Saltar navegación

7.2 O dereito romano e a súa herdanza

Introdución 

Xustiza coa balanza e a espada
Xustiza coa balanza e a espada

O dereito romano era o dereito da cidade de Roma e, posteriormente, de todo o Imperio Romano. O desenvolvemento do dereito romano comprende máis de mil anos de xurisprudencia que se desenvolveu en diferentes fases, entre as que destaca un feito especialmente importante, a recompilación nun mesmo libro das leis espalladas, o Corpus Iuris Civilis, elaborado por iurisprudentes (expertos en dereito) baixo a dirección directa do emperador Xustiniano.

O Corpus Iuris Civilis deixou unha herdanza importante no dereito. Cinco séculos e medio despois de Xustiniano, en plena época medieval, a xurisprudencia de Roma estudábase nas universidades do norte de Italia e proporcionou a case toda Europa unha base común de ideas xurídicas; por unha banda unha linguaxe común xurídica apropiado para a coñecer e aplicar as leis, e doutra banda, un conxunto de normas xurídicas comúns.

Na actualidade, existen dous grandes sistemas xurídicos de orixe europea: o Common Law de Inglaterra e países anglosaxóns, de menor influencia do dereito romano, e o dereito civil, conformado en gran medida polo dereito romano resucitado. O dereito civil é a base dos sistemas xurídicos dos países do continente europeo e dos países de América do Sur e doutros lugares.

Os estudantes de Dereito en todo o mundo están familiarizados cos conceptos e as distincións do dereito romano; por exemplo, entre o dereito público e o dereito privado:

  • O dereito público refírese á regulación do Estado, onde o dereito constitucional descríbese como unha rama do dereito público que estuda a Constitución ou lei fundamental dun Estado.
  • O dereito privado regula as relacións xurídicas entre os individuos, onde precisamente produciuse a maior influencia do dereito romano.

 

Fontes e formas do dereito romano

Leis das XII táboas
Leis das XII táboas

En canto ás fontes ou lugares onde se recollía o dereito escrito, a máis antiga, a chamada lei das Doce Táboas (c. 451 a. C.), de aplicación moi limitada, pronto quedou anticuada, despois de que Roma pasase a ser unha gran potencia no mundo occidental e necesitase un corpo xurídico máis desenvolvido.

En xeral, os pronunciamentos do emperador tiñan forza de lei (lex), pero sobre todo eran os edictos (publicacións normativas) dos maxistrados e, sobre todo, do pretor urbano, os que marcaban as normas xurídicas.

O Pretor tiña a capacidade, por exemplo, de decidir se un caso podía ser atendido xuridicamente ou non. Hoxe en día, no mundo do dereito común, a interpretación da lei de forma vinculante nos litixios é competencia dos tribunais con xuíces profesionais.

En Roma, no período de formación do dereito, non había xuíces profesionais nin tribunais regulares; a interpretación das normas era realizada polo colexio sacerdotal de pontífices e posteriormente por xuristas laicos ou iurisprudentes. Máis tarde, na época do Dominado, a única fonte de dereito pasou a ser o Emperador.

 

Xustiniano
Xustiniano

Xustiño, un soldado de idade avanzada, nacido dunha familia de campesiños eslavos subiu ao trono no ano 518. O seu sobriño e fillo adoptivo foi Xustiniano, que recibiu a mellor educación dispoñible en Constantinopla. Xustiniano accedeu ao trono no ano 527. Ordenou aos seus principais xuristas que extraesen as mellores e máis fiables seccións dos textos romanos xurídicos anteriores para incluílas nun Dixesto, ou libro recompilatorio completo. Todos os textos anteriores debían ser destruídos en todo o Imperio co fin de eliminar os erros e versións que puidesen entrar en contradición e así impedir unha interpretación fiable das normas legais. Finalmente, o Dixesto estivo listo no ano 533. Xustiniano tamén ordenou aos seus xuristas que preparasen un libro de texto para os estudantes de dereito chamado Institutas (Institucións) de Xustiniano.

