Viaxeiras do mundo

Voar é para moitos sinónimo de liberdade e moito máis se a esa capacidade unimos a de ver o mundo, durmir baixo as estrelas, non precisar documentos nin cartos, é dicir, ser un ave migratoria cuxa casa está onde estea o bo tempo sen outra limitación que atopar auga e comida.
Nesta proposta imos ver o mundo a vista de paxaro, ou de ave mellor:
- Dedicaremos un capítulo a coñecer mellor as aves, especialmente as migratorias que pasan polas costas de Galicia nas súas viaxes entre o norte de Europa e África.
- Analizaremos a atmosfera, o lugar no que desenvolven boa parte da súa vida moitas das aves. Veremos como funciona, especialmente no relacionado co tempo atmosférico, ese caprichoso que empurra as aves lonxe das súas migracións.
- Viaxeremos entre países e continentes para estudar a contaminación da atmosfera e das augas continentais. Analizaremos como o cambio climático provocado polo home está modificando a vida das aves ou como a contaminación dos ríos dá lugar a graves problemas nos ecosistemas.
- Dedicaremos un tempo a coñecer mellor as rochas e os minerais así como a estrutura do noso planeta.
- Descubriremos as estrelas. As aves migratorias son capaces de usar as estrelas para orientarse nas súas viaxes migratorias. Veremos como é e como funciona ese Universo que tan útil resulta ás nosas protagonistas.
- Coñeceremos un pouco mellor a algúns dos investigadores que fixeron posible o noso coñecemento actual da natureza. Analizaremos os problemas que enfrontaron e as consecuencias dos seus traballos.
- Pasaremos á acción realizando traballos experimentais ou colaborando en proxectos de Ciencia Cidadá sobre atmosfera, xeosfera, contaminación...
- Leremos un pouco, ou un moito porque poucas actividades nos fan tan libres como a lectura.
Voamos?
Audioguía. Ciencia cidadá
Ciencia cidadá
Ao longo do recurso atoparemos propostas de traballo en proxectos de Ciencia cidadá. Chamamos así á Ciencia feita por investigadores e xente coma nós.
Hai moitas formas de traballar na Ciencia cidadá:
- Podemos ceder o noso ordenador para que un proxecto de investigación empregue a súa capacidade de procesamento.
- Podemos participar axudando a tratar os datos recopilados polos investigadores. En moitas investigacións os científicos recollen centos de miles de imaxes que deben visualizar, coa colaboración cidadá esta visualización é moito máis rápida.
- Podemos participar incluíndo datos recollidos por nós e que serán empregados despois na investigación.
- Tamén podemos ser nós mesmos os que pidamos axuda para realizar un traballo de investigación.
Botemos unha man ao desenvolvemento da Ciencia.
Exemplo: CamaraCATalogue quere censar aos grandes felinos do planeta. Esta plataforma pide anosa colaboación para identificar os que animais que aparecen nas imaxes de cámaras colocadas na natureza Está en inglés pero cun dicionario solucionamos ese problema, e incluso sen el porque pinchando na lista de nomes aparece a imaxe do animal. Unha vez feita a identificación debemos dicir cantos hai, se está de lado ou de fronte...
Non hai medo a equivocarse porque moitas persoas visualizan a mesma foto así que uns corrixen aos outros.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0