Camiños de vento e auga

Lemos a Ciencia

Ocultar

Anllóns
Desembocadura do río Anllóns en Ponteceso As lagoas e esteiros que se forman en moitos lugares da costa de Galicia son zonas húmidas fundamentais para as aves migratorias.


Adiós, ríos; adiós, fontes;

adiós, regatos pequenos;

adiós, vista dos meus ollos:

non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,

terra donde me eu criei,

hortiña que quero tanto,

figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,

pinares que move o vento,

paxariños piadores,

casiña do meu contento,

muíño dos castañares,

noites craras de luar,

campaniñas trimbadoras

da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras

que eu lle daba ó meu amor,

caminiños antre o millo,

¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós groria! ¡Adiós contento,

¡Deixo a casa onde nacín,

deixo a aldea que conoso

por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,

deixo a veiga polo mar,

deixo, en fin, canto ben quero...

¡quen pudera no o deixar...!

Rosalía de Castro. Adiós, ríos; adiós, fontes.

 

Le o texto e contesta as cuestións:

1. Rosalía daba moita importancia á auga na súa lembranza. Debate cos teus compañeiros que papel darías aos ríos ou lagos na túa imaxe de Galicia.
2. Galicia é o país dos mil ríos, serías capaz de nomear dez deles?
3. Con todo o que chove en Galicia, comenta cos teus compañeiros se cres que é necesario controlar o consumo de auga.

Ocultar

Galicia é unha zona de paso para moitas aves que incluso en ocasións deciden quedar a pasar o inverno con nós. Escapan do frío do inverno do norte de Europa buscando un clima máis cálido no sur de España ou en África. Unha vez rematado o inverno regresan aos seus lugares de orixe no norte para buscar parella e ter crías.

Paso mascatos
Mascato viaxando cara ao sur cerca do Roncudo

 

Para nós o espectáculo está fundamentalmente ligado á auga e iníciase a finais de agosto cando empezamos a apreciar o paso de aves. Mirando ao oeste é fácil ver os mascatos sucando as ondas en dirección sur. Se prestamos atención a estas aves, veremos como viaxan en grupos e como moitas veces os últimos do grupo teñen unha cor algo máis escura: son as crías nacidas no norte e que fan o seu primeiro paso migratorio. Se temos sorte poderemos ver algún dos picados que realizan os mascatos para pescar, a única parada da viaxe. Máis difíciles de ver son outros moitos grupos de aves mariñas de menor tamaño como as píllaras ou as palleiras.

Facemos a Ciencia

Ocultar

Cegoña
As cegoñas son aves migratorias que están cambiando os seus costumes polo cambio climático.

 

 A Sociedade Española de Ornitoloxía solicita a nosa colaboración para saber como está cambiando o comportamento migratorio das aves como consecuencia do cambio climático.

Colabora na rede fenolóxica. Podes facelo de forma individual ou nun equipo. Non é necesario saber moito de aves, só é imprescindible estar interesado e querer aprender.

Ocultar

Outro punto fundamental para observar o paso migratorio son as zonas húmidas, uns ecosistemas en serio perigo de desaparición. Estas zonas son imprescindibles para levar a termo viaxes de miles de quilómetros a través de varios continentes, pero as manchas húmidas están desaparecendo moi rápido por dúas causas fundamentais:

  • A contaminación das augas doces que converten estes ecosistemas en auténticos vertedoiros.

  • O mal uso do territorio. Moitas zonas húmidas desecáronse para construír vivendas ou para poñelas a agricultura. Un caso moi coñecido en Galicia é a lagoa de Antela, drenada (desecada) na década de 1950 para poñela en cultivo.
Lagoa Antela
Xunta de Galicia. Cartografía cedida polo Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia (CC BY)
Empregando o comparador de mapas do Visor de mapas da Xunta podemos ver como no ano 1956-57 aparecen os restos da lagoa de Antela mentres na imaxe do ano 2014 a continuidade da lagoa aparece como terreo de cultivo.


Pensamos a Ciencia

Ocultar

Lagoa de Fonmiñá
Lagoa de Fonmiñá


Tendo en conta a importancia das zonas húmidas imos dedicar uns instantes a coñecer a súa orixe e características.

Cales poden ser as orixes dunha zona húmida?

Parece evidente que pode ser debido á acumulación da auga de choiva. Será esta a única posibilidade?

