As aves, prodixios da natureza

Actividade de lectura

Ocultar

Galiñola
Galiñola

 

A maioría das aves son criaturas en constante movemento, extraordinariamente activas, de sentidos moi agudos e rapidez de reflexos. Un gavian, que atravesa un bosque a unha velocidade de 100 quilómetros por hora, realiza os seus movementos no ar coa rapidez do raio e cunha exactitude total.

Frieder Sauer. Aves terrestres

 

Le o texto con atención e contesta as seguintes preguntas:

    1. Busca unha imaxe dun gabián? Viches algún na natureza?

    2. Cales son as características das aves que máis che chaman a atención?

    3. Cantas aves diferentes coñeces?

    4. Todas as aves son paxaros?

Traballamos a Ciencia

Ocultar

Caderno de campo
Cadernos de campo


A toma de datos é fundamental no método científico.

Para realizar esa función, os biólogos empregan o caderno de campo.

Nun caderno de campo anotamos calquera dato interesante sobre o feito a observar. No caso das aves dunha zona de costa estes datos serán:

  • Día e hora da observación. Pode suceder que unha especie apareza a unhas horas determinadas pero non a outras.
  • Marea. Moitas especies cambian de localización a medida que cambia a marea.
  • Número de individuos. É unha especie que vive en grupos ou é solitaria?
  • ...

Fabrica o teu propio caderno de campo e sal a tomar notas.

Porén, se queres ser máis moderno emprega un caderno da campo virtual no proxecto de Ciencia cidadá iNaturalist.

Ocultar

Gaivota
Algunhas gaivotas rompen os tellados e rouban a comida aos humanos. Son pequenos problemas de convivencia.


As aves forman parte da nosa vida. Comparten espazo con nós, amenizan os nosos paseos cos seus cantos e incluso ás veces temos que competir con elas pola comida. Porén, vivir con elas non implica coñecelas. Para empezar non todas as aves son paxaros, estes son un tipo de aves pero hai moitas máis: rapaces coma os miñatos, anátidas coma as cercetas... Ademais as aves teñen algunhas das adaptacións, máis curiosas do reino animal xa que poden, por exemplo, viaxar durante meses sen beber auga ou sen parar en ningún momento.

curuxa
Curuxa


A primeira adaptación das aves a unha vida no aire vémola nos seus ósos que teñen uns ocos para reducir o peso. Grazas ao seu esqueleto lixeiro unha curuxa, cuns 35 centímetros de lonxitude, pesa uns 330 gramos. Con menos peso necesita menos enerxía para voar.

Avelaiona
Neste poliño de avelaiona vemos abaixo un pouco da plumaxe adulta, con función de vo, e no resto do corpo o "plumón" que mantén quente ao animal.

 

As plumas son outra característica fundamental das aves, pero non só para voar porque a función inicial das plumas foi, e segue sendo, manter quente á ave. Aínda así as plumas son imprescindibles para voar. Antes da invención dos avións as aves xa empregaban unha estrutura, a álula, para solucionar os problemas de turbulencias no despegue e aterraxe.

Alavanco
Femia (esquerda) e macho de lavanco real mostrando o dimorfismo sexual

 

Nas aves é frecuente que a plumaxe da femia sexa relativamente discreta mentres a do macho resulte moito máis chamativa: é o dimorfismo sexual. Esta situación chega a casos extremos nos que os machos chegan a poñer a súa vida en perigo para conseguir atraer ás femias.

Como dato curioso lembrar que as plumas non son exclusivas das aves posto que moitos dinosauros tamén as tiñan.

O sistema respiratorio das aves é unha marabilla da enxeñería animal. Ademais dos pulmóns teñen uns sacos aéreos que lles permiten manter sempre os pulmóns cheos de aire osixenado. Así as aves conseguen osíxeno tanto cando inspiran como cando expiran. No aparato respiratorio das aves hai unha estrutura moi peculiar, a sirinxe, que é a responsable do canto das aves.

Corvo viaraz
Corvo viaraz


Respecto ao lugar de residencia as aves teñen comportamentos tan diversos como os humanos:

  • Algunhas viven todo o ano na súa área de cría, no lugar no que poñen os ovos. Son as aves residentes ou sedentarias. Son sedentarias, por exemplo, a maioría dos córvidos, as aves da familia do corvo como as pegas e as choias.

Albatros
Rafamari. Albatros (Dominio público)

O Albatros olleirudo é unha ave divagante con máis de dous metros de envergadura.

