Saltar navegación

9. Os traballos de Hércules

Hércules de neno esganando unha serpe
Hércules neno esganando unha serpe

Hércules (tamén chamado Heracles) supera ao resto dos heroes da mitoloxía grega en case todo. Aínda que se converteu nun exemplo de virtude, Hércules tamén cometeu graves erros, entre eles destruír a súa propia familia. Apolodoro di que esta é a razón pola que Hércules emprendeu os 12 traballos.

  1. Matar ao león de Nemea
  2. Matar á hidra de nove cabezas
  3. Capturar ao xabaril do Erimanto
  4. Capturar á cerva de Cerinea
  5. Escorrentar ás aves de Estínfalo
  6. Limpar o refugallo dos cortellos de Auxeas
  7. Capturar ao touro de Creta
  8. Domar aos corceis devoradores de homes de Diomedes
  9. Conseguir o cinto da raíña Hipólita
  10. Facerse cos bois de Xerión
  11. Capturar ao can Cérbero
  12. Facerse coas mazás das Hespérides

Traballo nº 1

Matar o león de Nemea

Heracles e o león de Nemea (Rubens)
Heracles e o león de Nemea

Tifón foi un dos xigantes que se levantou contra os deuses despois de que estes sometesen con éxito aos Titáns. Algúns dos xigantes tiñan cen mans; outros respiraban lume. Finalmente foron sometidos e enterrados vivos baixo o monte Etna, onde as súas batallas ocasionais facían tremer a terra e o seu alento era a lava fundida dun volcán. Unha desas criaturas era Tifón, o pai do león de Nemea.

Euristeo, o rei de Micenas que tiña o apoio da deusa Hera, enviou a Hércules a traer a pel do león de Nemea, pero a pel do león de Nemea era impermeable ás frechas ou mesmo aos golpes do seu garrote, polo que Hércules tivo que loitar con el coas mans nunha cova. Pronto venceu á besta estrangulándoa.

Cando Hércules apareceu ás portas de Micenas co león, Euristeo tomou moito medo e a partir de entón ordenou ao heroe que depositase as súas ofrendas antes de entrar e que se mantivese fora dos límites da cidade. Euristeo tamén pediu unha gran xerra de bronce na que esconderse.

A partir de entón, as ordes de Euristeo serían transmitidas a Hércules por un mensaxeiro, do medo que Euristeo lle tiña a Hércules.

Traballo nº 2

Matar á hidra de nove cabezas

Heracles e a Hidra de Lerna
Heracles e a Hidra de Lerna

Naqueles días, unha besta vivía nos pantanos de Lerna, arrasando a paisaxe e devorando o gando. Coñecíase como a Hidra. Para o seu segundo traballo, Euristeo ordenou a Hércules que librase ao mundo deste monstro depredador. Hércules tomou ao seu sobriño Iolao como o seu auriga (condutor de carro) e dispúxose a destruír á besta. Por suposto, Hércules non podía limitarse a disparar unha frecha ou a matala a golpes co seu garrote, o traballo era máis difícil que iso: o monstro da Hidra de Lerna tiña nove cabezas, unha das cales era inmortal. Se algunha das outras cabezas mortais fose cortada, dúas novas cabezas brotarían inmediatamente do toco. A loita coa besta resultou difícil, xa que ao tentar atacar unha cabeza, outra mordía a perna de Hércules cos seus dentes. Hércules ignorou as mordidas dos seus talóns e pediu axuda a Iolao. Díxolle que lle queimase o pescozo á hidra en canto el lle quitase a cabeza. A queima impediu que o toco se rexenerase. Cando os 8 pescozos mortais quedaron sen cabeza e cauterizados, Hércules cortou a cabeza inmortal e enterrouna baixo terra por seguridade, cunha pedra encima para mantela no seu sitio.

Despois de que Hércules enterrase a última cabeza, mollou as súas frechas na ferida da besta. Tras o seu segundo traballo, Hércules regresou a Micenas (sen entrar na cidade) para informar a Euristeo. Alí decatouse de que Euristeo rexeitou o seu traballo porque non a realizara só, senón coa axuda de Iolao.

