Co compás na cabeza
Actividade de lectura

" O clima frío mata; os merlos migradores que viaxaron a zonas máis cálidas para pasar o inverno, atoparanse ao volver durante a primavera seguinte que o número de individuos que non emigraron diminuiu. Os migradores atópanse entón en maioría. Porén, durante os invernos benignos, os residentes medran e en cambio os perigos da migración cóbranse o seu tributo." Aves de España e Portugal. Chistopher Perrins.
Le o texto con atención e contesta as seguintes preguntas:
1. Busca no dicionario as palabras que non coñezas.
2. Como cres que deciden as aves se deben emigrar e cando facelo?
3. Como consiguen orientarse as aves durante as migracións?
A maioría das aves toman decisións acertadas e incluso son capaces de voar medio mundo entre unha rocha en Canadá e outra no porto da Coruña durante varios anos. Evidentemente teñen un sistema de orientación fabuloso.
As aves son perfectas máquinas de voar. Pouco peso, gran deseño e moita potencia fan da maioría das aves grandes viaxeiras. Porén, ademais de potencia necesitan precisión para determinar a súa posición en cada momento e sexa cal sexa o mecanismo ten que funcionar de día e de noite.
Sabemos que durante o día as aves poden empregar o Sol para coñecer o seu rumbo. O Sol sae polo leste e ponse polo oeste así que combinando altura e posición podemos saber onde estamos, máis ou menos. Serías capaz de orientarte así?
Porén, as aves utilizan tamén un método moito máis preciso, poden usar o campo magnético terrestre a modo de brúxula.
Traballamos a Ciencia

A Terra compórtase como se tivera un imán no seu interior. Fagamos unha experiencia para observalo.
Material necesario:
- Limaduras de ferro
- Unha cartolina
- Un compás, un bolígrafo e lapis de cores.
- Un imán grande
- Vinagre branco e un pulverizador.
Procedemento:
-
Debuxa un círculo duns dez centímetros de radio na cartolina. Marca os continentes e os Polos Norte e Sur terrestres sobre o debuxo.
-
Dobra os lados da cartolina no bordo paralelo ao eixe norte-sur. A Terra debe quedar levantada de forma que caiba o imán baixo a cartolina.
-
Introduce o imán baixo a cartolina en dirección norte-sur terrestre.
-
Bota pouco a pouco as limaduras de ferro sobre o mapa de forma que se distribúan uniformemente por toda a Terra.
-
Con moito coidado pulveriza unha pequena cantidade de vinagre intentando evitar que mova as limaduras.
-
Espera unha noite e verás debuxado o campo magnético terrestre sobre o mapa.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0