As rochas que pisamos

Lendo a Ciencia

Ocultar

Anfibolita
Anfibolita da Cidade da Cultura



A ruta dos cantís comeza no Chao do Monte (repetidor de Santo André de Teixido), punto no que afloran as peridotitas-piroxenitas do macizo de Ouzal. Estas rochas proceden do Manto, é dicir, a máis de 70 quilómetros de profundidade, polo que a súa presenza na superficie terrestre é pouco habitual. As formas que adquiren estas rochas por efecto da erosión coñécense co nome de karst serpentínico.

Fran Canosa. Guía Xeolóxica de sete xeorutas no concello de Cedeira.

 

 

 

Le o texto con atención e contesta as seguintes preguntas:

  1. Busca no dicionario as palabras que non entendas
  2. Peridotitas, piroxenita ou anfibolitas son nomes de rochas. Seguramente esas non as coñeces pero seguro que es capaz de nomear tres rochas diferentes.
  3. No texto falan dunhas rochas do Manto que rematan superficie. Como podemos saber onde se orixina unha rocha?
  4. Como pode unha rocha chegar á superficie cando se formou a 70 quilómetros de profunidade?

Ocultar

As rochas


Na natureza varios minerais aparecen asociados formando as rochas. O granito, por exemplo, é unha rocha formada por minerais como o cuarzo, a ortosa, as plaxioclasas e as micas.

Obsidiana
Obsidiana

 


Normalmente as rochas están formadas por varios minerais pero tamen hai excepcións:

  • Algunhas rochas como a obsidiana ou o carbón non están formadas por minerais.
    • A obsidiana é unha rocha producida ao arrefriar rapidamente a lava dun volcán. Non é un mineral porque non cumpre unha das características que todo mineral debe ter: non ten unha estrutura cristalina.
      Carbón
      Carbón

    • O carbón, pola súa parte, non é un mineral porque non foi orixinado por un proceso inorgánico. O carbón fórmase a partir de restos vexetais grazas, entre outros procesos, á actividade de seres vivos.

  • Hai rochas que están formadas por un único mineral. É o caso, por exemplo, da cuarcita, formada por cuarzo, ou das calcarias, formadas por calcita.

Thinglinkrochaseminerais

Segundo a súa orixe as rochas clasifícanse en tres grandes grupos:
Fonte de lava1. Rochas ígneas ou magmáticas. Fórmanse a partir da solidificación (consolidación) dun magma. No interior da Terra as temperaturas chegan a valores tan altos que poden provocar a fusión das rochas; cando isto sucede as rochas fundidas reciben o nome de magma. Para facernos unha idea das temperaturas das que estamos falando, a temperatura media dun magma é superior aos 1 000 graos centígrados. (Tede en conta que a temperatura de fusión do chumbo é duns 327 graos centígrados.)

Cando un magma sae á superficie comezan a escapar os gases e recibe o nome de lava. Na imaxe da dereita vedes unha imaxe dunha colada de lava dun dos volcáns máis activos do planeta, o Kilawea. Este volcán provocou grandes danos na illa de Hawai na erupción do ano 2018 pero normalmente é unha fonte de recursos para a illa xa que é o volcán máis visitado por turistas en todo o planeta. A maioría das veces o Kilawea produce erupcións tranquilas con fontes de lava como a da imaxe e poucos danos.

Central xeotérmica
Central xeotérmica en Islandia. Nesta central aprovéitase o calor do volcán Krafla para producir vapor que move unhas turbinas xerando electricidade. Produce tan barato que o goberno islandés pode ofrecer electricidade gratis ás industrias. Galicia está sufrindo este problema xa que as empresas marchan buscando mellores condicións.

 

Os volcáns poden destruír casas ou estradas, pero tamén forman grandes cantidades de rochas. Islandia, un país volcánico, vende grandes cantidades destas rochas para a construción. Este mesmo país aproveita tamén os seus volcáns para producir enerxía eléctrica barata nas súas centrais xeotérmicas.


Rochas ígneas extrusivasAs rochas ígneas clasifícanse en dous grandes grupos segundo o lugar no que se arrefría o magma:


a) Rochas ígneas extrusivas. Fórmanse polo arrefriamento rápido do magma. Nas rochas ígneas extrusivas non se distinguen todos os minerais que forma a rocha.

Rochas ígneas intrusivas

b) Rochas ígneas intrusivas. Unha solidificación lenta, ao longo de millóns de anos dá lugar a un este segundo tipo de rochas. Nas rochas ígneas intrusivas distínguense claramente os distintos minerais que forman a rocha posto que tiveron moito tempo para formarse e crecer.

 

Ocultar

Tipo de rocha Rocha Exemplo
Ígnea extrusiva Obsidiana. Orixínase por un arrefriamento tan rápido que non dá tempo a que se formen minerais. Obsidiana
Basalto. De cor escura e na que non se distinguen os minerais que a forman a simple vista. Basaltos
Andesita. Máis clara que o basalto. Nesta ocasións si que se ven algúns dos minerais que compoñen a rocha. Andesita
Ígnea intrusiva Granito. Rocha moi abundante en Galicia. No granito vemos os minerais que o forman e podemos distinguir o cuarzo ou a ortosa. Granito
Gabro. Dunha cor moito máis escura có granito. O gabro non ten nin ortosa nin cuarzo. O mineral de cor clara que se observa na imaxe son plaxioclasas. Gabro

Intrusiva ou extrusiva?

