Saltar navegación

1.2 A colonización grega

Metrópolis e colonias

Mapa da colonización grega no periodo arcaico
Colonización grega no periodo arcaico

Entre o 750 a.C. e o 550 a.C moitos gregos emigraron das súas cidades para fundar outras polis ao longo do Mar Negro e o Mediterráneo. Os gregos que marcharon e os que se quedaron sempre mantiveron o sentimento de pertenza ao pobo helénico (panhelenismo), aínda sendo completamente independentes da metrópole (cidade nai da que partiran).

Os historiadores falan de diversos factores que influíron nestas ondadas de colonizacións gregas: problemas sociais, como o exceso de poboación e o endebedamento dos agricultores, revoltas políticas que provocaban o desterro de cidadáns, ou mesmo outros factores como a expansión do comercio, da artesanía e a construción de factorías marítimas.

O procedemento habitual de fundación dunha colonia consistía no nomeamento dun oikistés ou fundador, que tiña que contar coa aprobación da vontade divina; para o que se consultaba ao oráculo (adiviño) habitual da cidade (o máis famoso era a pitonisa de Delfos). Desta forma, creábase un forte vínculo relixioso entre a metrópole e a futura colonia.

Eran habituais dúas clases de colonias: as colonias agrarias eran asentamentos de agricultores, que cultivaban os territorios adxacentes á colonia; as comerciais dedicábanse ao intercambio de bens non só coa Grecia continental, senón con outras cidades e pobos do Mediterráneo e Mar Negro (Véxase o mapa das colonizacións).

Cidades gregas no Mediterráneo

Moitas colonias gregas pasaron a ter un peso moi importante nos acontecementos históricos da época e mesmo excederon ás metrópoles en poder económico e militar.

Entre as colonias máis antigas destacan as situadas na xonia, en Asia Menor, nas costas da actual Turquía. Mileto é unha delas e estaba rodeada dunha muralla impresionante, construída a base de rocas de granito traídas do monte Olimpo. A súa riqueza e prosperidade veuse ameazada polo imperio persa, que a saqueou e incendiou varias veces.

Esta cidade considérase o berce da filosofía occidental, por naceren aí Tales de Mileto, Anaximandro ou Anaxímenes, os primeiros filósofos.

Mapa de cidades antigas de Asia Menor
Mapa cidades antigas de Asia Menor

Siracusa, en cambio, está situada noutro dos polos da colonización grega: o sur de Italia e Sicilia, rexión chamada tamén Magna Grecia, da que precisamente foi a colonia máis importante ao dominar as demais e superar en riquezas e poder ás restantes cidades gregas, incluídas as continentais.

Magna Grecia
Magna Grecia

Bizancio, situada na entrada do Bósforo, dominaba o paso das mercadorías entre o Mediterráneo e co tempo converteríase na capital do chamado imperio bizantino. A partires do rei romano Constantiño coñecese como Constantinopla.

Cirene, na actual Libia, Halicarnaso e Éfeso, estas dúas no ámbito da xonia, foron tamén importantes colonias gregas.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)