O primeiro paso que debemos dar é decidir a persoa ou persoas a quen lle imos facer a nosa entrevista. Lembra que o obxectivo é facer un programa de radio que recolla as celebracións máis importantes que tiveron lugar no nosos colexio ao longo do ano. Polo tanto debemos buscar a alguén que teña relación con algunha das que elixistes no reto número 1, desta maneira completariadela, ou ben con outra diferente. Neste caso ampliaríamos o contido do noso programa.
Lectura facilitada
Primeiro, imos decidir a quen entrevistar.
Lembro que queremos facer un programa de radio.
O programa falará das festas importantes do colexio.
Debemos buscar a alguén relacionado coas festas que xa escollemos.
Así, teremos máis información sobre esas festas.
Ou podemos buscar a alguén doutra festa.
Así, teremos máis contido para o programa.
Audio
Por onde empezamos?
O primeiro é o primeiro: a quen entrevistamos?
De maneira individual reflexionamos sobre a persoa que cremos que debe ser entrevistada, axudándonos da seguinte táboa:
Unha vez feita a reflexión individual, é o momento de reunirnos por equipos e facer unha posta en común das diferentes propostas. Cada persoa defenderá con argumentos a razón pola que é interesante escoller a persoa que el ou ela propón. A continuación votaremos e elixiremos a que lle guste á maioría.
×
Lectura facilitada
Xa pensei eu só.
Agora imos xuntarnos en grupos.
Vamos a falar das nosas ideas.
Cada un dirá por que a súa persoa para entrevistar é boa idea.
Explicarei por que me gusta a persoa que eu digo.
Audio
Preparamos a entrevista
En equipo, baixo a supervisión do ou da xornalista, preparamos as preguntas que lle imos facer á persoa entrevistada. Teremos en conta todo o visto no apartado 3.2 deste REA sobre as diferentes partes que debe ter unha entrevista para que nos sexa útil para recoller información e darlle maior dinamismo ao noso programa de radio coa intervención de novas voces e puntos de vista.
Faremos o guión partindo do seguinte esquema:
Benvida e presentación
Saudamos
1. Saudamos a persoa entrevistada e agradecémoslle a súa colaboración.
2. Presentámonos nós, tanto a persoa entrevistadora como o equipo.
3. Dicimos cal é o motivo polo que eliximos a esa persoa.
Exemplo:
Damos a benvida a Xoana Alén, gaiteira que visitou o noso colexio no Día Internacional da Muller. Ola Xoana, eu son Mariña e acompáñanme Antía, Lois e Xián, as persoas do meu equipo, todos e todas alumnos e alumnas do CEIP da Pontevella de Abaixo e colaboradores e colaboradoras de RadioPatio. Queremos facerche esta entrevista porque pensamos que como muller e gaiteira representas moi ben a nosa cultura e a forza das mulleres neste 8 de marzo.
Preguntas e respostas
Facemos as preguntas
Son a ferramenta coa que imos acceder á información que nos achega a persoa entrevistada. Non deben faltar as preguntas: como?, cando?, quen?, para que?, por que?. Ademais debemos estar atentos e atentas a outras que poidan xurdir durante a entrevista.
Exemplo:
Como te decidiches a orientar a túa vida profesional cara á música? Cando empezaches a tocar? Houbo algunha persoa que che axudou a tomar a decisión de ser gaiteira? Por que escolliches ese instrumento? Para que pensas que pode servir que unha muller se dedique á música nun mundo que tradicionalmente era de homes?...
Despedida
Rematando a nosa entrevista
Debemos agradecer á persoa entrevistada a súa colaboración e despedirnos en nome do noso programa de radio ou do noso colexio. É importante anunciar se temos previsto realizar novas entrevistas para captar a atención dos e das posibles oíntes.
Exemplo:
Pois ata aquí a entrevista con Xoana Alén, muller gaiteira á que agradecemos moito a súa colaboración e a súa actitude positiva e comprensiva co noso traballo. Dámoslle as grazas no nome de todo o alumnado do CEIP da Pontevella e especialmente no nome de RadioPatio. E a vós, oíntes, agradecervos a vosa atención e anunciarvos que proximamente estará con nós Adriana López, dianteira do Pontevella CF. Ata a próxima!
Lectura facilitada
No equipo, co xornalista, imos preparar preguntas.
As preguntas serán para a persoa que entrevistaremos.
Lembro o que vimos antes sobre as partes dunha entrevista.
Unha boa entrevista dános información útil.
Tamén fai o programa de radio máis interesante.
Escoitaremos outras voces e ideas.
Imos facer un guión para as preguntas.
Usaremos este esquema para o guión:
Benvida e presentación
Saudamos.
Primeiro, imos saudar a persoa que entrevistamos.
Deámoslle as grazas por axudarnos.
Despois, presentámonos nós.
Eu digo quen son e quen está comigo no equipo.
Tamén dicimos por que escollemos a esa persoa.
Preguntas e respostas
Facemos as preguntas.
As preguntas serven para conseguir información da persoa entrevistada.
Non poden faltar preguntas como: como?, cando?, quen?, para que?, por que?.
Debemos escoitar con atención por se xorden outras preguntas.
Despedida
Rematamos a entrevista.
Debemos dar as grazas á persoa entrevistada por axudarnos.
Despedímonos no nome da radio ou do colexio.
É importante dicir se faremos máis entrevistas.
Así, a xente quererá escoitar o noso programa.
Audio
Gravando!
