Saltar navegación

3.3 Atenas e a orixe da democracia

É curioso observar que, mentres os espartanos desenvolvían unha sociedade baseada no exército e nunha vida de disciplina militar, non moi lonxe de alí os habitantes doutra cidade-estado en ascenso estaban ocupados creando un mundo diferente ao deles que marcaría o destino da civilización occidental: referímonos a Atenas.

Atenas era similar a Esparta nalgúns aspectos. Ambas cidades-estado tiñan unha gran poboación e extensas terras. Pero Atenas chegou a estar dirixida de maneira diferente e converteuse tamén nun dos centros comerciais e colonizadores máis importantes de todo o Mediterráneo.

No século VIII a.C., Atenas era unha pequena polis, a unha distancia de uns douscentos km. de Esparta. Atenas controlaba algunhas das mellores terras de Grecia, abundantes en oliveiras e viñedos. Estaba gobernada por unha aristocracia que chegou a controlar de tal forma a vida económica e agrícola de Atenas que o pobo empezou a revolverse. Nun intento de evitar a revolución e os disturbios, os aristócratas outorgáronlle a un comerciante, famoso pola súa sabedoría, o poder de tratar os asuntos que estaban a causar tanto descontento. Chamábase Solón e traballou moi duro para introducir a reforma agraria e o cambio económico en Atenas. Solón tamén introduciu algunhas institucións máis participativas para o pobo, como a ecclesía, ou asemblea do pobo.

A Pnyx, onde se reunía a Ecclesía (asamblea)
Colina Pnyx, onde se reunía a Ecclesía

Despois de Solón, xa no ano 509 a.C., un intelixente aristócrata chamado Clístenes fíxose co poder e axudou a traer a estabilidade a Atenas ao introducir un novo sistema de representar a vontade popular. Clístenes dividiu á poboación de Atenas en 10 tribos de modo que cada tribo fose representativa de toda a poboación. Cada tribo elexía a 50 cidadáns para que os representasen como membros dun Consello, ou boulé, de 500 persoas (o resultado de multiplicar 10 tribos por 50 persoas). Este órgano discutía os asuntos da polis e tomaba decisións para a cidade e os seus cidadáns. Aínda que Clístenes só gobernou un ano, o seu sistema perdurou moito despois e considérase o inicio da democracia.

Voto de desterro (óstrakon)
Voto de desterro (óstrakon)

No ano 487 a.C., a democracia en Atenas xa estaba implantada. Funcionaba así: o poder recaía na ecclesía ou asemblea ateniense, formada por todos os cidadáns da cidade-estado. Todas as decisións importantes, como ir á guerra ou aumentar os impostos de emerxencia, eran tomadas pola asemblea.

Ademais, elixíase un consello (boulé) que tiña responsabilidades na execución das decisións da asemblea. Tamén se outorgaban poderes especiais a un tribunal, chamado Heliea, composto por varios centos de homes. A Heliea coñecía os casos xudiciais e os preitos. En conxunto, a asemblea ateniense, o Consello dos 500 e a Heliea constituían unha democracia baseada nos poderes lexislativo, executivo e xudicial.

Con todo, a pesar destes avances na creación da democracia ateniense, moitas persoas foron excluídas da participación. As mulleres, os habitantes doutras cidades-estado e países, e os escravos non podían desempeñar ningún papel. Isto impediu que tres de cada catro adultos de Atenas participasen na recentemente formada democracia.

 

Feito con eXeLearning (Nova ventá)