Que é iso da presión atmosférica?
Na previsión do tempo comentan con frecuencia que hai unha fronte de baixas presións situada sobre o Atántico ou que estamos baixo a influencia dun centro de altas presións. Que significa e que importancia ten? Empecemos por entrar un momento na cociña.
Para cortar un tomate, por exemplo, todo o mundo aplica sen problemas o concepto de presión, ou acaso alguén corta o tomate poñendo a parte plana do coitelo contra el? Sempre emplegamos o fío, e canto máis afiado mellor. A explicación física é a seguinte. Para que a presión sobre o tomate sexa a maior posible, coa menor forza, necesitamos que a superficie, o fío, sexa moi pequeno (fino). A presión é, por tanto, a forza que se aplica por unidade de superficie.
A presión atmosférica é a forza que exerce a masa de aire que forma a atmosfera sobre a superficie terrestre.
Traballamos a Ciencia
A presión atmosférica mídese cos barómetros e toma valores entre os 900 e os 1050 milibares. Podemos facer un barómetro caseiro empregando un frasco, un globo, unha gomiña, unha palliña, unha agulla, un papel e un pouco de pegamento.
1. Curtamos o globo e colocámolo estirado sobre a boca do bote a modo de tapadeira. Aseguramos coa gomiña para que non se solte o globo do bote. | |
2. Pegamos a agulla no extremo da palliña. | |
3. Pegamos o outro extremo da palliña sobre o globo. | |
4. Colocamos un folio sobre a parede e marcamos valores sobre el. Acercamos o noso barómetro ao folio para que a agulla marque os valores. Cando varíe a presión atmosférica moverase lixeiramente e poderemos velo na posición da agulla. |
Antes de continuar é importante repasar unha cuestión relacionda co frío e co calor. Se enchemos un globo con ar quente subirá, mentres que se o facemos con ar frío caerá ao chan. Por que? Pois porque no mesmo espazo, o globo, cando o ar é frío as partículas que forman o ar están máis xuntas. Así nun globo de ar frío hai máis ar, e polo tanto hai máis partículas, polo que pesa máis (é máis denso). Polo contrario as partículas de ar quente están máis separadas, polo que caben menos partículas no globo e este pesa menos (é menos denso) e ascende.
Facemos a Ciencia
A comprensión dalgúns conceptos científicos resulta máis sinxela empregando simplificacións da realidade. Isto é o que fan os laboratoiros virtuais. Neste caso trátase dun laboratorio para estudar relación entre presión e temperatura dun gas. Modifica os valores e observa como se relacionan. (Enlace)
Xa de volta coas presións vexamos que é un centro de baixas ou altas presións e como se forma.
Nos mapas do tempo vemos debuxadas unha liñas circulares, as isobaras, que unen puntos que están á mesma presión atmosférica. No mapa da dereita vedes unha isobara en superficie de 1024 milibares, outra de 1020, outra de 1016... Trátase dun centro de altas presións porque a presión máis alta está no círculo interior. Na punta da frecha vemos a situación contraria, un centro de baixas presións, xa que a presión máis baixa está no circulo interior.
O ar moverase sempre dun centro de altas presións a un de baixas, na dirección que marca a frecha. O motivo é fácil, nun centro de altas hai moitas partículas, pouco espazo e todas moi xuntiñas, e nun centro de baixas hai menos partículas. É lóxico que o ar se mova do centro con pouco espazo cara ao que ten moito. (Para os que queran entender o mapa do tempo a verdade é que non se move directamente pero iso é outra historia)
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0