Saltar navegación

Recursos minerais

Lendo a Ciencia

Apatita
Apatita


"Non existe ningunha dúbida de que as materias primas minerais foron fundamentais no desenvolvemento das civilizacións humanas. De feito, os primeiros pasos que na arqueoloxía se denomina industria, déronse a partir de rochas e minerais metálicos e de aí a clasificación tradicional da prehistoria humana en: Idade de Pedra, Idade do Cobre, Idade do Bronce ou Idade do Ferro.

Manuel Regueiro. Minerales de la vida cotidiana

 

Le atentamente o texto e responde as seguintes cuestións:
1. Inventa un titular sobre o texto que liches.
2. Indica o nome de tres minerais. Que usos podemos facer deles?
3. Indica o nome de tres rochas. Que usos podemos facer delas?
4. Galicia, produce rochas ou minerais?

O estudo do territorio é fundamental para coñecer a situación de posibles reservas de minerais ou rochas. Para facelo é imprescindible empregar os Sistemas de información xeográfica (SIX), un conxunto de ferramentas que permiten estudar xuntos mapas, distribución de rochas ou minerais, vexetación, poboación... Vexamos algún exemplo.


A Xunta de Galicia pon á nosa disposición un SIX (Visor da Xunta) de fácil manexo e que proporciona moita información. Especialmente curioso é o comparador de imaxes. A primeira ferramenta arriba á esquerda. Unha vez pulsamos abre outra ventá que, mentres arrastramos a barra vertical, compara as dúas imaxes que queiramos.

Comparador Visor Xunta
Cartografía cedido polo Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia
Na imaxe da esquerda vemos As Pontes e García Rodríguez no ano 1956-57 e na da esquerda a imaxe do ano 2014 co gran lago da mina.

Os visor permite engadir datos, capas, ao mapa básico premendo sobre selección de capas (1). Na imaxe vemos como podemos visualizar, por exemplo, as Reservas da Biosfera de Galicia só pulsando no recadro (2). Se engadimos varias capas podemos aumentar ou reducir a transparencia da capa para poder ver varias ao mesmo tempo (3).

Visor SIX explicado
Cartografía cedida polo Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia

O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) proporciona un visor similar ao da Xunta en manexo e estrutura. Neste novo visor inclúense datos xeolóxicos que poden axudarnos a explotar os recursos mineiros. O IGME permite coñecer tamén coñecer o patrimonio mineiro de Galicia e os lugares nos que se realizan explotacións de rochas e minerais industriais. Abrindo este último visor observamos como o mapa de Galicia mostra gran cantidade explotacións de rochas: o mapa aparece cheo de puntos verdes que sinalan explotacións actuais e pasadas; é Galicia unha potencia mineira? Vexamos.

Traballamos a Ciencia

Emprega o visor da Xunta para localizar o sitio onde vives.

Compara a vista do ano 2014 coa do ano 1956.

Visor da Xunta

Arsenopirita
Rob Lavinsky. Arsenopyrite-117874 (CC BY-SA)

A arsenopirita era a mena de ouro da mina de Corcoesto. A lei neste caso era moi baixa é dicir, había moi pouco ouro na arsenopirita.

 

Os xacementos minerais son acumulacións de rochas ou minerais que poden resultar rendibles economicamente. Cando atopamos un xacemento, normalmente o mineral que buscamos, cobre, por exemplo, está asociado a outros que non nos interesan. Chamamos ganga ou estéril á parte non aproveitable do xacemento e mena á zona que contén o mineral buscado, o cobre neste caso. A lei é a riqueza en mineral da mena, canto maior sexa máis interesante será a explotación do xacemento.

Unha vez temos localizado un xacemento hai que pensar na forma de explotalo. Dependendo do tamaño, profundidade... a explotación pode realizarse a ceo aberto ou en minería de interior. Nos dous casos eliminar a ganga e procesar a mena fai necesario mobilizar grandes cantidades de materiais e depositar os residuos en escombreiras ou balsas.

Mina lignito As Pontes
Amio kajander. Se venden maquinitas (CC BY)
Mina monte Neme
Elaborado con Google maps

Balsas da antiga mina do Monte Neme.

Canteira
Explotación de pedra para construción en Santiago de Compostela.

 

En Galicia as explotacións máis frecuentes son as canteiras, minas a ceo aberto de áridos ou pedra natural. Os áridos son materiais triturados que se empregan en construción. Con diferenza é o tipo de minería máis frecuente en Galicia e está repartida por todo o territorio.