 

Traballo nº 3

Captura da Cerva de Cerinea

A cerva de Cerinia
Hércules e a cerva de Cerinea

Aínda que Artemisa consideraba sagrada á cerva de Cerinea, de cornos de ouro, Euristeo ordenou a Hércules que lla trouxese viva. Sería bastante fácil matar á besta, pero capturala resultou un reto. Despois dun ano de tentar capturala, Hércules derrubouse e disparoulle unha frecha, ao parecer unha das que mollara previamente no sangue da hidra. A frecha non resultou mortal, pero provocou a indignación da deusa Artemisa. Con todo, cando Hércules lle explicou a súa misión, ela entendeuno e deixouno en paz. Así puido levar ao animal con vida ata Micenas e o rei Euristeo.

Traballo nº 4

Captura do xabaril do Erimanto

Heracles e o xabaril do Erimanto
Heracles e o xabaril do Erimanto

Capturar a un xabaril solitario para levarllo a Euristeo non sería un reto especial para o noso heroe. Así que Hércules entretívose e pasou o tempo gozando das cousas boas da vida en compañía dun dos seus amigos, o centauro Folo. Folo ofreceulle unha cea de carne cocida e bo viño. Era un viño divino, cun aroma embriagador que atraeu aos outros centauros, que eran moi salvaxes e menos amigables. Hércules escorrentounos disparándolles frechas.

Baixo a choiva de frechas, os centauros precipitáronse contra outro amigo centauro de Hércules, famoso por ser o mestre de Aquiles ou Xasón: Quirón. Unha das frechas rozou o xeonllo de Quirón. Hércules quitoullo e aplicoulle unha medicina, pero non foi suficiente. Co centauro ferido, Hércules coñeceu o poder da sangue da Hidra na que mollara as súas frechas. Quirón ardía en carne viva pola ferida pero non puido morrer, xa que era inmortal. Estivo en agonía ata que Prometeo interveu e ofreceuse a converterse en inmortal en lugar de Quirón. Fíxose o intercambio e deixouse morrer a Quirón. Outra frecha perdida matou ao antigo anfitrión de Hércules, Folo.

Tras o enfrontamento, Hércules, entristecido e enfadado pola morte dos seus amigos, continuou a súa misión. Superou e capturou facilmente ao frío e canso xabaril. Hércules levou o xabaril (sen máis incidentes) ao rei Euristeo

Traballo nº 5

Limpar o refugallo dos cortellos de Áuxeas

Hércules desvía o curso do río Alfeo
Hércules desvía o curso do río Alfeo

A continuación, Hércules recibiu instrucións para realizar un servizo, un tanto cheirento, que beneficiaría á humanidade en xeral, pero en particular ao rei Áuxeas, fillo de Poseidón.

O rei Áuxeas era rañas, e aínda que era o suficientemente rico como para posuír moitos, moitos rabaños de gando, nunca estivera disposto a pagar polos servizos de alguén que limpase a súa desorde. A desorde volveuse proverbial. Os cortellos de Auxeas son agora sinónimo dunha tarefa hercúlea, o que equivale a dicir que algo é case humanamente imposible.

Como vimos na sección anterior, Hércules gozaba das cousas máis finas e custosas da vida, incluíndo unha gran comida de carne como a que lle proporcionou o desafortunado Folo. Cando Hércules viu que Áuxeas non coidaba de todo o gando, volveuse cobizoso. Pediulle ao rei que lle pagase a décima parte do seu rabaño se podía limpar os cortellos nun día. O rei non cría que fose posible, así que accedeu ás esixencias de Hércules, pero cando este desviou o río veciño e utilizou a súa forza para limpar os cortellos, o rei Áuxeas renunciou ao seu trato. Na súa defensa, Áuxeas tiña unha escusa: entre o momento en que fixo o trato e o momento en que Hércules o acabou, Áuxeas decatouse de que Hércules fora contratado polo rei Euristeo para facer o traballo, e que Hércules non ofrecía realmente os servizos dun home que fose libre de facer tales tratos, ou polo menos así xustificaba o quedar co seu gando.

Ademais, cando Euristeo se decatou de que Hércules se ofrecera a traballar para o rei Áuxeas a cambio dunha paga, negouse a recoñecerlle o traballo.

