Saltar navegación

4.3 As clases sociais romanas

Na época republicana a sociedade romana dividíase entre aqueles que tiñan dereito de cidadanía e os que non posuían tal dereito. Os cidadáns romanos eran os que pertencían ao populus romanus por nacemento, distinguíanse, por tanto, estes dous grandes grupos: cidadáns e non cidadáns.

Os cidadáns romanos dividíanse á súa vez en patricios, que eran descendentes das 100 familias aristocráticas que se dicían provir de orixe divina e que posuían todas as vantaxes e privilexios sociais. Os plebeos tamén son homes libres e aínda que na etapa monárquica non posuían dereitos, aos poucos van equiparándose en dereitos aos patricios.

Os non cidadáns, que podían ser libres ou non, carecían de capacidades legais e dependían sempre dalgún grupo familiar patricio con antepasados comúns (gens). Dentro dos non cidadáns atópanse os libertos, que eran os anteriores escravos que o dono liberaba de obrigacións (manumisión), así como os descendentes destes; e os escravos, cuxa situación proviña de ser prisioneiro de guerra ou de territorios conquistados, ou mesmo por non pagar as débedas, e os descendentes destes.

O dereito de cidadanía era, por tanto, un elemento crave da situación social romana e seguiu séndoo posteriormente ao longo de todo o imperio. A pesar de que a súa base era o nacemento, tamén podía adquirirse de diversos modos e mesmo perderse por diversas causas, como era o caso das débedas.

Cidadán romano coa súa característica toga,
Cidadán coa toga

O cidadán romano posuía así dereitos civís, entre eles o de ter propiedades, casar e actuar legalmente, e tamén dereitos políticos, como o voto nas asembleas, ser elixido maxistrado ou sacerdote, entre outras.

Evidentemente, estes dereitos traían aparelladas certos deberes, como o de prestar servizo militar, pagar os tributos e estar censado.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)