Saltar navegación

4.4. Reto final

Reto final

Meta

Xa chegamos ao final do noso camiño polo mundo da radio. Temos todo o que precisamos para montar un programa que resuma o que aconteceu no noso colexio ao longo deste curso. Só temos que organizar todo o noso traballo e darlle forma de programa de radio.

Lembramos que temos dous podcasts e unha entrevista. Imos ver cales van ser os seguintes pasos a dar.

Lectura facilitada

Xa rematamos o noso traballo sobre a radio.

Temos todo para facer un programa.

O programa contará o que pasou no colexio este ano.

Só temos que organizar todo e facer o programa de radio.

Lembro que temos dous podcasts e unha entrevista.

Imos ver que temos que facer agora.

Enfoque multinivel

Debido a que son moitos elementos os necesarios para un programa, a persoa docente pode escoller se o alumnado ten que facer todos os elementos ou só algún deles. Por outra banda, propóñense outras opcións:

  1. Realizar o programa de radio na aula, sen gravación e improvisando as informacións cos coñecementos previos do alumnado participante.
  2. Elaborar un esquema de programa de radio sinxelo, cos contidos a tratar, nunha cartulina DIN A3, para que outro grupo da aula poida realizar o programa a viva voz e sen preparación previa, só con improvisación.
  3. Seguir un guión elaborado pola persoa docente e gravar en vídeo o programa para compartir na web do centro ou na aula virtual do curso.

Paso 1: buscamos a cabeceira e base musical

Ao principio desta fase xa buscamos o nome e o logo da nosa emisora de radio, agora toca crear a sintonía que vai encabezar o noso programa. 

Para creala debemos facer unha gravación de voz co noso nome tratando de darlle expresividade e musicalidade e buscar un fondo musical que lle dea dinamismo á sintonía.

Estas páxinas conteñen música que podes empregar libremente para elaborar sintonías para o teu programa.

Audionautix

Free Music Arquive.

Freesound.

Ccmixter.org.

Nos seguintes enderezos podes atopar efectos sonoros que poden mellorar as túas creacións:

Banco de sons do INTEF.

Zapsplat.

Lectura facilitada

Ao comezo, xa buscamos o nome e o debuxo da nosa radio.

Agora toca crear a música que vai ao principio do programa.

Para facer a música, imos gravar a nosa voz co nome da radio.

Intentaremos que soe con alegría e ritmo.

Tamén buscaremos música de fondo que faga a sintonía máis animada.

Nestas páxinas hai música que podedes usar sen problema para a sintonía:

Audionautix.
Free Music Archive.
Freesound.
Ccmixter.org.
Nestes sitios podedes atopar sons que poden mellorar as vosas creacións:

Banco de sons do INTEF.
Zapsplat.

Facemos a montaxe final!

Xa estamos no final! Unha vez que temos a sintonía de cabeceira do noso programa de radio, só nos queda facer a montaxe final. Unha montaxe que pode contar con diferentes efectos sonoros entre as diferentes partes.
Que ingredientes vai ter o noso programa? Aí vai a lista de todo:

Pasos para o reto final1. Sintonía de cabeceira. Contén o nome do noso programa. Debe levar base musical ou efectos que a faga impactante.
2. Presentación. Os locutores e as locutoras gravarán un audio cun texto elaborado polas persoas redactoras onde se faga unha presentación do programa e do equipo que o elaborou.
3. Os dous podcasts sobre as celebracións. Cada un deles levará unha pequena presentación.
4. A entrevista que fixemos a algunha persoa relevante para o centro. Podemos situala na parte do programa que nos pareza máis axeitada.
5. Despedida. Audio onde as persoas locutoras se despiden no nome de todo o equipo.

Lectura facilitada

Xa chegamos ao final!

Xa temos a música do principio do noso programa de radio.

Agora só falta xuntar todo.

Podemos poñer efectos de son entre as diferentes partes.

Que vai ter o noso programa?

Aquí está a lista de todo:

1. A música do principio.

Ten o nome do noso programa.

Debe ter música ou sons que impacten.

2. A presentación.

Os que falan na radio gravarán un texto.

O texto dirá de que vai o programa e quen o fixo.

3. Os dous podcasts das festas.

Cada podcast terá unha pequena presentación.

4. A entrevista á persoa importante do colexio.

Podemos poñer a entrevista onde nos guste máis do programa.

5. A despedida.

Os que falan na radio despediranse no nome de todos

Retroalimentación

Podes consultar a rúbrica de avaliación premendo sobre a imaxe.

Rúbrica para avaliar a montaxe do programa de radio.

Podes descargala en ODT premendo aquí.

Diario de aprendizaxe

Diario de aprendizaxe

Parabéns! Remataches a fase 4. É hora de achegarte ao teu diario de aprendizaxe.

No diario verás unha serie de preguntas. Algunhas para facer de xeito individual e outras en grupo.

Ánimo!

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)