Traballo nº 6

Escorrentar e acabar coas as aves do Estínfalo

Hércules e os paxaros do Estínfalo
Hércules e os paxaros do Estínfalo

No transcurso do sexto traballo, cando tiña que escorrentar os paxaros de Estínfalo, Hércules estaba perdido ata que a deusa Atenea, acudiu na súa axuda. Imaxina a Hércules no bosque, rodeado dunha gran cacofonía de paxaros asustados, que grallan e berran entre si e contra el, tentando facerlle fuxir ou polo menos tolealo. Case o conseguen tamén, ata que Atenea deulle un consello e un agasallo. O consello era asustar aos paxaros co agasallo, unhas castañolas de bronce forxadas por Hefesto, e logo abater a frechazos aos paxaros de Estínfalo cando saísen do bosque que os protexía Hércules seguiu o consello e así completou a sexta tarefa establecida por Euristeo.

Traballo nº 7

Captura do touro de Creta

Hércules e o touro de Creta
Hércules e o touro de Creta

Co sétimo traballo, Hércules abandona o territorio do Peloponeso para viaxar aos recunchos máis afastados da terra e máis aló. Así que chega a Creta, onde debe capturar un touro cuxa identidade non está clara pero cuxa natureza innegable é causar problemas. O touro pode que fose o que Zeus utilizou para raptar a Europa, ou pode ser propiedade de Poseidón. O rei Minos de Creta prometera a Poseidón o fermoso e insólito touro branco como sacrificio, pero cando este se negou, o deus fixo que a esposa de Minos, Pasífae, namorásese del. A súa descendencia foi o Minotauro, o medio touro, medio home do que falamos anteriormente na unidade terceira.

Sexa cal for o touro cretense, Hércules foi enviado por Euristeo para capturalo, o que fixo Hércules de inmediato, pero non precisamente grazas ao rei Minos, que se negou a axudalo.

Traballo nº 8

O rescate de Alcestis

Hércules recupera a Alcestis dos infernos
Hércules recupera a Alcestis dos infernos

No oitavo traballo, Hércules parte con algúns compañeiros cara ao Danubio en Tracia. Pero primeiro detense na casa do seu vello amigo Admeto. Alí Admeto dille que a dor que Hércules ve á súa redor é só por un membro da casa que morreu; que non se preocupe por iso. Admeto insinúa que a muller morta non é ninguén importante, pero iso é unha mentira: trátase de Alcestis, a esposa de Admeto. Morrera porque Alcestis ofrecérase a marchar ao Hades en lugar do seu marido, que era a quen lle correspondía morrer. 

A preocupación de Hércules viuse tranquilizada polas declaracións de Admeto, así que aproveita para dar renda solta ás súas paixóns pola comida, a bebida e o canto, pero o persoal arrepíase polo seu comportamento desenfadado. Finalmente, a verdade é revelada e Hércules, de novo con remorsos, sae a rectificar a situación. Descende aos infernos, loita con Tánatos e regresa con Alcestis.

Tras unha breve reprimenda ao seu amigo Admeto polo seu vergoñento comportamento ao facer que fose a boa da súa esposa quen morrese, Hércules marcha ao encontro dun anfitrión aínda peor: Diomedes, fillo de Ares, rei de Tracia. Este rei posuía unhas eguas que comían carne humana. Cando Hércules e os seus amigos chegan, ao rei ocórreselle alimentar ás eguas con eles, pero Hércules dálle a volta á tortilla e tras un combate de certa duración (hai que ter en conta que Diomedes non é un ninguén, senón fillo de Ares) é o propio rei o que acaba comesto por as eguas.. Esta comida cura ás bestas do seu gusto pola carne humana.

De todos modos, hai moitas variantes da lenda. Nalgúns casos Hércules mata a Diomedes. Ás veces mata os cabalos. Na versión de Eurípides, o heroe engancha os cabalos a un carro. O que sempre permanece é que os cabalos comen xente e Diomedes morre por defendelos.

 

Traballo nº 9

Conseguir o cinto de Hipólita

Hércules apodérase do cinturón de Hipólita
Hércules apodérase do cinturón de Hipólita

A filla de Euristeo quería o cinto de Hipólita, un agasallo do deus da guerra Ares á raíña das Amazonas. Heracles partiu entón cara a Temiscira, onde vivía Hipólita.

