Saltar navegación

1.1 Grecia e as súas cidades

Polis gregas

Antigo mapa de Grecia
Antigo mapa de Grecia

Atenas...

...é a cidade máis destacada na historia de Grecia. Comezouse a construír arredor do século VIII a. C., a partires dunha antiga aldea, tendo como centro principal un outeiro que lles servía de defensa para cando fosen atacados.

Arredor da cidade estaba unha terra cha, chamada Ática, de onde obtiñan trigo e pastoreaban gando, sobre todo ovellas. Cerca atopábanse as minas de prata do Laurión, que lles permitían dispor de cartos para a construción de obras públicas e barcos de guerra. O sistema político que eles inventaron, a democracia, facilitaba ademais a participación de todos os cidadáns nos asuntos públicos.

Atenas foi desenvolvéndose e prosperando ata converterse na cabeza dun imperio que dominaba o Mediterráneo, chegando a vencer incluso á maior potencia militar da súa época, o imperio persa.

Esparta...

...era tamén outra das poderosas cidades-estado da antiga Grecia. Rival de Atenas ao longo do tempo, era famosa polo poder do seu exército e a valentía dos seus soldados. Todos os varóns espartanos tiñan que servir no exército sen excepción, e mesmo eran educados para iso practicamente dende o mesmo nacemento.

Exemplo deste carácter guerreiro foi a batalla das Termópilas, onde se di que un destacamento de 300 espartanos foi quen de deter ao exército persa, composto de máis de 100.000 soldados, durante varios días. Así a todo, ao dedicar todos os esforzos á excelencia militar, Esparta só destacou neste campo, sen aportar nada á cultura e as artes humanas, a diferencia de Atenas e outras cidades gregas. 

Corinto...

...unha das grandes polis gregas e rival tamén de Atenas e Esparta.


Aínda que menos coñecida que as anteriores cidades, tivo un papel importante no comercio mediterráneo e destaca o seu papel na colonización da chamada Magna Grecia (ver sección seguinte), sobre todo Sicilia e o seu porto .

As cidades de Argos e Tebas...

...eran das máis poderosas e antigas de Grecia e mesmo aparecen nas lendas gregas máis antigas.

O exército tebano foi quen de derrotar aos espartanos nas batallas de Leuctra e Mantinea e acabar co seu dominio.

Olimpia...

...albergaba un santuario a Zeus (Zeus olímpico) e alí no seu honor celebrábanse cada catro anos os xogos olímpicos.

Estes xogos chamábanse tamén panhelénicos (de toda Grecia). No santuario, os gregos podían desfrutar dunha das sete marabillas do mundo antigo: a estatua de Zeus, cunha altura de 12 metros.

Do reino de Macedonia...

...aínda que non era propiamente unha cidade-estado, non podemos esquecernos porque dende finais do século IV a.C. ata a morte de Alexandro Magno xogou un importante papel na historia grega e no espallamento da súa civilización por todo o Mediterráneo ata a India.

Situación de Macedonia
Situación de Macedonia

 

Feito con eXeLearning (Nova ventá)