Voando na rede
A primeira vez que entramos nunha biblioteca e vemos todos os libros nas estanterías é fácil sentir unha sensación de abafo: como escollo a miña lectura? Esta mesma sensación podemos tela cando nos lanzamos a buscar información en Internet. Non hai motivo para tanto estrés, é só cuestión de método e sentido común.
A primeira decisión que deberemos tomar é o buscador que empregaremos. Hai moitos buscadores diferentes:
- Dogpile. É un exemplo de metabuscador, un buscador en buscadores. Con esta ferramenta entras en varios buscadores ao mesmo tempo: google, yahoo... Pode ofrecernos resultados máis variados.
- Google. Seguramente o buscador máis coñecido e empregado. Temos unha pestana chamada configuración. Premendo nela é posible facer unha busca máis persoal: só coas licenzas que nos interesan, buscando só nun país, con máis resultados por páxina...
- Google académico. Unha ferramenta servida por Google pero que se centra en documentos académicos. É un recurso interesante para facer traballos de clase posto que atoparedes documentos con máis calidade que no "Rincón del Vago". Páxina, por certo, á que tamén teñen acceso os profesores polo que se copiamos dela é fácil que nos pillen.
- Startpage. Un buscador para os que queren un pouco máis de privacidade. Emprega Google para buscar, pero non ofrece información persoal a Google.
- Internet profunda. É a que non aparece nos motores de busca. Pode ser interesante para localizar información académica posto que inclúe moitas institucións de investigación.
Unha vez decidido o buscador comezamos a busca. Para que o noso buscador elixa entre as sesenta millóns de páxinas dispoñibles temos que botarlle unha man:
- Non empregues artigos, maiúsculas, tiles ou preposicións na busca.
- Se queres un resultado que inclúa un texto concreto escríbeo entre comiñas. Así o buscador localizará o texto completo e non palabras soltas.
- Moitas veces os primeiros resultados son anuncios, é dicir, pagan por estar nesa posición. Aínda que aparece a marca clara de que son páxinas patrocinadas, moitas veces nin miramos. Lede ben antes de decidir onde entrar.
- Usa os comandos or, and, + ou – para limitar a busca.
- É importante mirar o tipo de arquivo que resulta da busca: pdf, swf...
- Asegurádevos de que a información é fiable. Calquera pode escribir en wikipedia ou nunha páxina web. É importante ler algo máis para que non nos enganen. Nos blogs pode ser de axuda mirar o perfil do autor.
Unha vez localizada a información aínda quedan un par de cuestións que comentar.
Nunca copies e cita a fonte. Copiar e pegar produce documentos inconexos e sen sentido. Emprega a información para producir o teu propio documento: será máis lóxico, aprenderás máis, sacarás mellor nota e non poderán acusarte de copiar.
Respecta os dereitos de autor. Non podemos usar as imaxes, vídeos ou información como se foran nosos:
- A información con copyright está suxeita a dereitos de autor. Para empregala debemos solicitar permiso ao autor e cumprir as súas condicións.
- O tipo de licenza máis empregado na rede é Creative Commons (CC):
- CC BY. Permite reproducir e modificar sempre que se cite ao autor.
- CC BY-SA. Permite reproducir e modificar sempre citando ao autor e mantendo a licenza.
- CC BY-SA-NC. Como a anterior incorpora unha nova restrición, non se pode empregar para unha actividade comercial.
- Dominio público. Permite reprodución e cambios sen citar ao autor.
- Podes dar dereitos de autor ás túas obras. Cando queras facelo pensa na importancia de compartir, a sociedade crece grazas á cooperación.
Cita sempre as fontes e os dereitos.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0