Saltar navegación

O meu canciño é ben grande!

Aumentativos e diminutivos

Can (Arasaac)

É o mesmo falar dun can que dun canciño?

Se dicimos que marcamos dous goliños quere dicir que son dous goles pequenos?

Os locutores e as locutoras de radio válense de moitos recursos para transmitir información ou dar opinións. Lembra que teñen que conseguir que “vexamos” o que nos están contando e é por iso polo que empregan aumentativos e diminutivos con diferentes intencións.

Os aumentativos e diminutivos serven para transmitir información: un canciño é un can pequeno, pero tamén pode ser un can moi bonito ou un can ao que temos moito cariño: "O meu canciño é moi brincador".

Dous goliños non son dous goles pequenos, son dous goles moi importantes para o equipo ou para o xogador ou a xogadora que os marcou. Un golazo, polo contrario, non é un gol moi grande nin vale máis que outro.

Como formamos estas palabras derivadas cando facemos un programa de radio ou estamos aínda na fase de guión? E cando as empregaremos?

Para saber como as formamos temos que lembrar o que xa vimos en canto ás partes que forman unha palabra: lexema, prefixos e sufixos. Neste caso imos engadir ao lexema da palabra uns sufixos que van facer máis grande ou máis pequeno o seu significado. E, cales son eses sufixos? 

Aumentativos

Son formas que indican un tamaño, grao ou intensidade maior que o orixinal. Utilízanse para expresar algo grande, esaxerado ou impresionante. 

Son sufixos aumentativos: -ón/-ona e -azo/aza.

Por exemplo: coche → cochazo ou muller → mullerona

Diminutivos

Son formas que indican un tamaño, grao ou intensidade menor que o orixinal. Utilízanse para expresar algo pequeno, afecto, proximidade ou familiaridade. 

Son sufixos diminutivos: -iño/-iña.

Por exemplo: can → canciño.

Lectura facilitada

É o mesmo falar dun can que dun canciño?

Se dicimos que marcamos dous goliños, quere dicir que son dous goles pequenos?

Os aumentativos e diminutivos serven para transmitir información: un canciño é un can pequeno, pero tamén pode ser un can moi bonito.

Os sufixos diminutivos indican tamaño pequeno e tamén expresan cariño.

Os sufixos aumentativos indican tamaño grande.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)