Como ler un mapa do tempo

Non é fácil predicir o tempo nin para as persoas que máis saben del, os meteorólogos. Despois de anos de traballo case todos eles teñen algunha anécdota que contar sobre os erros das súas predicións, dende unha denuncia por dicir que ía chover onde ao final non choveu, ata perder o bigote por apostalo a que ao día seguinte chovía. Como fan os meteorólogos para facer as predicións? Usando a Ciencia.
Para facer as predicións do tempo os científicos empregan datos de satélites como o Meteosat. Trátase dun satélite que xira coa Terra situándose sempre sobre o Atlántico e proporcionando datos meteorolóxicos para África e Europa.
Xa vimos como hai tres datos especialmente importantes (Presión atmosférica, temperatura e humidade) pero os meteorólogos usan moitos máis. A pesar da complexidade hai algunhas predicións simples que podemos facer a partir dos mapas de isobaras.

- En que dirección vén o vento? Para sabelo só necesitamos ver o mapa de isobaras. Xa vimos como o vento vai dende os centros de altas presións aos de baixas. Concretamente o vento circula case paralelo ás liñas das isobaras, en sentido horario nos centros de altas presións e, antihorario nos de baixas.
.jpg)
- Como de forte será o vento? Esta predición é fácil. Canto máis xuntas estean as isobaras máis forte será o vento.

- Choverá? As precipitacións máis frecuentes en Galicia están asociadas a borrascas. Estas debúxanse nos mapas como unha liña vermella con semicírculos, a fronte cálida, seguida dunha liña azul con trianguliños, a fronte fría. As zonas que están debaixo das frontes cálidas recibirán precipitacións débiles e persistentes mentres que as que están debaixo da fronte fría sufrirán precipitacións máis intensas.
En Galicia as borrascas móvense de oeste a leste así que, sabendo a velocidade que leva o vento, podemos saber máis ou menos cando e canto choverá.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0