Ocultar


Proporción auga salgada e doce
Proporción entre os contidos en auga salgada e doce


A auga doce é imprescindible para os seres vivos malia a súa escaseza. Vivimos nun planeta cheo de auga, dous terzos da súa superficie é auga, pero a maioría é auga salgada. Por se fora pouco, da auga doce existente a inmensa maioría está nos glaciares polo que non é aproveitable para a vida. Canta auga nos queda e de onde sae?

A auga está continuamente transformándose no ciclo da auga:

Pensamos a Ciencia

Ocultar

A auga está continuamente transformándose no ciclo da auga. Observa o esquema e atopa a forma máis rápida e máis lenta para pechar o ciclo. (Pechamos o ciclo cando a auga sae e volve a entrar no mesmo depósito: océanos, ríos, atmosfera...)

O ciclo da auga
USGS. El ciclo del agua (Dominio público)

 

Ocultar


1. Evapórase.
2. Condénsase nas nubes.
3. Precipita en forma de neve, choiva... Como é lóxico a maioría das precipitacións suceden no mar. A auga pasa nas nubes unha media de dez días.

4. Permanece nos:Sisargas

  • Océanos. Onde está de media máis de trinta e seis mil anos. É o maior depósito de auga do planeta pero non nos serve para beber nin para cultivar. Na actualidade as plantas desalinizadoras son capaces de obter auga potable do océano, pero gastando moita enerxía.

Río Va
A corrente dos ríos foi empregada dende antigo nos muíños. Canto máis rápido circule a corrente maior é a capacidade dos ríos de desfacerse dos contaminantes.


  • Ríos. A auga permanece nos ríos uns trece días de media. A maioría das grandes cidades están situadas no curso de ríos que lles proporcionan auga. Tamén recollen os residuos que as cidades producen. Como consecuencia desta sucia relación, os ríos sofren serios problemas de contaminación.

En España a maior parte dos cursos dos ríos están modificados formando encoros para reter a auga doce. Esta auga, ademais de producir enerxía eléctrica, é o principal almacén de auga para consumo.

Villafáfila
Grupo de parrulos descansando na lagoa de Villafáfila en Zamora.


  • Lagos e zonas húmidas. Cun tempo de permanencia de ata cen anos son unha importantísima fonte de auga doce. E son precisamente esas dúas características as que están provocando os maiores problemas de lagos e zonas húmidas. Cando se consomen grandes cantidades de auga as reservas de lagos e zonas húmidas redúcense.
    Anllóns
    Desembocadura do río Anllóns en Ponteceso As lagoas e esteiros que se forman en moitos lugares da costa de Galicia son zonas húmidas fundamentais para as aves migratorias.

En España temos un exemplo moi evidente deste problema no nacemento do río Guadiana.

Os Ollos do Guadiana eran un conxunto de zonas húmidas nas que comezaba o seu percorrido o río que lles dá nome. O consumo de auga agrícola das últimas décadas provocou que neste momento os Ollos do Guadiana estean case secos e o río naza moitos quilómetros máis abaixo.

Moi próximo a este lugar está unha das zonas húmidas máis importantes de Europa, Las Tablas de Daimiel, un lugar que recibe todos os anos un considerable número de aves migratorias.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Río contaminado
Río eutrofizado. A cor da auga mostra a baixa calidade da mesma.


O segundo problema das zonas húmidas é a contaminación. Os ríos son cursos de auga corrente, cando os contaminamos, o propio movemento da auga axuda a eliminalar a contaminación. Pola contra, nos lagos e zonas húmidas, a auga non circula e pode permanecer ata cen anos. Por este motivo cando contaminamos estes contornos é moito máis difícil solucionalo.

O principal problema de contaminación das augas doces ten un nome complicado, chámase eutrofización. Esta palabra, que ben podía ser un trabalinguas, recolle un problema provocado polas augas residuais urbanas ou pola agricultura e que remata cunha auga escura e con mal olor, non potable por tanto.

Thinglikcontaminacionaugas
Río Anllóns.
Preme sobre a imaxe para ter máis información

Que actividades diarias poden axudar a reducir o problema de eutrofización das zonas húmidas?

Ocultar

Glaciar islandés
Neste glaciar islandés vemos as consecuencias do aumento da temperatura da Terra. Nos últimos 50 anos o glaciar retrocedeu máis de cen metros, é dicir, perdeu cen metros de xeo.