 

  • Outro grupo de aves pasan a súa vida viaxando dun lugar a outro sen ningún patrón fixo. Son as divagantes ou erráticas.

Cerceta
As cercetas vense en grandes grupos no inverno nos humedais galegos. Na primavera viaxan ao norte para criar.



  • Por último, as aves migratorias viven a temporada de cría, primavera e verán, nas áreas estivais e pasan outra temporada, outono e inverno, nas áreas de invernada.

Moitas especies de aves migratorias europeas elixen España para invernar. O paso outonal comeza a finais do mes de agosto e pode rematar a principios de decembro. Neste paso as aves adultas viaxan acompañadas das crías nacidas durante o verán. Aínda que pareza mentira, tamén hai aves que consideran que vai demasiado frío na Península e realizan o seu paso outonal cara a África polo que nós seriamos a súa área de cría estival.
Unha vez remata o inverno, no mes de febreiro comeza o paso estival de volta aos territorios de cría do norte de Europa.

Carrán
Algúns carráns viaxan na súa viaxe migratoria dende o Polo Norte ou sur e volta.



O principal motivo polo que migran as aves é a comida. Coas superficies nevadas ou xeadas é moito máis difícil atopar alimentos, pero na primavera estas desaparecen e sementes, insectos ou froitos volven a estar dispoñibles.

 

Virapedras
Virapedras dando un paseo na Casa dos Peixes da Coruña.


Respecto ás distancias que percorren nas rutas migratorias hai variedade. Algunhas apenas viaxan uns centos de quilómetros e outras fan máis de 50 000. Resulta curioso comprobar como moitas aves teñen unha enorme precisión nas súas viaxes. En Galicia realizouse un seguimento a un virapedras e demostrouse que viaxaba dun bloque do dique de abrigo do porto da Coruña a outro en Canadá. Todos os anos volvía exactamente ao mesmo bloque do porto da Coruña. Tendo en conta que se trata dun ave duns 20 cm de lonxitude tanta precisión é impresionante.

Grullas en vo
Antonio. Migración de grullas (CC BY-SA)

 

Algunhas aves viaxan en grupo nos pasos migratorios. Neses casos é frecuente ver unha formación en V moi característica que ten como función reducir o custo enerxético da viaxe, gastan menos enerxía viaxando desa forma.

Cullerete
O cullerete é un tipo de parrulo invernante en Galicia aínda que cada vez é máis frecuente velo como residente.


Non sabemos moi ben como deciden as aves que chega o momento de iniciar as súas viaxes migratorias pero hai dous factores que seguro que son importantes: a duración do día e a temperatura. Sabemos, por exemplo, que o cambio climático que está provocando o home fai que moitas especies deixen de migrar.

Cerceta america
A cerceta americana distínguese da europea pola barra vertical de cor branca que se observa na imaxe. Este exemplar pasou un inverno no esteiro do Anllóns

 

As aves migratorias son un interesante recurso turístico xa que cada vez máis persoas viaxan perseguindo as grullas en Estremadura ou buscando os pasos das aves mariñas nas costas de Galicia. Un obxectivo especial deste turismo son as rarezas, aves que son desviadas das rutas migratorias por diversos motivos e rematan en lugares pouco habituais para elas. En Galicia temos a sorte de gozar dalgúns dos puntos máis interesantes para a observación de rarezas americanas. As fortes borrascas atlánticas atrapan en ocasións a aves migrantes nas costas américanas e as arrastran ás nosas. A lagoa de Baldaio ou o esteiro do río Anllóns reservan todos os anos sorpresas americanas para quen teña a paciencia de ir a observar. Nese sentido resulta moi práctica unha ferramenta da da Sociedade Galega de Ornitoloxía, o seu Catálogo de aves, que informa sobre observacións facilitando as visitas.

Xogamos

Ocultar

Xoguemos un pouco. Cantas aves es capaz de recoñecer? Podes facer trampa descargándote a app "Aves do esteiro do Anllóns", unha aplicación realizada por alumnos do IES Eduardo Pondal de Ponteceso.

Kahootavesiniciacion



Facemos a Ciencia

Ocultar

Os proxectos de Ciencia cidadá inclúe campos moi diversos. Dentro da ornitoloxía temos proxectos locais, nacionais ou máis globais. Un exemplo é a plataforma Observado.es, un lugar para compartir e aprender.

Xogamos

Ocultar

Unha vez superada a primeira fase ímolo facer máis complicado.

Kahootaves2