O futuro da nosa estrela
Lemos a Ciencia
Os boletíns do tempo xa non se refiren so á meteoroloxía terrestre. Se entramos na páxina do satélite SOHO atoparemos datos sobre o vento solar e sobre o risco de tormentas solares. Estas informacións non son mera rutina: en outubro do ano 2003, unha tormenta solar deixou electricidade a 50 000 persoas en Suecia, inutilizou temporalmente máis da metade dos satélites da NASA (e definitivamente algún mais), fixo perder precisión ao sistema GPS e causou perdas millonarias ás compañías aéreas. A causa destes problemas foi a aparición no Sol de dúas manchas solares tan grandes como dez Terras, que lanzaron ao espazo miles de millóns de partículas cargadas. Ao chegar á Terra só unha parte foi desviado polo campo magnético terrestre, dando lugar a espectaculares auroras polares: o resto penetrou na atmosfera, causando o caos na nosa electrificada sociedade.
Francisco Anguita Virella. Planetas.
1. Busca no dicionario as palabras que non entendas.
2. Que titular porías á lectura?
3. No texto falan dunha tormenta do ano 2003. Busca información sobre tormentas solares posteriores a ese ano.
A estrela central do noso sistema planetario, o Sol, é unha estrela de tamaño medio e non especialmente brillante. Porén iso é o presente, dentro duns 6 600 millóns de anos o seu aspecto e brillo cambiarán de forma espectacular.
Todas as estrelas poden clasificarse nun diagrama denominado H-R (Hertzsprung- Russell) no que se relacionan luminosidade e temperatura.
As estrelas máis luminosas, as azuis, son tamén as que maiores temperaturas alcanzan, mentres que as máis pequenas, as vermellas, son tamén as máis frías.
No diagrama vemos que a maior parte das estrelas forman unha liña, a secuencia principal, pero hai un grupo de xigantes e superxigantes que escapan a esa lóxica. Máis abaixo outro pequeno grupo, as ananas brancas, tamén parecen querer formar o seu propio grupo.
Pois ben, o Sol está na parte central da Secuencia principal, xunto a Centauri A ou B, pero nun futuro pasará a ser unha xigante vermella para rematar os seus días como unha anana branca. Vexamos por que e como nos afectarán estes cambios.
No interior das estrelas están producíndose reaccións termonucleares de fusión, é dicir, teñen lugar continuas explosións nucleares moito máis potentes que as que provocaron a destrución de Hirosima e Nagasaki na Segunda Guerra Mundial.
Pensamos a Ciencia
Como consecuencia das explosións as estrelas producen grandes cantidades de enerxía, así que:
Que combustible queima unha estrela?
Pero este proceso só terá lugar mentres a estrela teña combustible para seguir producíndo as reaccións. A cantidade de hidróxeno dunha estrela depende do tamaño.
As estrelas están formadas case en exclusiva por hidróxeno pero canto maís grande máis combustible e máis temperatura. As estrelas azuis son as máis grandes e tamén as que máis enerxía producen. A cambio son tamén as que máis rápido quedan sen hidróxeno porque o queiman moi, moi rápido; por este motivo só viven uns poucos millóns de anos.
O Sol ten hidróxeno para uns 6 600 millóns de anos máis, como xa ten 4 600 millóns de anos, sae un total de 10 000 millóns de anos queimando combustible.
Pensamos a Ciencia
Por que non usamos ese mesmo sistema na Terra para producir enerxía?
Nas centrais nucleares terrestres empregamos a fisión nuclear, non a fusión. A diferenza é sinxela:
- Na fisión nuclear, nas nosas centrais, rompemos núcleos liberando enerxía e producindo residuos radioactivos que son un problema.
- Na fusión nuclear do Sol, unimos núcleos para producir moitísima enerxía e liberar helio. Este gas non só non é radioactivo senón que poderiamos vendelo para moitos usos distintos.
E que sucede cando as estrelas esgotan o combustible? A resposta está relacionada co seu tamaño.
As estrelas máis grandes da Secuencia Principal estouparán dando lugar a unha Supernova. Nesta explosión a estrela espalla polo espazo novos compoñentes que poderán dar lugar a novos sistemas planetarios.
O noso Sol terá unha historia diferente. Dentro duns 6 000 millóns de anos o aspecto da nosa estrela será o da imaxe da dereita, rematará convertido nunha estrela pequena, unha anana branca, e rodeado por unha nebulosa planetaria.
Para mentes curiosas
Que lle pasará exactamente ao noso Sol cando esgote o combustible?
Facemos a Ciencia
As tormentas solares provocan problemas nas telecomunicacións polo que é moi importante coñecelas e poder prever os seus efectos.
Colabora no estudo das tormentas solares co proxecto de Ciencia cidadá Protec Our Planet From Solar Storms. Compara dúas imaxes de tormentas solares e indica cal é máis complexa.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0