Ocultar

Sabemos distinguir entre as rochas ígneas intrusivas e extrusivas?

Pregunta 1

GabroA seguinte rocha é unha rocha ígnea intrusiva

Pregunta 2

granito

A seguinte rocha é unha rocha ígnea extrusiva

Pregunta 3

Pegmatita

A seguinte rocha é unha rocha ígnea extrusiva

Pregunta 4

Vaitiasabertita

A seguinte rocha é unha rocha ígnea extrusiva

Pregunta 5

Vaitiasabertita

A seguinte rocha é unha rocha ígnea intrusiva

Pregunta 6

Vaitiasabertita

A seguinte rocha é unha rocha ígnea extrusiva

Pensamos a Ciencia

Ocultar

As peridotitas son rochas ígneas intrusivas, formadas por tanto no interior da Terra a partir dun magma. Unha vez formadas no interior da Terra teñen dúas opcións para saír á superficie:

  • Ascender
  • Que desapareza a rocha que teñen enriba.

Cal cres que é o camiño que atopou a nosa rocha para estar en superficie en Santo André de Teixido?

Ocultar


2. Rochas sedimentarias. A choiva, o vento ou o xeo rompen as rochas producindo sedimentos. Estes acumúlanse nos lugares nos que a forza do vento ou a auga se reduce. Nas rochas sedimentarias é frecuente poder distinguir capas chamadas estratos.

Thinglik sobre estratos


Existen dous tipos de rochas sedimentarias:

Conglomerado

  • Rochas sedimentarias detríticas. A suma de sedimentos ano tras ano no mesmo lugar compacta os materiais dando lugar a estas rochas.Nas rochas sedimentarias detríticas podemos ver os anacos que forman a rocha.

Calcaria

  • Rochas sedimentarias non detríticas. Neste tipo de rochas o sedimento son materiais precipitados a partir da auga. Este proceso é tamén o responsable da formación das estalactitas e estalagmitas.

Ocultar

Tipo de rocha Rocha Exemplo
Sedimentaria detrítica Conglomerado. Formada por anacos grandes. Pode conter anacos máis pequenos unidos os grandes. Conglomerado
Arenito. Formada por graos de tamaño area. Nos arenitos notaremos os grans de area pasando o dedo sobre eles. Areísca

Arxila. Formada por graos de tamaño arxila. As arxilas diferéncianse facilmente dos arenitos acercándoas á boca e botándolles o alento. As arxilas ulirán a terra mollada mentes os arenitos non.

Arxila
Sedimentaria non detrítica

Calcaria. Formadas por calcita. En ocasións inclúen cunchas de organismos mariños.

Calcaria

Pensamos a ciencia

Ocultar

Estratos

Tendo en conta que as rochas sedimentarias se forman a medida que van depositándose os materiais, poderiamos saber que rocha é máis antigo de acordo á súa posición na serie?

Mira a imaxe do Canon do Colorado, os estratos que están máis abaixo serán anteriores aos de arriba?

Ocultar


3. Rochas metamórficas. Unha vez formadas as rochas, xa sexan sedimentarias ou ígneas, poden sufrir cambios na súa composición ou estrutura dando lugar a un novo tipo de rochas chamadas metamórficas. Canto máis antiga sexa unha rocha, maiores serán as posibilidades de que esa rocha sexa metamórfica, xa que nalgún momento puideron ter lugar cambios nas condicións de formación que orixinaran, por exemplo, novos minerais.
Nas rochas metamórficas é frecuente atopar bandas claras e escuras ou incluso unha estrutura laminar.

Rocha Características Exemplo
Gneis Rochas caracterizadas porque os minerais se dispoñen en bandas de cores claras e escuras. Gneis
Xisto Teñen unha textura escamosa, deixándonos moitas veces escamas de minerais nas mans. Estas rochas teñen unha textura intermedia entre gnéises e lousas. Xisto
Lousa As lousas diferéncianse doutras rochas metamórficas por separarse en láminas moi claras. Lousa
Mármore Formadas a partir de calcarias que sofren metamorfismo. Coma estas producen burbullas ante o ácido clorhídrico. Adoita ter cor branca aínda que pode presentar outras cores. Mármore

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Gabro

Metagabro

Que diferenzas atopas entre estas dúas rochas na distribución dos minerais?

Ambas imaxes son de gabros, un tipo de rocha ígnea intrusiva. Pero unha das dúas foi sometida a moita presión e temperatura tempo despois de formarse. Unha das dúas sufriu metamorfismo, pouco pero suficiente para que se note.

Repasamos

Ocultar

Unha vez rematado o repaso aos tipos de rochas, chega o momento de demostrar o aprendido:

  • Sabes distinguir os tipos de rochas? Lembra que as características fundamentais que as distinguen son:Kahoot rochas

- As rochas sedimentarias están formadas por anacos e poden ter fósiles.


- As rochas metamórficas soen mostrar bandas ou láminas

- As rochas ígneas poden ser de dous tipos:

- Intrusivas. Nas que vemos claramente os minerais que as forman.
- Extrusivas. Non están formadas por anacos nin adoitan presentar bandas ou láminas. Normalmente non se ven os minerais que as forman e, de verse, non ocupan toda a rocha senón que teñen por medio unha pasta sen minerais visibles. Poden ter buratiños causados polas burbullas ao saír.

    Repasamos

    Ocultar

    Imos complicar un pouco a cousa. Ao longo do tema vimos moitas imaxes de rochas. Intenta identificalas.

    Kahoot tipos rochas