Todo iría ben para Hércules se non fose pola súa archienemiga Hera. Hipólita aceptou darlle o cinto e faríao se Hera non se tivera disfrazado e fora entre as amazonas para sementar desconfianza. Dixo que os estraños planeaban secuestrar á raíña das Amazonas. Alarmadas, as mulleres parten a cabalo para enfrontarse a Hércules. Cando Hércules ás veu, pensou que Hipólita estivera tramando esa traizón todo o tempo e que nunca tivera intención de entregar o cinto, así que a matou e apoderouse pola forza do cinto da pobre raíña.

 

Traballo nº 10

Conseguir os touros vermellos de Xerión

 

Hércules levándose o gando de Xerión
Hércules levándose o gando de Xerión

Hércules recibiu a orde de ir buscar o gando vermello de Xerión, un monstro con tres corpos e tres cabezas que, según se di, vivía por onde hoxe se atopa a coruñesa Torre de Hércules. O seu gando estaba custodiado por Ortro, un can de dúas cabezas, e un pastor, Euritión.

Nesta viaxe, Hércules levantou as Columnas de Hércules na fronteira entre Europa e África, fronte á actual Cádiz. Helios deulle unha copa de ouro coa que foi quen de cruzar navegando o océano. Cando chegou, o can Ortro abalanzouse sobre el. Hércules golpeou ao can ata a morte e logo tamén ao pastor e a Xerión. Hércules recolleu o gando, meteuno na copa de ouro e volveu navegar. 

Despois de algunhas outras aventuras, Hércules volveu ao mar Xónico, onde Hera acosou á manda cunha mosca que lles picaba sen parar e provocou que o gando fuxira. Hércules só puido reunir uns poucos, que presentou a Euristeo, quen á súa vez os sacrificou a Hera.

 

Traballo nº 11

As mazás de ouro das Hespérides

Hércules matando ó dragón
Hércules matando ó dragón

Euristeo presentou a Hércules a tarefa adicional de buscar as mazás de ouro das Hespérides, que foran entregadas a Zeus como agasallo de vodas e estaban custodiadas por un dragón de 100 cabezas, descendente de Tifón e Equidna.

Nesta viaxe atopou a Prometeo e destruíu á aguia que se comía o seu fígado. Prometeo díxolle a Hércules que non buscase as mazás el mesmo, senón que enviase a Atlas. Cando Hércules chegou á terra dos hiperbóreos onde Atlas sostiña o ceo, Hércules ofreceuse a soster o ceo mentres Atlas conseguía as mazás. Atlas fíxoo, pero non quixo volver asumir a carga, así que dixo que levaría as mazás a Euristeo. Hércules dixo que aceptaba o acordo, pero pediulle a Atlas que recuperase o ceo por un momento para poder poñer un bloque na súa cabeza, para protexela. Atlas aceptou e Hércules fuxiu axiña coas mazás. Cando llas deu a Euristeo, o rei non as quixo e devolveullas. Finalmente, Hércules entregounas a Atenea, para que as devolvese ás Hespérides.

Traballo nº 12

Traer a Cérbero do Hades

Hércules e Cérberos
Hércules e Cérberos

O duodécimo traballo asignado a Hércules foi sacar a Cérbero do Hades. Este Cérbero tiña tres cabezas de can, a cola dun dragón e nas súas costas as cabezas de toda clase de serpes. Cando Hércules quixo ir buscalo, dirixiuse primeiro a Eleusis, para ser iniciado nos misterios que tiñan que ver coa baixada ao mundo dos infernos. Despois, ao chegar a Ténaro en Laconia, onde se atopa a boca do descenso ao Hades, descendeu por ela . 

Cando Hércules lle preguntou a Plutón sobre Cérbero, este ordenoulle que levase á besta a condición de que a controlase sen o uso das armas que levaba. Hércules atopouna ás portas do Aqueronte, encerrado na seu coraza e cuberto pola pel do león, botou os brazos ao redor da cabeza da besta, e aínda que o mordeu non afrouxou a súa presión ata que cedeu e así foi quen de levalo á superficie.

Hércules, despois de mostrar a Cérbero a Euristeo, levouno de volta ao Hades.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)