Ao ano seguinte, os xuristas de Xustiniano completaron unha versión final de todos os estatutos ou leis imperiais coñecida como o Códice. Os textos coñecidos como o Dixesto, as Institutas e o Códice pasaron a ser coñecidos xeralmente como o Corpus Iuris Civilis, ou Corpo de Dereito Civil, que posteriormente se converteu na base do dereito do continente europeo.

Na xurisprudencia romana, había tres tipos diferentes de ius ou dereito. O ius naturale era o dereito da natureza. Incluía todo o que estaba máis aló do poder da lexislación humana. A idea do dereito natural desenvolveuse a partir do ius naturale e incluíu o concepto dos dereitos humanos fundamentais inherentes ao home que non poden ser eliminados pola lei humana. Os escritos de Cicerón (a. C.), avogado e político da corte antes da era cristiá, influíron no desenvolvemento do ius naturale.

Outro ius era o ius civile, o conxunto de leis que se aplicaban orixinalmente aos cidadáns romanos polos Praetores Urbani, quen tiña xurisdición (podían decidir) sobre os casos que afectaban os cidadáns. O termo dereito civil procede do ius civile romano. É o que hoxe designariamos como dereito positivo.

Ius gentium refírese ao dereito de xentes. Eran leis feitas polo home, pero comúns a toda a humanidade. Hoxe designariamos o ius gentium como dereito internacional. As regras da diplomacia e as relacións entre os Estados rexíanse polo ius gentium entón e agora polo dereito Internacional.

As leis relativas ao comercio e ás prácticas comerciais tamén formaban parte do ius gentium, o que hoxe chamamos dereito internacional privado. O dereito internacional moderno viuse moi influenciado por este aspecto do dereito romano.

O dereito romano das cousas (res, en latín ) ou bens económicos, dividíase en dereito da propiedade (cousas en sentido restrinxido), dereito de sucesións e dereito de obrigacións. Hoxe en día esta división do dereito é unha importantísima constante do dereito civil moderno.

O dereito da venda recóllese nas Institutas de Xustiniano. Os romanos eran grandes comerciantes, homes de negocios, e construíron un imperio comercial que requiría unha lei para regular as súas transaccións. Este extracto refírese ao dereito das obrigacións. As obrigacións fórmanse polo mero consentimento das partes nos contratos de venda, de alugueiro, de asociación e de mandato.

 

A Herdanza do dereito romano

 

Corpus Iuris Civilis
Corpus Iuris Civilis

O dereito romano deixou unha fonda pegada no mundo occidental. O emperador Xustiniano, baseándose en xuristas anteriores, codificou de forma escrita e estruturada este sofisticado sistema de dereito mediante o Dixesto, o Codex e as Institutas. Este sistema de dereito codificado influíu no dereito civil do mundo occidental. Os conceptos inherentes ao ordenamento xurídico comprendidos no ius naturale e o ius gentium, destinados a estenderse máis aló das fronteiras nacionais, son hoxe as pedras angulares dos dereitos humanos e do dereito internacional en todo o mundo. Cos romanos, o dereito converteuse nunha ciencia.

Este sofisticado sistema de Dereito Romano, que codificou Xustiniano de forma escrita e estruturada dereito mediante o Dixesto, o Codex e as Institutas cobrou renovado auxe a finais do século XI. Irnerio (c. 1055- c. 1130), que ensinaba dereito en Bolonia, traballaba o Corpus Juris Civilis completo e creou unha escola que se coñece como os glosadores. O dereito romano converteuse nunha materia de estudo popular nas universidades de Italia. As Institutas convertéronse nun dos libros de dereito máis lidos de todos os tempos e tiveron unha gran influencia.

Os conceptos inherentes ao ordenamento xurídico comprendidos no ius naturale e o ius gentium, destinados a estenderse máis aló das fronteiras nacionais, son hoxe as pedras angulares dos dereitos humanos e do dereito internacional en todo o mundo. Cos romanos, o dereito converteuse nunha ciencia e na actualidade, os estudantes de dereito de moitos países, entre eles os das facultades de dereito do noso país, aínda deben ler e aprender os principios do dereito romano como base dos seus estudos xurídicos.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)