 

  • Glaciares. A maior parte da auga doce está nos glaciares onde pode permanecer máis de trinta mil anos. Parte dos glaciares están sobre o océano, é o caso do xeo do Polo Norte. O cambio climático causado polo home está provocando que se derreta este xeo a un ritmo moi elevado, porén isto non dará lugar a un aumento do nivel do mar. O xeo que provocaría ese problema sería o que está nos glaciares continentais, posto que a auga que os forma baixaría por ríos e torrentes ata o mar. O retroceso, é dicir, a fusión do xeo dos glaciares continentais é unha realidade demostrada dende hai moitos anos; Perito Moreno, Skaftafellsjökull...

Facemos a Ciencia

Ocultar

Svínafellsjökull
Svínafellsjökull. Islandia

 

Os laboratorios virtuais permiten estudar fenómenos naturais sen saír de casa.

PhET Colorado ofrécenos un laboratorio para analizar a evolución dos glaciares. Unha boa forma de aprender a controlar as variables dunha investigación. Non esquezas empregar o osiño.

Ocultar

Problemas augas subterráneas
Paz.ar. Es water cont (Dominio público)

A falta de control na localización dos pozos pode provocar que rematemos bebendo auga contaminada.

 

  • Augas subterráneas. Unha importante reserva de auga en boa parte de España, pero non en Galicia. Nós non temos practicamente augas subterráneas, a auga de manaciais e pozos circula por fendas no material que forma os subsolos galegos máis non se almacena. Como non se acumula, nas poucas ocasións nas que pasamos uns meses sen precipitacións os pozos secan rapidamente. Aínda, sen ser verdadeiras augas subterráneas, a auga de pozos e mananciais en Galicia está sufrindo un problema moi serio de contaminación, consecuencia da falta de control na construción de pozos e da liberación descontrolada de residuos.

Ocultar

Río
Para solucionar os problemas que provocamos sobre as augas doces e conseguir que teñamos unha auga na cantidade e calidade adecuada, temos que reducir o consumo e a contaminación.


Reducir o consumo de auga é fácil, só hai que querer. Ademais, aforrar auga tamén reduce a contaminación.

A maior parte da auga que se consome en España emprégase na agricultura, polo que ademais de aforrar auga na casa, tamén debemos estar pendendes de que o uso agrícola sexa adecuado. Para reducir o consumo agrícola podemos empregar técnicas de regadío informátizadas ou cultivar especies autóctonas que están afeitas ao noso clima polo que precisan menos auga.

Unha medida fundamental para ter auga potable non está relacionada co consumo senón coa ausencia de contaminación. Por pouco que consumamos, se contaminamos a nosa fonte de auga potable, non poderemos beber.

Reflexión

Ocultar

Billa

A pesar de que para nós é un xesto moi normal, en moitos países do mundo conseguir auga potable é a actividade máis importante do día.

A ausencia de auga potable é a principal causa de morte no mundo.

Ter auga corrente na auga é unha marabilla que esixe moito control por parte das autoridades. Tendo en conta que auga que bebemos vén dos ríos e encoros, que tratamentos cres que debería ter esa auga para ser potable?

Ocultar

EDAR
Seviwiki. Edarranilla (CC BY-SA)

 

Para evitar a contaminación augas residuais deben ser tratadas antes de devolvelas aos ríos. Este proceso chámase depuración e ten lugar nas EDAR (Estacións depuradoras de augas residuais), unhas plantas complexas que melloran a calidade da auga ata facela apta para volver aos nosos ríos ou lagos. Normalmente están divididas en tres liñas:

  1. Liña de augas. Nas que se filtra a auga para despois tratala con bacterias e outras métodos para acelerar a limpeza das augas.
  2. Liña de lamas. Nela acumúlanse os sólidos que saen da liña de augas. Unha vez rematado o proceso poden empregarse como fertilizantes.
  3. Liña de gases. Nas outras dúas liñas prodúcense gases que se queiman para producir a enerxía que necesita a EDAR.

Actividade

Ocultar

Localiza a depuradora de augas residuais e a potabilizadora máis próximas ao teu domicilio.

Unha visita a estas plantas pode axudarnos a entender a importancia que teñen para manter a saúde pública.