Sucando o ceo

Lendo a Ciencia

Ocultar

Terra vista dende o Apolo 17
NASA. Terra vista dende o Apolo 17 (Dominio público)


" O ceo é azul, o mar é azul. Ata que punto o azul do mar é consecuencia do azul do ceo? Ata que punto ambos os fenómenos teñen unha orixe común, sen que un sexa consecuencia do outro? Cando miramos o mar, chega ao noso ollo luz reflectida dende diversas partes do ceo. Canto maior é a altura do observador máis intenso é o azul." La naturaleza y el paisaje. David Jou e Marià Baig

Le o texto con atención e contesta as cuestións:

    1. Propón un titular para o texto

    2. O mar seguiría sendo azul de non existir atmosfera?

    3. Mira a fotografía que acompaña ao texto. A atmosfera non se observa dende o espazo. Cal cres que pode ser a causa?

Ocultar

Estrutura da atmosfera
Cmglee. Comparison International Standard Atmosphere space diving (CC BY-SA)

 

A atmosfera é unha débil capa gasosa que recobre a Terra ou a calquera outra estrutura do Universo. A atmosfera terrestre é unha parte fundamental do noso planeta e resulta imprescindible para os seres vivos. Sen atmosfera a vida nunca sairía dos océanos pero é que sen atmosfera probablemente non existirían nin a vida nin os océanos.

Vexamos o motivo.

No ano 2014 Alan Eustace, un executivo de Google, bateu a marca de salto e velocidade ao caer dende 41 150 metros a unha velocidade máxima de 1 322 quilómetros por hora. Un salto estratosférico sen dúbida, pero moi por debaixo do límite da atmosfera que alcanza os 10 000 quilómetros de altura. Tanto Alan Eustace, como anteriormente Baumgartner, saltaron dende unha capa da atmosfera chamada estratosfera, unha zona que tamén é o obxectivo do programa MarumaSAT, o primeiro programa espacial galego desenvolvido dende tres institutos públicos.

Pregunta Verdadeira ou Falsa

Ocultar

Observa o vídeo do lanzamento da sonda MarumaSAT 1

Pregunta 1

O dispositivo deixa de ascender porque un paxaro pica sobre o globo rompéndoo.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Paranormal

Cando o Marumasat pasa a capa de nubes escóitase un sonido curioso. Que cres que causou o ruído? Será unha mensaxe dos extraterrestres?

Ocultar

Para estudar unha estrutura tan grande, de 10 000 km de altura, resulta cómodo propor a existencia dunha serie de capas atendendo a un criterio de clasificación. Evidentemente Alan Eustace non ía pasando fronteiras de capas a medida que descendía, ninguén imaxina a un policía troposférico pedíndolle o pasaporte a quince quilómetros de altura. As capas realmente non existen, pero son moi prácticas porque permiten entender mellor como funciona a atmosfera.Composición da atmosfera terrestre

Se atendemos ás substancias que compoñen a atmosfera vemos que hai dúas zonas claramente definidas:

  • Homosfera. Nos primeiros 80 quilómetros a atmosfera está formada por nitróxeno, osíxeno e argón con moi poucas cantidades doutras substancias como vapor de auga, metano ou CO2.

Composición da atmosfera terrestre

  • Heterosfera. A partir dos 80 km a atmosfera está formada por capas concéntricas, como as capas dun bombón recheo. A máis baixa desas capas está formada por nitróxeno, a seguinte por osíxeno... e así ata os 10 000 quilómetros. A desproporción de tamaños é tal que na imaxe da dereita a homosfera case non se aprecia sobre a Xeosfera.

Ocultar

Non obstante, non é esta a estrutura da atmosfera máis coñecida. Normalmente empregamos como criterio a temperatura para definir:Estrutura da atmosfera

  • Troposfera. A capa máis superficial e na que a temperatura baixa a medida que subimos. O seu límite está a uns quince quilómetros. Os avións comerciais voan dentro da troposfera con temperaturas exteriores que poden alcanzar os 50 graos centígrados baixo cero moito frío para que entre aire de fóra na cabina. A Troposfera remata na Tropopausa, un límite artificial que marca o lugar no que a temperatura da atmosfera deixa de baixar e empeza a subir.

  • Estratosfera. Entre os quince e os cincuenta quilómetros a temperatura do aire volve a subir grazas ao ozono. Na estratosfera hai unha capa de ozono, a Ozonosfera, que absorbe as radiacións ultravioletas do Sol evitando que o seu poder canceríxeno alcance a superficie. A Estratopausa marca o límite desta capa.

  • Mesosfera. Por enriba da Estratopausa a temperatura do ar volve a baixar a medida que ascendemos ata os oitenta quilómetros na Mesopausa.

  • Termosfera. A partir dos oitenta metros, no límite da homosfera, a temperatura do aire volve a subir como consecuencia da absorción das radiacións máis enerxéticas do Sol. Como sucedía coa Ozonosfera, a Termosfera filtra os raios solares evitando que nos fagan dano.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Poderías contestar agora á pregunta inicial. Por que sen atmosfera probablemente non habería vida nin océanos?

Pregunta Verdadeira ou Falsa

Ocultar

A ver se xa dominamos a estrutura da atmosfera?

Pregunta 1

A Homosfera está por debaixo da Estratosfera?

Pregunta 2

A Mesosfera está enriba da Estratosfera.

