Flotando no ar
Lemos a Ciencia

" O ceo é azul, o mar é azul. Ata que punto o azul do mar é consecuencia do azul do ceo? Ata que punto ambos os fenómenos teñen unha orixe común, sen que un sexa consecuencia do outro? Cando miramos o mar, chega ao noso ollo luz reflectida dende diversas partes do ceo. Canto maior é a altura do observador máis intenso é o azul." La naturaleza y el paisaje. David Jou e Marià Baig
Le o texto con atención e contesta as cuestións:
-
Propón un titular para o texto
-
O mar seguiría sendo azul de non existir atmosfera?
-
Mira a fotografía que acompaña ao texto. A atmosfera non se observa dende o espazo. Cal cres que pode ser a causa?

A atmosfera é unha débil capa gasosa que recobre a Terra ou a calquera outra estrutura do Universo.
No ano 2014 Alan Eustace, un executivo de Google, bateu a marca de salto e velocidade ao caer dende 41 150 metros a unha velocidade máxima de 1 322 quilómetros por hora. Un salto estratosférico sen dúbida, pero moi por debaixo do límite da atmosfera que alcanza os 10 000 quilómetros de altura. Tanto Alan Eustace, como anteriormente Baumgartner, saltaron dende unha capa da atmosfera chamada estratosfera, unha zona que tamén é o obxectivo do programa MarumaSAT, o primeiro programa espacial galego desenvolvido dende tres institutos públicos.
Pensamos a Ciencia
Cando o Marumasat pasa a capa de nubes escóitase un sonido curioso. Que cres que causou o ruído? Será unha mensaxe dos extraterrestres?
Normalmente empregamos como criterio a temperatura para definir unha serie de capas na atmosfera:
- Troposfera. A capa máis superficial e na que a temperatura baixa a medida que subimos. O seu límite está a uns quince quilómetros. Os avións comerciais voan dentro da Troposfera.
- Estratosfera. Entre os quince e os cincuenta quilómetros a temperatura do aire volve a subir grazas ao ozono. Na estratosfera hai unha capa de ozono, a Ozonosfera, que absorbe as radiacións ultravioletas do Sol evitando que o seu poder canceríxeno alcance a superficie.
- Mesosfera. Por enriba da Estratopausa a temperatura do ar volve a baixar a medida que ascendemos ata os oitenta quilómetros.
- Termosfera. A partir dos oitenta metros, no límite da homosfera, a temperatura do aire volve a subir como consecuencia da absorción das radiacións máis enerxéticas do Sol. Como sucedía coa Ozonosfera, a Termosfera filtra os raios solares evitando que nos fagan dano.
As capas da atmosfera

A Troposfera é a capa na que vivimos e, tamén na que se producen os fenómenos meteorolóxicos como a choiva ou a neve. Para comprendelo hai que ter en conta tres conceptos:
1. Temperatura. O ar quente tende a ascender xa que é menos denso.

2. Humidade. Chamamos así á cantidade de auga que contén o aire. A humidade está relacionada coa temperatura, canta maior temperatura, máis auga pode conter a atmosfera.
3. Presión. O ar da atmosfera exerce unha presión sobre a superficie da Terra, é a presión atmosférica.

A combinación das condicións de temperatura, humidade e presión son as responsables dos ventos, choivas, nevaradas ou tornados. Chamamos tempo atmosférico ás condicións de temperatura, vento, humidade... nun momento determinado.
Os meteorólogos son capaces de saber como evolucionará o tempo a partir dos datos de presión e temperatura. Para que as previsións do tempo sexan seguras debemos facelo a pouco tempo, un día máximo, porque hai tantos factores que inflúen no tempo que é moi difícil acertar a moitos días vista.

Aínda que é normal confundilos, clima e tempo atmosférico non é o mesmo. O clima é o conxunto de condicións da atmosfera ao longo de moito tempo, é dicir, é o tempo atmosférico promedio. No caso de Galicia temos un clima húmido e temperado.
Os principais factores que define a temperatura media da Terra son dous:
1. A distancia da Terra ao Sol e a cantidade de radiación que este nos manda.
2. O efecto invernadoiro é a capacidade da atmosfera de reter as radiacións que nos envía o Sol. Os principais responsables do efecto invernadoiro son o vapor de auga, o metano e o dióxido de carbono (CO2).
Estes gases son tamén os culpables do maior problema que enfronta o home: o cambio climático provocado polo home.

O clima da Terra cambia de forma natural, e moito. E cando cambia o clima a auga pasa a ser un problema:
- Durante un período glaciar hai menos auga líquida polo que a supervivencia dos seres vivos é máis difícil.
- Nos períodos cálidos a cousa non mellora, as zonas desérticas aumentan e nas zonas húmidas as inundacións son un problema.
Tendo en conta a súa importancia, que di a Ciencia sobre estes cambios?
Os científicos demostraron que é o home está facendo que se quente a Terra contaminando a atmosfera.
Tamén demostraron que o cambio está sucedendo moi rápido. Por culpa do home o clima está cambiando en poucos anos mentres outras veces este cambio necesitou miles de anos.
Cada vez que acendemos o motor dun coche, viaxamos en avión ou consumimos electricidade estamos aumentando a concentración de CO2 atmosférico e quentando a Terra.
Os científicos demostraron que é o home está facendo que se quente a Terra contaminando a atmosfera.
Tamén demostraron que o cambio está sucedendo moi rápido. Por culpa do home o clima está cambiando en poucos anos mentres outras veces este cambio necesitou miles de anos.
Pensamos a Ciencia
Que podemos facer para reducir este problema?
Antes de rematar lembrar que só fixemos unha breve descrición dos principais problemas de contaminación da atmosfera pero hai moitos máis...
Un dos menos coñecidos é o ruído. Estamos tan acostumados a el que non somos conscientes de que pode causar danos importantes: perda de oído, estrés ou insomnio.
A nosa sociedade é ruidosa; falamos alto, poñemos a música para que a escoiten os veciños, as terrazas compiten por ter a música alta, poñemos o altofalante para que calquera poida escoitar a música do teléfono... De todos os problemas de contaminación este é o máis fácil de solucionar porque só temos que pensar un pouco nos demais:
- As noites son para descansar, reduzamos o volume.
- Cando berramos obrigamos aos demais a facelo, falemos baixo e así reduciremos o ruído.
- A xordeira é un problema. Cando levemos cascos, a música estará moi alta se alguén pode escoitala sen eles. Protexe os teus oídos.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0