Saltar navegación

4.1 A República romana

Instauración da República

Tras aproximadamente un século de control etrusco sobre Roma, un grupo de patricios expulsou ao último rei gobernante dos etruscos e proclamou a Roma como república independente. Era o ano 509 a.C. e marcou o comezo dunha nova era para Roma.

Estatuiña dun galo
Estatuiña dun galo

Durante os dous séculos que seguiron á instauración da república, os romanos atopáronse case constantemente en guerra. Coa destitución do rei etrusco, outras cidades-estado rivais, antigas aliadas de Roma na liga latina, tentaron aproveitarse da situación de descontrol invadindo o seu territorio e poñendo a Roma á defensiva. Pero co tempo, foron as forzas romanas as que conquistaron aos seus veciños e chegaron a dominar as cidades da liga latina. Non destruíron estas cidades nin as anexionaron como territorio romano, senón que fixeron tratados coas cidades conquistadas, permitíndolles actuar de forma independente nos asuntos locais. Con todo, en tempos de guerra, Roma esperaba que as cidades do Lacio proporcionasen tropas para o seu exército. De esta forma, con unha fonte case inesgotable de tropas, Roma continuou as súas conquistas por toda Italia.

Pobos latinos
Pobos latinos

Despois os romanos atopáronse cun novo inimigo: os galos. No ano 390 a.C., un exército galo derrotou aos romanos. Sen apenas oposición, os galos entraron en Roma e ocupárona. A cidade foi saqueada, incendiada e moitos senadores foron executados. Despois de ocupar gran parte da cidade durante cerca dun ano, convenceuse aos galos de que se marchasen a cambio -segundo se conta- dunha paga de 1.000 libras de ouro.

Durante o resto do século V a.C., os inimigos máis perigosos de Roma foron outros pobos itálicos do centro de Italia. Os principais eran os samnitas, que vivían en Campania, unha fértil rexión de chaira ao sur do Lacio. No ano 343 a.C., Roma enfrontouse aos samnitas nunha serie de guerras que gañaron os romanos. Por primeira vez, os romanos non tiñan un inimigo poderoso en Italia.

Guerreiros samnitas
Guerreiros samnitas

No 290 a.C., a república romana controlaba toda Italia, desde os asentamentos celtas do val do Po até as colonias comerciais gregas do sur. E despois do 265, estas cidades-estado gregas aceptaron tamén o control romano.

O goberno republicano

Inscripción "Senado e Pobo Romano"
Inscripción "Senado e Pobo Romano"

Durante os séculos da súa expansión pola Península Itálica, Roma tamén experimentou cambios políticos. Co derrocamento dos últimos reis etruscos, os romanos substituíron a monarquía por un sistema de institucións públicas en tres esferas: maxistraturas, senado e asembleas.

As maxistraturas eran electivas, anuais e colexiais. É dicir, os maxistrados eran elixidos, estaban no cargo durante un só ano e compartían o poder dous "colegas". Os maxistrados eran os cónsules, pretores, censores, tribunos da plebe, ditadores e edís. O ditador, unha figura especial que carecía de colega, tiña poder de mando ilimitado, elixíase en circunstancias extraordinarias e non podía durar máis de seis meses na maxistratura.

O senado constituíase no consello supremo, para asesoramento dos maxistrados, con 300 membros (posteriormente chegaron a 600 e 900). Formábano os que foran cónsules e pretores e homes da clase alta, e tamén os plebeos despois de conquistar certo poder político, como veremos de seguido. 

Ademais das maxistraturas e o senado, as asembleas representaban os cidadáns libres con dereitos plenos. Estaban facultados para elixir os maxistrados, para votar as leis e para xulgar certos delitos contra o Estado ou como tribunal de apelación. Con todo, as asembleas populares só podían ser convocadas polos maxistrados e o senado seguía mantendo o dereito último de ratificación dos acordos asemblearios, polo que o seu poder estaba limitado. 

Elixíanse dous cónsules por votación dos cidadáns que gobernaban ao mesmo tempo durante un ano. Polo xeral, os candidatos a cónsul saían dos membros do Senado, polo que procedían das filas da clase alta romana. Cada cónsul tiña plenos poderes como xefe do executivo e tamén tiña poder xudicial. O alcance do seu poder estaba limitado tecnicamente só polo dereito de cada un deles a vetar as medidas adoptadas polo outro. Aínda que anteriormente en Roma o poder estaba en mans dos terratenentes aristocráticos chamados patricios, os membros das clases baixas, coñecidos como plebeos, empezaron a loitar por máis poder político.

Cicerón denuncia a Catilina no Senado
Cicerón denuncia a Catilina

Por boas razóns, os plebeos estaban cansados do sistema controlado polos patricios. Por unha banda, os plebeos estaban obrigados a servir no exército romano cando se lles necesitaba para o servizo activo, pero non tiñan dereito a ocupar cargos públicos. Ademais, nos xuízos os plebeos a miúdo sentíanse discriminados. Moitos plebeos nin sequera sabían exactamente cales eran os seus dereitos e privilexios legais individuais, xa que as leis de Roma non estaban escritas. En cambio, os patricios conservaban o privilexio de coñecer a lei e poder interpretala ó seu antollo.

A situación cambiou no ano 400 a.C., a frustración dos plebeos conduciu a unha rebelión que obrigou aos patricios a concederlles representación política. Estes obtiveron o dereito a elixir un número de representantes chamados tribunos, que tiñan o poder de protexer aos plebeos vetando calquera acto ilegal ou inxusto aprobado polos patricios. Tras esta vitoria plebea, codificouse o dereito romano, é dicir, escribiuse de forma organizada por primeira vez.

Inscripción coa ley das doce táboas
Inscripción coa ley das doce táboas

Esta lei escrita de Roma chamábase Lei das Doce Táboas porque estaba escrita en 12 tabliñas de madeira. A partir desta época, todos os romanos comprenderon o que era a lei e o que dicía. No ano 367 a.C., os plebeos puideron elixir ao seu primeiro cónsul. Isto rompeu o monopolio dos patricios no Senado romano, xa que os cónsules, como dixemos antes, eran escollidos tradicionalmente entre membros do Senado.

Nun só século, Roma experimentou un cambio político que deu un novo poder aos plebeos. Con todo, moitas destas reformas non se estenderon. Roma non se volveu máis democrática, seguiu sendo en gran medida unha república dirixida por unha elite oligárquica. Como república, o poder estaba en mans dun corpo de cidadáns, en lugar dun rei ou outro gobernante único e poderoso.

Aínda que o goberno romano era unha república dirixida por unha elite de cidadáns, a relixión seguía sendo importante para os romanos. Crían que o Estado só tería éxito co apoio dos distintos deuses romanos. O goberno apoiaba aos sacerdotes que levaban a cabo os ritos oficiais e que apelaban aos deuses para que os guiasen en nome de Roma.

 

Feito con eXeLearning (Nova ventá)