No apartado anterior falamos de como funcionan os programas informáticos.
Se recordades dixemos que para realizar un programa hai que darlle ao ordenador unha serie de instrucións sinxelas para que realice unha tarefa. Este conxunto de instrucións é o ALGORITMO.
Un algoritmo debe ter as seguintes características:
- Preciso- Cada instrución debe indicar dunha forma moi concreta o que se debe facer.
- Finito- O número de pasos debe ser limitado.
- Definido- Os resultados deben ser sempre os mesmos cando as condicións de entrada son as mesmas.
Imos facer un exemplo con unha tarefa diaria. Imaxina que tes un robot cociñeiro e queres que che faga leite con cereais. Para que o teu robot poida facelo correctamente tes que descompoñer o proceso en tarefas sinxelas.
- Coller unha cunca do andel.
- Coller a caixa de cereais.
- Abrir a caixa de cereais
- Botar os cereais na cunca.
- Pechar os cereais
- Coller o leite da neveira.
- Abrir o leite.
- Poñer o leite nos cereais.
- Poñer o leite.
- Gardala caixa de cereais
- Gardalo leite na neveira.
- Servir a cunca de leite e cereais.
Se observades nun ALGORITMO pódense distinguir as seguintes accións:
- ENTRADA- É a información de partida que precisa o algoritmo para arrincar. No exemplo que fixemos sería : a cunca, os cereais e o leite.
- PROCESO- É o conxunto de tódalas operacións a realizar. No exemplo os pasos dados.
- SAÍDA- É o resultado obtido. No noso exemplo a cunca de cereais con leite.