Na explotación de pedra natural incluímos as lousas e os granitos. Ambos os materiais foron utilizados dende sempre na construción das casas galegas. As lousas son a explotación mineira que máis rendemento económico achega á nosa comunidade, tanto en empregos como en vendas. Os minerais metálicos en Galicia non son agora un recurso importante. Existen pequenos xacementos metálicos que só son rendibles cando o prezo da mena está moi alto.

Antiga mina de ouro

Antiga mina de ouro no Caurel.

En Galicia atopamos moitos exemplos de antigas explotacións mineiras como a da imaxe.

.

 

É moi importante ter en conta que a extracción de recursos mineiros ten uns riscos e provoca unha serie de impactos.

Entre os riscos destacan os accidentes laborais ou a rotura de balsas de residuos. Por desgraza en moitas ocasións os residuos das explotacións mineiras quedan abandonados como sucedeu no caso da mina de wolframio do Monte Neme. A empresa que explotaba a mina quebrou no ano 2012 deixando as balsas sen control. Dous anos despois unha das balsas desbordouse e provocou unha riada que destruíu todo ao seu paso.

Os principais impactos provocados pola minería son o esgotamento de recursos e a contaminación. Os recursos minerais son recursos non renovables, consúmense a un ritmo maior ao de produción. As rochas e os minerais prodúcense no interior da Terra a un ritmo que se mide en millóns de anos, mentres que o consumo humano sucede a un ritmo que se mide en segundos. Debido ao aumento no ritmo de consumo, algúns minerais presentan reservas en situación crítica (chumbo, mercurio ou cobre), outros se consideran esgotables en 50-100 anos (níquel) ou en 100-200 anos (ferro, aluminio).

Os principais impactos provocados pola minería son o esgotamento de recursos e a contaminación. Os recursos minerais son recursos non renovables, consúmense a un ritmo maior ao de produción. As rochas e os minerais prodúcense no interior da Terra a un ritmo que se mide en millóns de anos mentres que o consumo humano de aluminio, por exemplo, sucede a un ritmo que se mide en segundos. Debido ao aumento no ritmo de consumo, algúns minerais presentan reservas en situación crítica (chumbo, mercurio ou cobre), outros se consideran esgotables en 50-100 anos (níquel) ou en 100-200 anos (ferro, aluminio).

Residuos
Cando tiramos un ordenador ao lixo perdemos todos os seus compoñentes. Reciclar aforra materiais e enerxía.

 

A solución do problema está na redución do consumo, na recuperación e na reciclaxe. Dando moitos usos a un mineral reducimos a necesidade de obtelos por minería. Por exemplo, nos ordenadores ou teléfonos dos que nos desfacemos hai minerais que se poden recuperar, reducindo así a necesidade de perforar a terra en busca de terras raras, un conxunto de elementos imprescindibles para elaborar estes artefactos tecnolóxicos.

Moitas industrias mineiras provocan problemas sobre solos, augas, atmosfera e paisaxe. A lei obriga ás empresas mineiras a recuperar (facer habitable), rehabilitar (planificar un uso posterior) ou restaurar (deixar igual que antes) a zona que sufriu a explotación. O problema é que non sempre se cumpre a normativa.

Rematemos cunha reflexión sobre a minería a partir do seguinte documental: Río de morte, catástrofe ecolóxica pola rotura da presa de Alnazcollar. Como podemos facer para reducir ao máximo os problemas da minería?

A minería é imprescindible para a nosa vida. Grazas aos recursos mineiros temos paneis fotovoltaicos (cuarzo), ordenadores (coltán), podemos tellar as nosas casas (lousas) ou fabricamos cerámica como a de Sargadelos (caolín). Porén, a minería tamén provoca problemas graves debido aos riscos, á contaminación e á perda de solo para a agricultura e a gandería. Como individuos intelixentes é o noso labor procurar reducir os problemas e aumentar as vantaxes mediante:

  • Un consumo responsable. Consumir menos, recuperar e reciclar.
  • Unha minería responsable. Que respecte o patrimonio de todos.

Xogamos

Kahootminería

Pensamos a Ciencia

Metais preciosos no ordenadorOs aparellos electrónicos consume grandes cantidades de metais preciosos como ouro ou prata. Anualmente o valor consumido neste minerais supera os 20 000 millóns de dólares, uns cartos que se tiran posto que a reciclaxe destes produtos segue a ser baixísimo. No caso do ouro recíclase pouco máis do dez por cento. Segundo estes datos o noso lixo tecnolóxico ten unha riqueza en ouro unhas 50 veces maior que as minas deste mineral.

Pensa como poderiamos facer para aproveitar estes recursos