Pregunta 3

A Trosposfera é a capa superficial da Heterosfera

Pregunta 4

Na Estratosfera a temperatura aumenta grazas á capa de ozono.

Pregunta 5

A Heterosfera está por riba dos 80 km de altitude

Ocultar

Evolución dun tornado
JasonWeingart. Evolución dun tornado (CC BY-SA)


A Troposfera é a capa na que vivimos e, tamén na que se producen os fenómenos meteorolóxicos como a choiva ou a neve. Para comprendelo hai que ter en conta tres conceptos:

1. Temperatura. Xa vimos como na Troposfera a temperatura do aire baixa a medida que subimos. E precisamente ascenso e temperatura son os conceptos a relacionar:

  • O ar quente tende a ascender sobre o frío xa que o primeiro é menos denso que o segundo. Un día de calor a superficie da Terra está moi quente polo que o aire en contacto con ela tamén o está e, se está quente ascende.
Globo aerostático
Os globos aerostáticos elévanse quentando o ar que enche o globo.
  • Todo lóxico pero, que pasa agora? Pois que no sitio no que estaba o ar que ascendeu agora hai menos ar (menos presión), cousas da Física. Como consecuencia do ascenso vertical prodúcese un movemento horizontal que recibe o nome de vento. Resulta que os cambios de temperatura producen vento.

2. Humidade. Chamamos así á cantidade de auga que contén o aire. Cando dicimos que ten unha humidade do 70% quere dicir que aínda pode conter un 30% máis de auga. A humidade está relacionada coa temperatura, canta maior temperatura, máis auga pode conter a atmosfera.

Entón, que sucede cando un aire quente cunha humidade dun 90% ascende e arrefría? Como está máis frío pode conter menos auga polo que solta a sobrante facendo as nubes. Cando a cantidade de auga nas nubes é suficiente precipita en forma de choiva, sarabia ou neve.

Ciclón Catarina
NASA. Ciclón Catarina (Dominio público)    No ollo do ciclón a presión atmosférica é moi, moi baixa.

 

3. Presión. O ar da atmosfera exerce unha presión sobre a superficie da Terra, é a presión atmosférica que se mide normalmente en milibares. A presión atmosférica é maior cantas máis partículas de aire teñamos nun punto e, menor cantas menos partículas.

o tempo

 

 

A combinación das condicións de temperatura, humidade e presión son as responsables dos ventos, choivas, nevaradas ou tornados. Chamamos tempo atmosférico ás condicións de temperatura, vento, humidade... nun momento determinado.

Os meteorólogos son capaces de saber como evolucionará o tempo a partir dos datos de presión e temperatura. Para que as previsións do tempo sexan seguras debemos facelo a pouco tempo, un día máximo, porque hai tantos factores que inflúen no tempo que é moi difícil acertar a moitos días vista.

glaciar
Hai 2 300 millóns de anos toda a Terra estaba cuberta de xeo debido a unha gran superglaciación.

 

Aínda que é normal confundilos, clima e tempo atmosférico non é o mesmo. O clima é o conxunto de condicións da atmosfera ao longo de moito tempo, é dicir, é o tempo atmosférico promedio. No caso de Galicia temos un clima húmido e temperado.

A Terra tamén ten un clima definido cunha temperatura media ao redor dos 15ºC. Non sempre foi así. Houbo épocas da historia da Terra nas que a temperatura media baixo moi por debaixo de cero, ata os -50ºC, e outras que que rondou o 22ºC. Expliquemos de que depende o clima da Terra:

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Acabamos de ver como a temperatura da Terra pode cambiar moito. Eses cambios serían un problema para nós, porque vivimos agora nela así que mellor pensar a que se poden deber.

Que factores inflúen na temperatura media da Terra?

Como podemos saber que o clima da Terra cambiou?

Ocultar

Os principais factores que define a temperatura media da Terra son dous:
1. A distancia da Terra ao Sol e a cantidade de radiación que este nos manda. Nos primeiros anos de vida do Sol, hai uns 4 600 millóns de anos enviaba menos radiación polo que a Terra estaba moito máis fría. En 6 000 millóns de anos o Sol aumentará de tamaño e iso provocará que a cantidade de radiación que nos envíe aumente moitísimo.

Máis información sobre as distancias no Sistema Solar

2. O efecto invernadoiro é a capacidade da atmosfera de reter as radiacións que nos envía o Sol. Os principais responsables do efecto invernadoiro son o vapor de auga, o metano e o dióxido de carbono (CO2). Sabemos que nos períodos de temperaturas medias máis altas, a concentración de CO2 e de metano na atmosfera eran moito máis altas que agora, polo que o efecto invernadoiro tamén era máis alto.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Marte tivo durante moitos millóns de anos un efecto invernadoiro que lle permitiu ter unha temperatura superficial moi máis alta cá actual.

Podería pasarlle algo parecido á Terra e rematar perdendo o seu efecto invernadoiro ou tendo un moito máis forte?

Facendo a Ciencia

Ocultar

Cyclone Center é un proxecto de Ciencia cidadá que quere aprender máis dos ciclóns tropicais a partir de imaxes de satélite.

A nosa participación consiste en clasificar os ciclóns e describir a forma.

Nunha primeira etapa debemos dicir cal das dúas imaxes corresponde a un ciclón máis potente (Cal ten o núcleo central máis grande). Unha vez enviamos a información pasamos a analizar a forma dun dos ciclóns que vimos anteriormente. Empregando unha imaxes que aparecen abaixo debemos dicir a forma, as cores...