación de dous podcasts sobre algunha das celebracións que tiveron lugar no teu colexio ao longo deste curso. Temos que facer, polo tanto, varias tarefas que van implicar coñecementos e habilidades distintas, polo que será conveniente afrontar este reto en equipos con roles ben definidos.
Lectura facilitada
O primeiro reto consiste na gravación de dous podcasts.
Tratarán das celebracións que tiveron lugar no teu colexio ao longo deste curso.
Para conseguilo debemos afrontar varias tarefas en grupo.
No grupo repartiremos os traballos para poder participar todos e todas.
Audio
Kardia di Roles na radio
Para que a información chegue aos radiooíntes precisamos:
Xornalistas
Investigan e buscan a información que pode resultar de interese. Xeralmente entregan na redacción dos programas ficheiros de audio cos datos que recolleron.
Se ves un telexornal na TV é moi doado que vexas como algún ou algunha xornalista que entrevista a un personaxe público está gravando a conversa co seu teléfono móbil.
Redactores e redactoras
Danlle forma ás noticias facendo que sexan máis fáciles de comprender. Recollen os audios ou as notas dos e das xornalistas e seleccionan o que consideran de interese. Redáctano de maneira que sexa máis doado de entender ao ser retransmitido pola radio.
Técnicos e técnicas de son
Encárganse de que o son chegue aos receptores das persoas que sintonizan a emisora ou de gravar os podcasts que logo serán descargados. Saben gravar, recortar un son, poñerlle efectos que axuden a comprender mellor a mensaxe.
Locutoras e locutores
Son a voz que nos chega. Seguen o guión que elaboraron as redactoras e os redactores e transmíteno dando a sensación de que non están lendo. Da súa entoación e da modulación da súa voz vai depender que un programa ou un podcast nos guste máis ou menos.
Lectura facilitada
Para que a información que imos elaborar chegue ao público necesitaremos:
- Xornalistas: investigan sobre as noticias.
- Redactores e redactoras: redactan as noticias.
- Técnicos e técnicas de son: encárganse de manexar o equipos de gravación.
- Locutores e locutoras: len os textos para gravar.
