As Ciencias Experimentais forman un campo de coñecemento moi especial que se diferencia de todos os demais na forma de traballar. Os científicos experimentais baseamos as nosas conclusións nos resultados do método científico, unha secuencia ordenada de procedementos que nos permiten poñer a proba as nosas ideas. Imos facer un deseño experimental sinxelo para ver como funciona este método.
Facemos a Ciencia
Facemos a Ciencia
FACEDE ESTA EXPERIENCIA NO LABORATORIO BAIXO A SUPERVISIÓN DUN PROFESOR
Coloca sobre a mesa un billete, unhas pinzas longas, etanol, auga, sal común, un chisqueiro, un vaso de precipitados e un cristalizador. Para que? Pois como temos un día destrutivo imos queimar un billete sen que arda. (Somos científicos pero tamén precavidos, mellor un billete de cinco euros ca un de cincocentos, non vaia ser que nos equivoquemos!)
- Analizamos os recursos dos que dispoñemos e o problema. Non corrades, tomade o voso tempo, que reflexionar sempre é importante.
- Buscamos información. O papel arde a máis de 200ºC. Un papel mollado non arde porque a auga impide que chegue á temperatura de ignición. O etanol é moi inflamable polo que arde con facilidade.
- Propoñemos unha hipótese de traballo. Se mollamos un billete con auga e etanol a partes iguais o etanol arderá pero a auga protexerá ao billete que non chegará á temperatura necesaria para arder.
- O deseño experimental é sinxelo:
1. Botamos no vaso de precipitados a mesma cantidade de auga ca de etanol. Incorporamos un pouco de sal para que as lapas sexan visibles. Mesturamos ben.
2. Mollamos o billete na mestura. É importante mollalo moi ben.
3. Collemos o billete coas pinzas e o colocamos sobre o cristalizador.
4. Prendemos lume.
5. Anotamos a observación. Neste caso mellor documentala cun vídeo para poder ver os detalles todas as veces que precisemos.

Que tal foi? A nosa hipótese de traballo era certa ou es cinco euros máis pobre? No caso de que o billete ardera deberemos volver a revisar a nosa hipótese de traballo e repetir o método experimental
Unha vez rematado o traballo experimental aínda queda un paso antes de concluír o método científico: a publicación dos resultados nun artigo científico.
Un artigo científico debe incluír:
- Título: Atractivo e curto. Debe deixar claro o tema do artigo
- Resumo: Moi breve, cinco seis liñas.
- Abstract: Tradución do resumo ao inglés.
- Introdución: Explicación sobre o campo de estudo e o obxectivo da nosa investigación.
- Metodoloxía: Guía completa do método de traballo seguido de forma que calquera outro investigador poda repetir o noso traballo para comprobar a súa veracidade.
- Resultados.
- Conclusións extraídas a partir dos resultados. Tamén podemos incluír neste apartado suxestións sobre posibles traballos futuros que complementen ou aclaren o noso estudo.
- Bibliografía. Conxunto de referencias empregadas para realizar a nosa investigación. Hai unha serie de normas para citar bibliografía (nos exemplos desta páxina podedes ver como facelo)
Actividade
Practiquemos a realización dun artigo científico a partir da experiencia proposta no vídeo. (Enlace)
Facemos a Ciencia
Xa estades preparados para iniciar o voso traballo de investigación, chega o momento de pensar nos temas.
Elixide un tema entre os propostos ou pensade outro e comentádeo co profesor.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0