Mirando ao ceo

Ocultar

A observación do ceo nocturno é fundamentalmente unha cuestión de paciencia e constancia. Paciencia, porque ao principio veremos moi poucas cousas e porque en Galicia as nubes e o vento dificultan a observación (os telescopios astronómicos móvense moito co vento e fan difícil a observación. Por outro lado, a constancia é imprescindible para ir pouco a pouco aumentando a nosa capacidade para distinguir as constelacións. Temos que saír moitos días para afirmar o aprendido e localizar novos obxectos terrestres.

 

Pleyades
Gustavo Naharro. Playades (M45) (CC BY)


Que necesitamos para ver estrelas? A verdade é que só cos ollos podemos ver moitas cousas. Incluso algúns satélites de Xúpiter son visibles a simple vista nun día bo e con boa vista. Pero é certo que hai ferramentas que axudan:

  • Stellarium. Antes de saír a ver estrelas é interesante que botemos un ollo a este programa para saber que obxectos son visibles ese día no ceo. O programa Stellarium, de libre descarga, resulta moi fácil de empregar e permítenos localizar planetas, cometas ou constelacións.
  • Prismáticos. Son unha axuda para ver algunhas galaxias e constelacións pequenas como as Pléyades. Moitísimo coidado con mirar a Lúa cos prismáticos, pode producir danos irreparables nos ollos.

Telescopio

  • Telescopios. Non é unha boa idea para empezar, pero si que pode ser interesante se mantemos a afección. Hai dous tipos principais de telescopios: refractores e reflectores. En calquera deles é importante que teñan montura ecuatorial porque nos facilita o seguimento das estrelas no ceo. Os máis asequibles, e máis que suficiente para ver planetas e constelacións, son os refractores. Os reflectores son máis caros e complicados de manexar pero permiten ver obxectos do ceo profundo con facilidade. É moi, moi importante comprar un filtro para as lentes se queremos mirar cara á Lúa. É unha experiencia inesquecible e por iso debemos coidar os ollos. Os filtros son unhas lentes moi sinxelas que actúan a modo de gafas de sol astronómicas. Nunca miredes á Lúa sen filtros, podedes quedar cegos. Con filtros podedes empregar calquera mapa lunar para situar mares e terras.
  • Libros. Hai moi bos libros sobre esta temática. Entre os máis útiles destacan títulos como:
    • Lacroux, J e Legrand, C Descubrir la luna. Máis de 300 localizaciónes lunares. Larousse 2007. Barcelona.
    • Heifetz, M e Tirion, W. Un paseo por las estrellas. Cambridge University Press. 1998 . Madrid

Por desgraza os nosos ceos non sempre nos permiten ver as constelacións. Non só polas nubes, algo evidente en Galicia, senón porque as luces, a chamada contaminación lumínica, reducen a luminosidade do ceo nocturno. (Globe at Night) Para ver estrelas temos que ir a lugares con baixa contaminación lumínica e cun horizonte o máis aberto posible.

Facemos a Ciencia

Ocultar

Agora chega o momento de decidir por onde empezar; comezaremos por localizar a Osa Menor coa estrela Polar, Casiopea e a súa familia e a Osa Maior.
A Osa Menor, coa estrela Polar ao final da constelación, podemos vela ao longo de todo o ano no horizonte de Galicia. Ademais esta constelación indícanos a posición do norte, de forma que nos permite orientarnos no ceo. Porén, as cousas non son sempre tan fáciles. A Osa Menor non é unha constelación moi visible, moitas noites apenas seremos capaces de intuíla no ceo. A solución para localizar a Osa Menor pode vir por dous sistemas:

  • Localizando Casiopea. Este método ten a vantaxe de que podemos empregalo en calquera momento da noite, xa que é visible de forma continua. Casiopea móvese ao longo do ano dando voltas ao redor da estrela Polar de forma que, se supoñemos que Casiopea ten forma de M, sempre mostra a posición da estrela Polar no interior do M.

Casiopea e estrela Polar

Xunto a Casiopea no ceo está o seu home, Cefeo.

Casiopea, Polar e Cefeo

Agora trátase de ir incorporando constelacións a estas tres que son fáciles de atopar case en calquera momento. Draco, Tauro, Auriga, Orion, Xéminis...

Polar a partir da Osa Maior

  • Localizando a Osa Maior. Só podemos usalo cando esta constelación é visible no ceo. Nesta ocasión empregamos unha constelación moi luminosa, a Osa Maior, para localizar outra moito menos visible. O sistema é sinxelo. Trazamos unha liña entre as dúas estrelas finais da Osa Maior e continuamos esa liña unhas cinco veces ata atoparnos coa estrela Polar.