Para facer teatro hai que darlle unha boa entoación á nosa voz.
Locutor, locutora
Definición:
Persoa que se encarga de ler as noticias, presentar os programas de radio ou televisión etc.
Exemplo:
O locutor comentaba as incidencias do partido cos xogadores.
Rol
Definición:
Función que debe cumprir unha persoa nunha situación concreta.
Exemplo:
Ese actor facía na película o rol de policía comprensivo.
Atréveste?
A radio é unha ferramenta marabillosa para exercitarse no uso e no poder da palabra. Só cun uso correcto da linguaxe, coas súas palabras e silencios, lograremos transmitir e comunicar novas ou as nosas opinións.
Ao longo deste REA imos aprender moitas cousas sobre a radio e, unha vez que as saibas, ímosche propoñer que fagas un programa de radio xunto cos teus compañeiros e coas túas compañeiras. Trátase de gravar un programa que recolla a información das conmemoracións máis importantes do noso colexio ao logo deste curso: Magosto, Nadal, Entroido, Día da Paz, 8M, Día das Letras Galegas… Sería un programa feito por nós e para nós!
Pero para iso, o primeiro é o primeiro. Nunha emisora de radio cada persoa ten un rol ou traballo específico que desenvolver. Na vosa tamén. Teredes que formar grupos de catro persoas e asignar a cada integrante do grupo un rol, que poderá ser de locutor ou locutora, redactor ou redactora, xornalista, técnico ou técnica de son.
Lectura facilitada
A radio é moi boa para aprender a usar as palabras.
Con palabras e silencios, podemos contar noticias e as nosas ideas.
Neste proxecto, vas aprender moito sobre a radio.
Despois, imos propoñerche que fagas un programa de radio.
Farao cos teus compañeiros e compañeiras.
O programa será para contar as festas importantes do colexio.
Por exemplo, o Magosto, Nadal, Entroido, Día da Paz, 8M, Día das Letras Galegas.
Será un programa feito por vós e para vós!
Traballo en Equipo na Radio
Para iso, primeiro de todo: Nunha emisora de radio, cada persoa ten un traballo especial.
No voso programa, tamén será así.
Teredes que facer grupos de catro persoas.
Cada un terá un traballo:
Locutor/a: a persoa que fala no programa.
Redactor/a: a persoa que escribe os textos.
Xornalista: a persoa que busca as noticias.
Técnico/a de son: a persoa que manexa o son.
Audio
Cal vai ser o reto?
Para acadar este reto propoñémosche:
Reto 1:
Gravade dous podcasts que recollan algunha das conmemoracións que se celebraron no cole durante o curso. Debedes elixir aquelas que máis vos gustaron ou nas que tivestes unha maior participación. Deberedes decidir en grupo.
Reto 2:
Gravade unha entrevista a algunha persoa relevante que visitara ou que dalgunha maneira tivera relación co colexio, coa súa contorna ou con algunha das celebracións. A decisión será tamén debatida e acordada por todas as persoas do grupo.
Reto final:
Co material que elaborastes nos retos 1 e 2 debedes montar un programa de radio. Teredes que buscarlle un nome atractivo e unha cabeceira con música que vos identifique.
Con todos os grupos que acaden o reto final montaremos a Feira da Radio, un espazo onde amosaremos as nosas habilidades no manexo das técnicas que empregan a diario os profesionais da radio. Adiante!
Lectura facilitada
Para facer este reto propoñémosche:
Reto 1: Gravade dous podcasts sobre algunha das festas do cole deste curso. Escollede as que máis vos gustaron ou nas que participastes máis. Decidide en grupo.
Reto 2: Gravade unha entrevista a unha persoa importante. Pode ser alguén que visitou o cole, que coñeza o cole, a contorna ou as festas. O grupo decidirá quen será.
Reto final: Con todo o material dos retos 1 e 2, facedes un programa de radio. Poñédelle un nome que guste e escollede unha música para comezar.
Todos os grupos que fagan o programa participarán na Feira da Radio. Alí mostraremos as vosas habilidades de radio.
Adiante!
Audio
Que vas conseguir
Se acadades o reto final conseguiredes:
1. Coñecer o funcionamento da radio: tipos de programas, profesións relacionadas coa radio, publicidade…
2. Ser capaces de redactar correctamente os textos que nos serven de guións.
3. Participar en debates cos compañeiros e coas compañeiras para tomar decisións consensuadas.
4. Ler textos con entoación axeitada.
5. Manexar un programa de gravación de audio como Audacity.
×
Lectura facilitada
Se acadades o reto final conseguiredes:
1. Coñecer o funcionamento da radio.
2. Ser capaces de redactar correctamente os guións.
3. Participar en debates cos compañeiros e coas compañeiras.
4. Ler textos con entoación axeitada.
5. Manexar un programa de gravación de audio como Audacity.