É a quenda da persoa entrevistadora e dos e das encargadas de preparar o material.
Os técnicos e as técnicas de son prepararán o material de gravación. Podemos empregar o noso portátil Abalar que inclúe o programa Audacity, un teléfono móbil ou unha gravadora de son. Se no noso colexio temos un espazo de radio dentro da biblioteca ou en Polos Creativos, sería moi aconsellable facelo neses espazos.
A persoa entrevistadora co guión elaborado fará as preguntas cunha actitude amable e positiva, tendo en conta as preguntas que poidan xurdir. Para iso contará coa axuda do ou da xornalista e do ou da redactora.
Lectura facilitada
Agora tócame a min, a persoa que entrevista e aos que preparan as cousas.
Os que saben de son prepararán para gravar.
Podemos usar o noso portátil Abalar, que ten o programa Audacity.
Tamén podemos usar un móbil ou unha gravadora de son.
Se no colexio temos un sitio de radio (na biblioteca ou en Polos Creativos), é mellor gravar alí.
Eu, a persoa que entrevista, farei as preguntas do guión.
Serei amable e positiva.
Tamén farei outras preguntas que poidan aparecer.
Para isto, axudarame o xornalista e o redactor.
Audio
Producindo!
Xa case temos o reto! Agora vén a fase de produción. Empregaremos Audacity para facer as modificacións que precisemos. Podemos eliminar fragmentos que non nos sirvan, reducir ruídos de fondo ou unir outros que teñamos por separado. Gardaremos o noso proxecto co nome entrevista_nome_do_entrevistado_a.aup. Este proxecto gardarémolo para poder seguir traballando e modificando o ficheiro as veces que precisemos. Cando cheguemos ao resultado que queremos exportarémolo como MP3. E... reto conseguido!
Lectura facilitada
Xa case acabamos o reto.
Agora toca facer a produción.
Usaremos Audacity para cambiar o que necesitemos.
Podemos quitar partes que non valen.
Podemos quitar ruídos.
Podemos xuntar partes separadas.
Gardaremos o traballo co nome entrevista_nome_da_persoa_entrevistada.aup.
Gardamos así para poder seguir traballando cando queiramos.
Cando estea como queremos, gardarémolo como MP3.
E... ¡reto superado!
Audio
Rúbrica
Rúbrica para avaliar unha entrevista
Excelente
Satisfactorio
Mellorable
Insuficiente
Presentación
A persoa entrevistadora saúda, e diríxese con educación á persoa entrevistada dunha maneira moi efectiva. (4)
A persoa entrevistadora saúda, e diríxese con educación e naturalidade á persoa entrevistada. (3)
A persoa entrevistadora saúda, e diríxese con suficiente educación e naturalidade á persoa entrevistada. (2)
A persoa entrevistadora non saúda, e non se dirixe con suficiente naturalidade e educación á persoa entrevistada. (1)
Texto introdutorio
A persoa entrevistadora fai unha introdución sobre o tema a tratar e sobre a persoa que vai entrevistar na que recolle toda a información necesaria. (4)
A persoa entrevistadora fai ben unha pequena introdución sobre o tema a tratar e sobre a persoa que vai entrevistar. (3)
A persoa entrevistadora fai unha introdución suficiente sobre o tema a tratar e sobre a persoa que vai entrevistar aínda que non inclúe toda a información.
A persoa entrevistadora non fai unha introdución sobre o tema a tratar e sobre a persoa que vai entrevistar. (1)
Preguntas realizadas
As preguntas realizadas corresponden moi ben a diferentes aspectos do tema que se está tratando. (4)
As preguntas realizadas corresponden ben a diferentes aspectos do tema que se está tratando (3)
As preguntas realizadas corresponden suficientemente a diferentes aspectos do tema que se está tratando. (2)
As preguntas realizadas non se corresponden aos diferentes aspectos do tema que se está tratando. (1)
Persoa que realiza a entrevista (entrevistador)
Durante todo o tempo fala con seguridade con boa pronuncia, sen usar palabras comodíns ou retrousos. (4)
A maioría das veces fala con seguridade, con boa pronuncia e non utiliza palabras comodíns ou retrousos. (3)
Ten suficiente seguridade pero algunhas veces, non se lle entende ben e utiliza palabras comodíns ou retrousos. (2)
Ten pouca seguridade, enténdeselle mal cando fala e utiliza moitas palabras comodíns ou retrousos. (1)
Calidade técnica
As gravacións de audio son correctas. Mestúrase voz e base musical correctamente e aplícanse efectos que facilitan a comprensión. (4)
As gravación de audio son correctas. A mestura de voz e base musical é correcta pero non se empregan efectos ou estes non contribúen a mellorar a comprensión (3)
Algunhas gravacións de audio teñen erros de montaxe. Non se empregan efectos e a mestura de voz e música non está ben realizada. (2)
As gravacións de audio teñen moitos erros e non se empregan efectos nen música de fondo. ( (1)
Proceso de elaboración
Todas as persoas do equipo participaron activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudando as demais persoas. (4)
A maior parte todas as persoas do equipo participaron activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudando as demais persoas. (3)
A metade das persoas do equipo participaron activamente nas tarefas propostas e colaboraron axudándose entre si (2)
Só unha persoa do equipo (ou ningún) participou de forma activa nas tarefas propostas e non houbo colaboración nin axuda entre eles e elas. (1)
Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica para avaliar unha entrevista(CC BY-NC-SA)